Abetouro americano
Abetouro americano | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Estado de conservación | |||||||||||||||
Pouco preocupante[1] | |||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Área de distribución de B. lentiginosus Área de reprodución Área onde vive todo o ano Área de invernada
| |||||||||||||||
Sinonimia | |||||||||||||||
|
O abetouro americano[3][4] (Botaurus lentiginosus) é unha especie de ave limícola da familia das garzas. Ten unha distribución neártica e reprodúcese no Canadá e nas partes septentrionais e centrais dos Estados Unidos, e pasa o inverno nos estados da costa do golfo de México, toda Florida nos Everglades, as illas do Caribe e partes de América Central.
É unha ave parda ben camuflada e solitaria, que habita discretamente marismas e as zonas de vexetación dura das ribeiras de lagos e lagoas. Na estación reprodutora é principalmente identificable pola súa chamada alta e resoante. Constrúen o niño sobre a auga, xeralmente entre ciperáceas e Typha latifolia, onde a femia incuba uns ovos de cor olivácea durante unhas catro semanas. As crías abandonan o niño dúas semanas despois de nacer e xa teñen todas as plumas ás seis ou sete semanas.
Aliméntase principalmente de peixes, pero tamén doutros vertebrados pequenos e de crustáceos e insectos. É bastante común na súa ampla área de distribución, pero se cre que as súas poboacións están diminuíndo, especialmente no sur, debido á degradación do hábitat. Porén, a poboación total é grande, e a Unión Internacional para a Conservación da Natureza avaliou o seu status de conservación como "pouco preocupante".
Descrición
[editar | editar a fonte]É unha ave grande, robusta e marrón, moi similar ao abetouro común (Botaurus stellaris), aínda que lixeiramente menor, e a súa plumaxe ten manchas en vez de estar barrada. Mide entre 58 e 85 cm de lonxitude, cunha envergadura de ás de 92 a 115 cm e un peso de 370 a 1072 g.[5][6]
A parte superior da cabeza é de cor castaña co centro das plumas negro. A parte lateral do pescozo ten unha mancha negro azulada alongada máis longa no macho que na femia. A parte posterior do pescozo é olivácea e o manto e zona escapular son castañas escuras, barradas e con manchas negras, e algunhas plumas están beireadas de beixe. Toda a parte dorsal e as plumas coberteiras da parte superior da cola son similares en cor pero con manchas máis finas negras e con bases das plumas grises. As plumas da cola son castañas con beiras con pintas e as primarias e secundarias son marróns anegradas con puntas beixes ou castañas. As meixelas son marróns cunha liña supercicliar beixe e unha banda no bigote de similar cor. O queixo é de cor crema cunha banda central castaña e as plumas da gorxa, peito e parte superior da barriga son beixes e de cor óxido, finamente beireadas de negro, facendo un efecto de bandeado na parte inferior. Os ollos están rodeados de pel amarelada e o iris é amarelo pálido. O peteiro longo e robusto é verde amarelado, a mandíbula superior é máis escura que a inferior e as patas e pés son verdes amarelados. Os inmaturos lembran os adultos, pero as partes laterais dos pescozos son menos oliváceos.[7]
Taxonomía
[editar | editar a fonte]O abetouro americano foi descrito primeiramente en 1813 polo crego inglés Thomas Rackett a partir dun individuo errante que examinou en Dorset, Inglaterra.[8] Hoxe non se acepta ningunha subespecie;[8] porén, encontráronse fósiles no río Ichetucknee en Florida, e foron orixinalmente descritos como unha nova forma de garza (Palaeophoyx columbiana; McCoy, 1963)[9] e despois recoñeceuse que era unha subespecie prehistórica máis pequena do abetoruo anmericano, que viviu durante o Plistoceno tardío (Olson, 1974)[10] e así tería que denominarse B. l. columbianus. O seu parente máis próximo é o Botaurus pinnatus de América do Sur e Central.[8]
O nome xenérico Botaurus deullo o naturalista inglés James Francis Stephens e deriva do latín butaurus.[11] Na súa Historia Natural Plinio o Vello dálle un nome que é unha grazosa derivación de Bos (boi) e taurus (touro), porque a chamada da ave lembra os urros dun touro.[12] O nome da especie lentiginosus é a palabra latina para "pencado", de lentigo, "penca", e refírese á súa plumaxe de pintas ou manchas.[11]
Distribución e hábitat
[editar | editar a fonte]A súa área de distribución comprende gran parte de Norteamérica. Reprodúcese no sur do Canadá polo norte ata a Columbia Británica, o Gran Lago do Escravo e a baía de Hudson e en gran parte dos Estados Unidos e posiblemente no centro de México. migra cara ao sur en outono e pasa o inverno nos estados do sur dos Estados Unidos da rexión da costa do golfo de México, principalmente nos pantanos dos Everglades de Florida, as illas do Caribe e México, e hai rexistros en Panamá e Costa Rica. Como ave migratoria de longa distancia, é unha ave errante moi rara en Europa, incluíndo Galicia, onde é unha ave accidental rara (ver Lista das aves de Galicia). É unha ave acuática e frecuenta os pantanos, marismas e as marxes con vizosa vexetación de lagos de augas pouco fondas e lagoas, tanto de auga doce coma salobre ou mesmo salina. Por veces aliméntase en zonas abertas en prados húmidos e pasteiros.[7][8]
Comportamento
[editar | editar a fonte]O abetouro americano é unha ave solitaria que normalmente se mantén ben agochada e é difícil de observar. Xeralmente caza camiñando silandeiramente en augas pouco profundas e entre a vexetación, axexando as súas presas, pero ás veces queda de pé inmóbil preparando unha emboscada. Se sente que a viron, permanece quieta, co peteiro apuntando cara a arriba, de modo que a súa coloración críptica fai que se confunda coa follaxe que a rodea. O abetouro americano é principalmente nocturno e máis activo entre lusco e fusco. É máis fácil oílo que velo, o macho ten unha chamada resoante alta que lembra unha bomba entupida e que se describiu como "oong, kach, oonk".[8] Mentres emite este son, a cabeza da ave móvese convulsivamente cara a arriba e abaixo, e o son é repetido sete veces.[7]
O proceso polo cal produce o seu distintivo son non se comprende totalmente. Suxeriuse que a ave infla gradualmente o seu pescozo inchando o esófago de aire o que vai acompañado dun como de estalidos ou himpo. O esófago mantense inflado por medio dunhas lingüetas que ten detrás da lingua. Unha vez que completou esta acción e o esófago está xa inflado de todo, faise na sirinxe o distintivo son de inhalar. Cando acaba o son, o paxaro desincha o esófago.[13]
Igual que outros membros da familia das garzas, o abetouro americano aliméntase en marismas e lagos pouco profundos, depredando principalmente peixes pero tamén anfibios, réptiles, pequenos mamíferos, crustáceos e insectos. É un animal territorial e fai unha exhibición de ameaza na que ergue lentamente as longas plumas brancas dos seus ombreiros, que tiña previamente ocultas, para formar extensións parecedas a ás que case se xuntan no seu dorso, polo que semella unha gorgueira. Entón a ave permanece de pé quieta nunha postura ameazante, ou axexa ao intruso nunha posición encrequenada, coa cabeza retraída e un camiñar deslizante.[7]
Nidifica en solitario en marismas entre vexetación dura como Scirpus e Typha latifolia. A femia constrúe o niño e o macho vixíao. O niño adoita estar uns 15 cm por riba do nivel das augas e consta dunha plataorma irregular de talos e xuncos mortos, ás veces cunhas poucas ramiñas mesturadas, e está forrado con herbas duras. Pon ata seis ovos que incuba a femia durante 29 días. Os ovos son de forma acusadamete ovoide, de cor beixe olivácea e sen manchas, e como media miden 49 × 37 mm. Os polos son alimentados individualmente; cada un por quenda recibe comida regurxitada da femia directamente no seu peteiro. Abandonan o niño ás dúas semanas e están completamente emplumados ás seis ou sete semanas.[7]
Status
[editar | editar a fonte]As poboacións desta ave están declinando en moitas partes da súa área de distribución debido á perda de hábitat. Isto é especialmente obvio na parte sur, onde a contaminación química e o desenvolvemento humano están reducindo a superficie dos hábitats axeitados.[14]
Porén, a ave ten unha área de distribución extremadamente grande e unha poboación total tamén grande, polo que a Unión Internacional para a Conservación da Natureza considera o seu estado de conservación como "pouco preocupante".[1] A especie está protexida pola Lei do Tratado de Aves Migratorias de 1918 dos Estados Unidos.[15] Tamén está protexida pola Lei da Convención de Aves Migratorias do Canadá de 1994 da que son signatarios os Estados Unidos e o Canadá.[16]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 BirdLife International (2012). "Botaurus lentiginosus". IUCN Red List of Threatened Species (IUCN) 2012: e.T22697340A40248721. doi:10.2305/IUCN.UK.2012-1.RLTS.T22697340A40248721.en. Consultado o 27 August 2016.
- ↑ Lepage, Denis. "American Bittern Botaurus lentiginosus (Rackett, 1813)". Avibase. Consultado o 29 November 2015.
- ↑ Conde Teira, M. A. (1999). "Nomes galegos para as aves ibéricas: lista completa e comentada" (PDF). Chioglossa (A Coruña) 1: 121–138. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15 de marzo de 2016. Consultado o 28 de setembro de 2016.
- ↑ Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (setembro de 2004). Guía das aves de Galicia. Ilustrado por Calros Silvar (2ª ed.). A Coruña: Baía Edicións. ISBN 84-96128-69-5.
- ↑ "American Bittern". All About Birds. Cornell Lab of Ornithology. Consultado o 27 November 2015.
- ↑ CRC Handbook of Avian Body Masses by John B. Dunning Jr. (Editor). CRC Press (1992), ISBN 978-0-8493-4258-5.
- ↑ 7,0 7,1 7,2 7,3 7,4 Witherby, H. F., ed. (1943). Handbook of British Birds, Volume 3: Hawks to Ducks. H. F. and G. Witherby Ltd. pp. 160–162.
- ↑ 8,0 8,1 8,2 8,3 8,4 Martínez-Vilalta, A.; Motis, A.; Kirwan, G.M (2014). "American Bittern (Botaurus lentiginosus)". Handbook of the Birds of the World Alive. Lynx Edicions, Barcelona. Consultado o 28 October 2015.
- ↑ McCoy, John J. (1963). "The fossil avifauna of Itchtucknee River, Florida" (PDF). Auk 80 (3): 335–351. doi:10.2307/4082892.
- ↑ Olson, Storrs L. (1974). "A reappraisal of the fossil heron Palaeophoyx columbiana McCoy" (PDF). Auk 91 (1): 179–180. doi:10.2307/4084689.
- ↑ 11,0 11,1 Jobling, James A (2010). The Helm Dictionary of Scientific Bird Names. London: Christopher Helm. pp. 75, 221. ISBN 978-1-4081-2501-4.
- ↑ "Bittern (1)". Oxford English Dictionary. Oxford University Press. Consultado o 16 May 2016.
- ↑ Chapin, James, P. (1922). The Function of the Oesophagus in the Bittern's Booming. The Auk, Vol XXXIX. p. 196.
- ↑ Gardner, Dana; Overcott, Nancy (2007). Fifty Uncommon Birds of the Upper Midwest. University of Iowa Press. p. 11. ISBN 978-1-58729-590-4.
- ↑ "List of Migratory Bird Species Protected by the Migratory Bird Treaty Act as of December 2, 2013". Migratory Bird Program. U.S. Fish & Wildlife Service. Consultado o 27 November 2015.
- ↑ MacDowell, Laurel Sefton (2012). An Environmental History of Canada. UBC Press. p. 113. ISBN 978-0-7748-2103-2.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Abetouro americano |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Abetouro americano |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- National Geographic Society (2002). Field Guide to the Birds of North America. National Geographic, Washington DC. ISBN 0-7922-6877-6
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Abetoruro americano – Cornell Lab of Ornithology
- Abetouro americano – Botaurus lentiginosus – USGS Patuxent Bird Identification InfoCenter
- Abetoruro americano Botaurus lentiginosus – ENature.com
- Vídeos, fotos, e sons de North American Bittern na Internet Bird Collection
- Galería de fotos de American Bittern en VIREO (Universidade de Drexel)