Zoocoria

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar para a navegação Saltar para a pesquisa
Endozoocoria. Mata de visgo (Viscum album) medrando sobre unha póla de chopo (Populus), exemplo de planta endozoócora

En botánica chámase zoocoria á forma de dispersión dos propágulos na que o axente que realiza o transporte é un animal.

Características[editar | editar a fonte]

As plantas producen propágulos en forma de sementes, espidas ou acompañadas por partes derivadas doutros órganos (froito), que idealmente deben dispersarse a certa distancia. A vantaxe obtida da dispersión afastada é múltiple: a especie atopa unha oportunidade de espallar a súa área; os pés que medren xuntos non estarán tan emparentados (non serán tan consanguíneos) o que aumentará o vigor da súa común; os novos individuos non competirán con plantas nai polo espazo e os nutrientes.

Hai varias formas de promover o afastamento dos propágulos, que permiten distinguir sobre todo a anemocoria (dispersión polo vento) e a zoocoria.

Para a zoocoria as sementes ou os froitos presentan partes externas especializadas que facilitan a súa asociación cos animais. Distínguense dúas modalidades:

  • Epizoocoria. Tamén recibe os nomes de ectozoocoria e exozoocoria. As sementes ou froitos adhírense á superficie dos animais por medio de substancias adhesivas ou de estruturas mecánicas que favorecen a fixación, tales como ganchos ou arpóns.
  • Endozoocoria. As sementes son engulidas por determinados animais, atraídos por unha testa (cuberta da semente), un froito de consistencia carnosa ou algún outro cebo. Os froitos e sementes preparados para iso son portadores de recompensas ou reclamos cos que á vez atraen aos seus axentes dispersantes.

Epizoocoria[editar | editar a fonte]

Epizoocoria. Propágulos do bardán (Arctium lappa), unha planta epizoócora. Obsérvanse os extremos ganchudos das brácteas espiñentas

En galego chámase abrollos aos distintos froitos dotados de petiscos ou ganchos que se adhiren ao xeito dos mamíferos ou á roupa. Moitas gramíneas producen espiguiñas con esa mesma propiedade. Noutros casos a fixación conséguese por substancias adhesivas.

Endozoocoria[editar | editar a fonte]

Moitas plantas producen froitos carnosos ou sementes carnosas, acuosos, nutritivos, ricos en aromas e de cores rechamantes. A adaptación que implican é a atracción de animais, que os devoran, pasando as sementes ao tracto dixestivo do animal. As sementes non só resisten os fluídos gástricos, senón que en xeral non acadan a plena capacidade de xerminar se non experimentan os seus efectos.

En plantas parasitas que crecen sobre as ramas das árbores, como o visgo (Viscum album) e outras lorantáceas, a dispersión depende das aves e outros animais arborícolas, e é a única maneira de asegurar que as sementes acaden novas pólas sobre as que xerminar.

Endozoocoria. Froito aberto de granada mostrando as sementes con sarcotesta carnosa e vermella, destinada a atraer ás aves
Mirmecocoria. Sementes de Acacia dealbata, algunhas portando aínda os elaiosomas que serven de recompensa ás formigas

As oliveiras, por exemplo, deben ser tragadas, antes de xerminar; o que fan aves de tamaño medio como as pegas. Son abundantes os froitos pequenos de cor máis ou menos intensamente vermello, como as cereixas, que deben seguir este tratamento. A súa cor correspóndese precisamente coa máxima sensibilidade do ollo das aves, o equivalente do que representa o amarelo na nosa propia visión. Moitos froitos tropicais amarelos ou alaranxados están adaptados a ser devorados por monos. Interprétase de feito que a visión da cor que distingue aos primates (monos) dos outros mamíferos (que non distinguen as cores) representa un caso de coevolución ou coadaptación dos primates, arborícolas como son, ás árbores das rexións tropicais onde se orixinaron. Outro grupo de mamíferos que, como os primates, é chamado á dispersión é o dos macroquirópteros, os chamados raposos voadores, grandes morcegos propios de selvas tropicais que acoden ás flores, actuando tamén como polinizadores, e aos froitos. Chámase fruxívoros (literalmente comedores de froita) aos animais que presentan esta adaptación.

Nas cereixas o cebo forma parte do froito, en concreto do mesocarpo, pero noutras especies pode ser parte directamente da semente, como ocorre na granada, cuxas sementes están dotadas dunha sarcotesta vistosa e doce.

Algúns froitos presentan as sementes dispersas na polpa, como ocorre en melóns, sandías e cabazas (cucurbitáceas, fam. Cucurbitaceae) e tamén nas mazás, peras e outras rosáceas emparentadas. Nestes casos o axente dispersante adoita ser algún mamífero omnívoro.

As plantas endozoócoras obteñen outra vantaxe para as súas sementes, e é que estas son sementadas con acompañamento dunha dose de fertilizante, a que representan as feces xunto ás que son abandonadas.

Ornitocoria[editar | editar a fonte]

Chámase ornitocoria a dispersión das sementes realizadas por paxaros.

Mirmecocoria[editar | editar a fonte]

Un caso especial de zoocoria ofréceno as plantas que se serven de formigas para a súa dispersión. Este fenómeno, chamado mirmecocoria, require que as sementes porten unha parte, non necesaria para a xerminación, que xustifique o esforzo das formigas. Como regra xeral trátase de apéndices chamados eleosomas ou elaiosomas (literalmente corpos graxos), ricos en nutritivos aceites. As formigas colleitan esas sementes transportándoas até os seus niños, onde o elaiosoma é separado activamente e a semente abandonada.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Font Quer, P. (1982). Diccionario de Botánica. 8ª reimpresión. Barcelona: Editorial Labor, S. a. ISBN 84-335-5804-8. 
  • Gola, G., Negri, G. e Cappeletti, C. 1965. Tratado de Botánica. 2ª. edición. Editorial Labor S.A., Barcelona, 1110 p.
  • Strassburger, E. 1994. Tratado de Botánica. 8vai. edición. Omega, Barcelona, 1088 p.

Outros artigos[editar | editar a fonte]