Acerodon jubatus

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Raposo voador
Golden crowned fruit bat.jpg
Estado de conservación
En perigo
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Mammalia
Orde: Chiroptera
Familia: Pteropodidae
Xénero: 'Acerodon'
Especie: ''A. jubatus''
Nome binomial
''Acerodon jubatus''
(Eschscholtz, 1831)

O Acerodon jubatus é un raro morcego megaquiróptero da familia Pteropodidae. É o morcego de maior tamaño coñecido no mundo. Esta especie atópase ameazada e está catalogada actualmente como en perigo de extinción,[1] debido á súa caza intensiva para obter a súa carne e ao furtivismo. Son endémicos de Filipinas, onde viven en covas e árbores das selvas de Maitum, provincia de Sarangani.

Descrición[editar | editar a fonte]

Os megaquirópteros reciben xeralmente o nome de morcegos da froita ou tamén «raposos voadores» por mor da súa semellanza facial cos raposos. O raposo voador filipino é un bo exemplo deste parecido. Carecen de cola, teñen un longo fociño puntiagudo comparado co dos microquirópteros e pequenas orellas que lles dan o aspecto dun raposo con ás. Ten uns grandes ollos e, como os demais megaquirópteros, carecen de ecolocación.

Están considerados como os maiores morcegos do mundo, cunha envergadura media de 1,5 m e un peso de até 1,2 kg (aínda que o Pteropus vampyrus ten unha maior envergadura). Os machos son maiores e máis pesados cás femias.[2]

Hábitat[editar | editar a fonte]

O raposo voador filipino está confinado ás selvas tropicais de Filipinas. Pódeselles atopar en moitas zonas diferentes destas selvas, dende o nivel do mar até os bosques montañosos. Prefiren as áreas deshabitadas, como demostra un estudo de 2005 que non atopou ningún exemplar en áreas habitadas.[3] O mesmo estudo tamén revelou que estes morcegos usan máis o río como eixo fluvial do que inicialmente se cría, porque as figueiras localizadas preto de ríos son a súa principal fonte de alimento; á súa vez comprobouse que lles gusta estar preto de campos agrícolas, pero só en áreas forestais tranquilas. Noutro estudo móstrase que é unha especie forestal obrigada, e que permanece na selva a maior parte do tempo, polo que para a súa conservación é necesario preservar as áreas boscosas. A intervención humana no hábitat forestal e de terras baixas deste morcego é o factor principal da súa inclusión na lista de especies en perigo.[4]

Ecoloxía e comportamento[editar | editar a fonte]

A. Jubatus é fundamentalmente nocturno, e pode viaxar máis de 40 quilómetros nunha soa noite buscando comida. É un importante polinizador e dispersor de sementes para moitas árbores froiteiras das Filipinas.

Unha característica curiosa desta especie é que se cre que unha das razóns polas que vive preto da auga é porque a usa para asearse; cando voan sobre a auga poden descender e recollela coas súas ás, e posteriormente utilizala para peitearse e limparse. Pola súa banda este aseo tamén pode axudarlles a ficar limpos e menos perceptibles para os seus depredadores.[3]

O seu principal alimento son catro especies de figos, aínda que tamén come outras froitas se estes non están dispoñibles. Reportouse que comen a froita cultivada, pero isto é realmente raro ou moi pouco común. Son moi importantes para as selvas tropicais das Filipinas, coñecido como «o sementador silencioso», a miúdo deixan caer sementes durante o voo ou os liberan nos seus descensos. Isto axuda ao bosque a rexenerarse e sen este morcego a selva tropical na que habita veríase seriamente afectada sen este gran distribuidor de sementes, causando un importante impacto no seu desenvolvemento e conservación.[5][4]

Sábese pouco sobre a súa reprodución. Parecen ter dúas tempadas criadoras, pero as femias só quedan preñadas durante unha delas. Xeralmente dan a luz a unha soa cría. As femias acadan a madurez sexual aos dous anos. Non se dispón de información sobre a súa lonxevidade.[2]

Cando os morcegos fruxívoros eran moito máis comúns nas Filipinas, A. jubatus formaba grandes colonias con outros grandes raposos voadores, como o gran Pteropus vampyrus, e reportáronse colonias de máis de 150 000 individuos.[6] Este comportamento, que os fixo tan doados a cazar, axudábaos a manterse quentes e máis a salvo de potenciais depredadores.[7]

Conservación[editar | editar a fonte]

O raposo voador filipino atópase en perigo pola deforestación e desapareceu completamente de moitas illas pequenas e algunhas illas máis grandes, como Cebú por mor desta causa. Tamén os cazan comercialmente pola súa carne nalgunhas áreas. A administración municipal de Maitum (Sarangani) nas Filipinas organizou unha campaña para salvar esta rara especie da extinción.

Nas Filipinas e en todo o mundo sábese pouco sobre esta especie o que a fai máis difícil de administrar, pero á vista da forte diminución do seu número moitas organizacións ecoloxistas e axencias gobernamentais tentan frear a súa decadencia e tentan a súa recuperación nas rexións silvestres de Filipinas. A rexión filipina de maila Súbic e súa baía é sede de varias investigacións sobre a especie, e conta cunha área de protección de máis de 5000 ha xestionada por particulares que desexan conservar a especie.

Algunhas axencias conservacionistas promoven a recuperación desta especie, como Bat Conservation International, Wildlife Conservation Society, Fondo Mundial para a Natureza e outras. Estas axencias promoven a conservación de varias formas, como o financiamento de investigacións e proxectos educativos na zona e por todo o mundo.[3]

A Unión Internacional para a Conservación da Natureza (UICN) puxo en marcha un programa de cría en catividade.[3]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Mildenstein, T., Cariño,A., Paul, S., Heaney, L., Alviola, P., Duya, A., Stier, S., Pedregosa, S., Lorica, R., Ingle, N., Balete, D., Garcia, J.J., Gonzalez, J.C., Ong, P., Rosell-Ambal, G. y Tabaranza, B. (2008). «Acerodon jubatus». IUCN Red List of Threatened Species. Version 2010. IUCN 2010. Consultado o 06/01/2011. 
  2. 2,0 2,1 Heinen, V. e B. Lundrigan (2009). «Acerodon jubatus golden-capped fruit bat» (en inglés). Animal Diversity Web. University Of Michigan Museum of Zoology. Consultado o 6/01/2011. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 Mildenstein, T.; Stier, S.; Nuevodiego, C. e Mills; L. (2005). «Habitat selection of endangered and endemic large flying-foxes in Subic Bay, Philippines». Biological Conservation (en inglés) 126: 93?102. doi:10.1016/j.biocon.2005.05.001. 
  4. 4,0 4,1 Stier, Sam e Mildenstein, Tammy L. (2005). «Dietary Habitat of the World's Largest Bats:The Philippine Flying Foxes, Acerodon Jubatus and Pteropus Vampyrus Lanensis» (PDF). Journal of Mammalogy (en inglés) 86: 719?28. doi:10.1644/1545-1542(2005)086[0719:DHOTWL]2.0.CO;2. 
  5. Mickleburgh, S.P., Hutson, A.M., Racey, P.A. (1992). «Old World Fruit Bats: An Action Plan for their Conservation». IUCN/SSC Chiroptera Specialist Group (en inglés). doi:10.2305/IUCN.CH.1992.SSC-AP.6.en. 
  6. Rabor, D. S. (1986). Guide to Philippine Flora and Fauna (en inglés). Natural Resources Management Centre, Ministry of Natural Resources and University of the Philippines. 
  7. Macdonald, D. W. (2006). The Encyclopedia of Mammals (en inglés). Oxford University Press. ISBN 0816064946. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Acerodon jubatus Modificar a ligazón no Wikidata

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]