.gal
.gal | |
---|---|
![]() | |
Ano de creación | 2009-2010 |
En servizo desde | 12 de abril de 2014 25 de xullo de 2014 |
Tipo | Dominio de primeiro nivel |
Estado | Aprobado |
Rexistrador | Asociación Puntogal |
Patrocinador | Asociación Puntogal |
Finalidade | Webs galegas e en galego |
País | ![]() |
Web | Dominio.gal |
O dominio .gal é un dominio de internet de primeiro nivel que forma parte do sistema de dominios de internet patrocinados (sponsored TLD en inglés) para a lingua galega e a súa cultura. Foi aprobado oficialmente pola ICANN o 14 de xuño de 2013. O novo dominio é utilizado para webs en galego fundamentalmente, tal e como está determinado nas normas da ICANN. Entrou en funcionamento o 16 de maio de 2014 coa páxina www.dominio.gal.[1]
O caso do dominio catalán[editar | editar a fonte]
A aprobación do dominio catalán, o .cat. Para acadar este dominio foi fundamental a suma de todas as vontades da sociedade civil, empresarial, e política catalá. Unha cantidade de asociacións culturais, empresariais, e fundacións, así como persoas de toda condicións sumáronse a tal proxecto, que contou cun importante apoio institucional, contando co apoio do Estado español, ao ser consultado pola ICANN.
Asociación Puntogal[editar | editar a fonte]
Puntogal (de ".gal") é unha asociación sen ánimo de lucro cuxa finalidade é a creación dun dominio de internet patrocinado específico para a cultura galega. Constituíuse o 10 de xuño de 2006 e está formada por varias institucións e asociacións galegas; propón o uso do dominio de primeiro nivel .gal para as páxinas en galego. Está presidida por Manuel González González (exsecretario do Instituto da Lingua Galega e exsecretario e ex-tesoureito da RAG).
O dominio ".gal" correspondería á comunidade galega, nun senso xeral, en función dun criterio de ser unha comunidade con fortes vencellos (lingüísticos, culturais, históricos, sociais), e independentemente de ningún criterio xeográfico. A proposta puntogal non está relacionada coa proposta dun dominio xeográfico de dúas letras (.gz, por exemplo), dominios para os que é necesario ser un estado recoñecido polas Nacións Unidas ou algunha das súas axencias.
En 2007 foi galardoada co Premio Xoán Manuel Pintos do Concello de Pontevedra.
Recoñecementos[editar | editar a fonte]
O 16 de novembro de 2007 foille entregado o Premio Xoan Manuel Pintos concedido polo Concello de Pontevedra e a Rede de Entidades Amigas da Lingua (REAL).
Historia[editar | editar a fonte]
O dez de xuño de 2006 foron varias as entidades fundadoras da asociación que puxeron en marcha a candidatura. Naquel pequeno acto sentáronse as bases que mantiveron vivo o proxecto durante este sete anos. Entre elas, o propósito firme de que a entidade que xestionará o dominio se autofinancie e reinvista os beneficios obtidos en promover a lingua e a cultura galegas.
O .gal foi apoiado pola Real Academia Galega, o Consello da Cultura, as tres universidades galegas, os distintos gobernos da Xunta de Galicia, centros de investigación, asociacións de empresas de novas tecnoloxías, colexios profesionais, medios de comunicación e por ducias de colectivos de base, a candidatura do dominio sentiuse sempre apoiada pola sociedade con máis de 12 000 apoios. Dentro e fóra. Máis de vinte asociacións de galegos no exterior de países como Estados Unidos, Brasil, Portugal, Francia, Suíza, Alemaña, Bélxica, Arxentina ou Uruguai están tamén detrás do dominio. O 16 de maio de 2014 presentouse a primeira páxina web do dominio .gal, www.dominio.gal, co gallo do Día de Internet e na véspera do Día das letras galegas.[2][3]
O 25 de xullo, Día Nacional de Galicia, entraron en funcionamentos as primeiras webs .gal,[4] entre as que se atopan webs da Xunta de Galicia, múltiples concellos galegos, Compañía de Radio-Televisión de Galicia, partidos políticos, fundacións, equipos deportivos como o Real Club Celta e Deportivo da Coruña e outras varias webs, nun total de 93 dominios "pioneiros" seleccionados de entre unha multitude de peticións.[4]
Cronoloxía[editar | editar a fonte]
- O 14 de xuño de 2013 o dominio foi aprobado oficialmente.[5]
- O 12 de abril de 2014 a ICANN activou o primeiro dominio .gal (nic.gal) e delegou a súa xestión á Asociación Puntogal o 12 de abril de 2014.[6]
- O 25 de xullo de 2014 entran en funcionamento os 93 primeiros dominios .gal.
- O 2 de decembro de 2014 ábrese o rexistro libre.
- O 6 de maio de 2017 acadou a cifra de 4 000 dominios rexistrados.[7]
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ Fernández, Marcus (7 de maio de 2014). Código Cero, ed. "A primeira páxina web creada baixo o dominio .gal presentarase o vindeiro día 16".
- ↑ "As páxinas web pioneiras do .gal comezarán a funcionar o 25 de xullo". Arquivado dende o orixinal o 19 de maio de 2014. Consultado o 19 de maio de 2014.
- ↑ Benvido ó dominio .gal
- ↑ 4,0 4,1 Pérez Pena, Marcos (22 de xullo de 2014). Praza Pública, ed. "Dende o 25 de xullo, Praza.gal".
- ↑ Galicia xa ten o .gal, nova en Praza Pública
- ↑ "ICANN delega o dominio .gal". 12 de abril de 2014. Arquivado dende o orixinal o 15 de abril de 2014. Consultado o 14 de abril de 2014.
- ↑ dominio.gal (ed.). "Xa somos máis de 4000 dominios .GAL". Arquivado dende o orixinal o 09 de agosto de 2017. Consultado o 19 de febreiro de 2018.
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
Bibliografía[editar | editar a fonte]
- González, M. (2014). "O dominio .gal: a visibilidade da lingua galega en Internet". Grial (203): 134–143. ISSN 0017-4181.