A illa misteriosa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
A illa misteriosa
Ile Mysterieuse 02.jpg
Portada da primeira edición
Título orixinal L'Île mystérieuse
Autor/a Jules Verne
Ilustrador Jules Férat
Orixe Francia
Lingua francés
Xénero(s) Novela, Aventuras
Editorial Hetzel
Data de pub. 1874

A illa misteriosa (en francés: L'Île mystérieuse) é unha novela de aventuras do escritor francés Jules Verne que foi publicada no 1874.

Nesta obra apréciase a admiración do seu autor pola ciencia aplicada, tan presente en toda a súa obra, sintetizándoa a través dun dos seus personaxes que encerra en si mesmo o coñecemento e a capacidade de adaptación ó medio do ser humano: o enxeñeiro Ciro Smith. Este personaxe, dotado cun amplo coñecemento xeral, articula a historia e faina verosímil. O libro forma parte dunha triloxía que ademais compoñen Les Enfants du capitaine Grant e Vinte mil leguas baixo dos mares. Tal como o propio Verne aclaraba ó seu editor, esta sería "unha novela que tratase sobre química": partindo practicamente dende cero, os protagonistas conseguen fabricar mesmo ácido sulfúrico, un dos produtos químicos máis avanzados da época.

Ile Mysterieuse 01.jpg

Personaxes[editar | editar a fonte]

  • Ciro Smith: enxeñeiro estadounidense. Convértese no xefe natural dos náufragos.
  • Pencroff: mariño de profesión, tiña ó seu cargo ó fillo do seu capitán, Harbert.
  • Gédéon Spillet: xornalista.
  • Harbert: adolescente, fillo do capitán de Pencroff.
  • Nab: ex escravo negro, ó servizo de Smith.
  • Nemo: capitán do Nautilus.
  • Tom Ayrton: presidiario evadido, confinado nun illote.
  • Top: can de Ciro Smith.
  • Jup: simio que os axudou a baixar a escaleira.

Argumento[editar | editar a fonte]

Chegada á illa

Primeira parte: Os náufragos do aire[editar | editar a fonte]

A acción transcorre na imaxinaria Illa de Lincoln, durante a Guerra de Secesión estadounidense.

No 1865, os exércitos da Unión Americana, liderados por Ulysses S. Grant e o dos confederados dirixidos por Lee dispútanse a cidade de Richmond, cuxa posesión determinará a fin da guerra.

En dita cidade, son feitos prisioneiros o enxeñeiro Ciro Smith (un sabio de primeira orde), o xornalista do New York Herald Gédéon Spillet, o mariño Pencroff e o seu afillado Harbert Brown, e o criado de Smith: Nab.

Os cinco reféns encontran a forma de saír de Richmond grazas a un globo aerostático que estaba destinado a Jonathan Forster e que non partiu debido a un furacán. Todos eles xunto co can Top parten cara o sur o 20 de marzo de 1865. Pero o furacán no lles permite baixar e quedan suspendidos por 5 días no ceo, ata que o globo se queda sen aire e caen na praia dun illote.

Ciro Smith desaparece pouco antes de chegar, e os intentos de atopalo non dan resultados. Pencroff e Harbert convértense en cazadores, e Nab é o cociñeiro. O 27 de marzo, Gédéon Spillet atopa ó can Top, o cal o leva a buscar a Smith, quen seguía vivo. Logran reanimalo e lévano ó seu refuxio provisional, coñecido como As Chemineas.

Ciro Smith, cos seus enciclopédicos coñecementos, posibilita dende un principio a supervivencia inicial dos seus compañeiros nunha contorna hostil, chega a modificar o xeito de vida do resto dos habitantes da illa ata procurar unha estancia case urbana para os seus compañeiros grazas ós seus coñecementos no campo da física, a agricultura e a química. O 29 de marzo, Smith e o seu equipo soben ó monte máis alto da rexión e descobren que están nunha illa de gran tamaño, fértil na súa maior parte, á que chaman Illa de Lincoln. Tamén dan nome ós lugares importantes e ó monte.

Despois de moitos esforzos, Smith e os seus compañeiros determinan a posición da illa, fan lume, obxectos de olaría, obxectos de metal, convértense en metalúrxicos, logo en mineiros e finalmente en químicos, chegando a fabricar ácido nítrico, ácido sulfúrico e nitroglicerina.

Durante a súa estancia na illa son vixiados, sen sabelo, por unha forza que habita no interior da illa. Ciro Smith e os seus compañeiros tópanse con feitos inexplicables, como a salvación de Ciro e de Top do ataque dun dugongo. Smith descobre que a auga do lago Grant desemboca baixo terra, e alí hai unha abeiro moi grande que pasa a ser o seu fogar, que chamarán Pazo de Granito.

No 1866, Pencroff decide construír un barco que lles sirva para ir a calquera sitio que desexen. Pero antes, descobren unha bala no corpo dun leitón, e cren que alguén máis reside na illa.

Segunda Parte: O abandonado[editar | editar a fonte]

Mapa da Illa Lincoln.

Ciro Smith séntese moi intrigado pola bala e decide que algún día buscara ó seu dono, e xura encontralo. Pouco despois dese descubrimento, os cinco colonos e Top fan unha exploración da costa da illa, excepto o norte. Non encontran a ninguén, pero ó regresar pola noite non poden cruzalo río da Mercede, pero nese momento aparece unha canoa flotando xunto a eles. Ciro Smith apúntao na lista de feitos inexplicables. Ó regresar ven que o Pazo de Granito fora invadido por monos. Logran expulsalos e Pencroff queda cun deles, ó que chama Jup.

Pencroff remata o seu barco e na viaxe inaugural, Harbert descobre unha botella que contén unha nota escrita por un náufrago, o cal reside noutra illa.

Pencroff prepárase para a viaxe de rescate, a pesar das advertencias do enxeñeiro. Xunto a Harbert e Gédéon Spillet, descobren que o náufrago se volveu salvaxe, e con mágoa lévano á illa de Lincoln. Ciro Smith decide devolverlle o uso da razón e déixao repousar.

O malpocado recupérase axiña e, un día que o deixan libre, recupera a cordura e afástase dos colonos. Desaparece, pero volve ó Pazo de Granito e revélalles o seu nome: Ayrton Ben Joyce, que fora un traidor e sanguinario pirata. Ciro Smith perdóalle e dálle a oportunidade de emendarse.

Ayrton vólvese un colono máis, e é intelixente, honrado e xeneroso. Ciro Smith prepara unha viaxe ó norte da illa, que é unha zona árida e tétrica debido ás emanacións de lava de tempos inmemoriais. Alí non hai máis que po e rocas ígneas.

Ciro Smith constrúe un curro para as ovellas e cabras preto do monte Franklin, no cal Ayrton constrúe a súa casa. A mediados de 1867, Harbert toma unha fotografía do litoral da illa, e descobre que un barco se dirixe ó Pazo de Granito.

Terceira Parte: O segredo da illa[editar | editar a fonte]

Ciro Smith teme o peor desa visita, e prepara a defensa das súas propiedades. Como os colonos só son seis e os piratas eran máis de cincuenta e estaban ben armados, as perspectivas non son favorábeis para os primeiros, pero Smith ten un plan. Ayrton ofrécese a espiar o barco pola noite, e a súa proposta é aceptada, xa que, se é un barco pirata, non hai moito que esperar de eles.

De noite, Ayrton descobre que o barco está cheo de prisioneiros fuxidos da illa Norfolk, dirixidos por Bob Harvey, e queren converter a illa no seu cuartel xeral. Ayrton vai ó camarín da pólvora e intenta estoupar o buque, pero o propio Harvey deteno.

Ciro e os seus compañeiros saben afrontar a morte, e reciben ós fuxitivos a balazos, e así impiden o desembarco. Bob Harvey, ó ver que dez dos seus piratas morreron, manda entrar no río da Mercede. O Pazo de Granito é descuberto, pero unha explosión interna no buque pirata acaba coa ameaza.

Smith e os seus amigos descobren, máis tarde, que a explosión fora provocada por un torpedo enviado por unha poderosa máquina. Xa non teñen dúbida de que un home xeneroso é o autor dos feitos inexplicables na illa.

Só quedaron seis piratas sobreviventes, que vagan pola illa. Ciro aconsella precaución ó levar a cabo desprazamentos pola illa.

Un día, Ayrton é apresado e secuestrado, o cable telegráfico é destruído e Harbert é ferido de gravidade.

Smith, Spillet e Pencroff agardan a recuperación de Harbert, que chega a estar a un paso da morte, para acabar cos últimos cinco piratas que quedan, pero é o misterioso protector dos colonos quen logra ese obxectivo. Ciro Smith desexa ardentemente coñecelo.

Durante ese ano de 1868, o máis próspero e alegre de toda a súa estancia na illa, non faltan a comida nin o traballo.

Pero xorde unha ameaza directa ó futuro da illa: en setembro de 1868, aparece unha columna de fume no monte Franklin.

Fin da historia[editar | editar a fonte]

A fin da illa

Ciro Smith, despois de moitas investigacións, anuncia unha erupción en pouco tempo: en 6 meses como moito. Pencroff prepara a toda presa un barco meirande que o anterior, como precaución ante un futuro perigo. O 15 de outubro, os colonos reciben unha mensaxe telegráfica do xeneroso protector. Ciro e os seus compañeiros acoden ó seu encontro.

Nunha cova baixo o volcán, no seu prodixioso Nautilus, atópase o capitán Nemo, dende onde socorre ós colonos. Sentindo próxima a hora da súa morte, desvélalles o seu gran segredo. Ó final, como era de esperar, a illa desaparece completamente no océano, e os náufragos, apiñados sobre unha rocha, son recollidos por un barco, o Duncan. Levan con eles as xoias que Nemo lles regalara, e así poden vivir desafogadamente o resto das súas vidas e facer as obras de caridade que o arrepentido capitán lles encomendara.

Traducións[editar | editar a fonte]

No ano 2007 Ánxela Gracián traduciuna ao galego para bivir.com. Anos máis tarde (2014) foi reeditada esa tradución por Edicións Xerais.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]