Violeta Chamorro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Violeta Barrios de Chamorro, nada en Rivas o 18 de outubro de 1929, foi unha política, xornalista e editora nicaraguana, presidenta de Nicaragua dende 1990 até 1997.

Biografía[editar | editar a fonte]

Naceu como Violeta Barrios Torres, filla de Carlos Barrios Sacasa e Amalia Torres Hurtado. No 1949, durante unhas vacacións no departamento de Rivas, nunha propiedade dos seus pais, coñeceu a Pedro Joaquín Chamorro Cardenal, de 25 anos de idade, fillo maior de don Pedro Joaquín Chamorro Zelaya (director do xornal La Prensa) e de dona Margarita Cardenal de Chamorro. Casou con el o 8 de decembro de 1950 na Igrexa Parroquial de Rivas. O 24 de setembro do ano seguinte de 1951 naceu Pedro Joaquín Chamorro Barrios, actual deputado da Alianza Liberal Nicaragüense (ALN), pasando a vivir a parella ao barrio San Sebastián, da capital Managua, na casa dos pais de Pedro Joaquín. Despois alugaron unha casa no barrio Candelaria e posteriormente viviron nunha casa propiedade de Violeta no barrio Santo Domingo, que lle regalou súa mai.

No 1952, o seu marido Pedro Joaquín Chamorro Cardenal, comezou a dirixir o diario La Prensa, contrario ao ditador Anastasio Somoza García a raíz do cal foi preso en varias ocasións. En 1953 naceu a súa segunda filla Claudia Lucía e ao ano seguinte (1954) naceu outra nena, Cristiana, e os Chamorro trasladáronse a vivir a Casa Colorada, El Crucero. En 1956 naceu o seu último fillo Carlos Fernando.

Fuga[editar | editar a fonte]

A inicios de 1957 un novo Consello de guerra condenou ao seu esposo por rebelión despois do atentado de Rigoberto López Pérez contra Somoza García, efectuado el 21 de setembro de 1956 (xa fora condenado por un anterior consello case 3 anos antes a causa da rebelión do 4 de abril de 1954 na que un grupo de ex oficiais da Garda Nacional (GN) e varios civís quixeron emboscar ao ditador Anastasio Somoza García na Estrada Panamericana, pero foron delatados por un traidor) e despois de 6 meses de cadea confinárono á cidade de San Carlos, cabeceira do departamento de Río San Juan; de alí fuxiu xunto co seu esposo ao país veciño de Costa Rica en abril de 1957, ambos pediron asilo político en San Xosé, a capital costarriqueña.

A UNO (Unión Nacional Opositora) e o terremoto de 1972[editar | editar a fonte]

En 1966, o seu esposo e Fernando Agüero Rocha, membros do Partido Conservador (PC), fundaron a Unión Nacional Opositora (UNO), unha coalición de cinco partidos opostos ao somocismo para ganar as eleccións do 5 de febreiro de 1967 contra o Xeneral Anastasio Somoza Debayle (fillo de Somoza García) e candidato do oficialista Partido Liberal Nacionalista (PLN). O domingo 22 de xaneiro de 1967 efectuouse a concentración da UNO na Praza da República da capital Managua. Entre as 5 e as 6 ocorreu a Masacre da Avenida Roosevelt, na cal soldados da Garda Nacional (GN) dispararon cos seus rifles semiautomáticos M1 Garand, de calibre 7,62 x 63 milímetros, contra a manifestación da UNO, morrendo entre 1000 e 1500 persoas; cando a xente se dirixía á Casa Presidencial da Loma de Tiscapa para protestar contra o presidente Lorenzo Guerrero Gutiérrez e o Xeneral Somoza Debayle. Pedro Joaquín e os demais dirixentes da UNO refuxiáronse no Gran Hotel, ao día seguinte Agüero saíu libre e continuou en campaña pero Pedro Joaquín e outros líderes foron detidos, entre eles Herty Lewites, Edén Pastora Gómez (capturado ese mesmo día ao regresar de Matagalpa por supostamente traer armas), Carlos Guadamuz Portillo (quen sería asasinado 37 años despois, o 10 de febreiro de 2004 por criticar á Fronte Sandinista de Liberación Nacional (FSLN) do cal se separou en 1999), os irmáns Sergio e Danilo Aguirre Solís, etc e xunto con Chamorro estiveron na cárcere El Hormiguero. Dúas semanas máis tarde Somoza Debayle ganou as eleccións e os 31 presos foron liberados por unha amnistía o 4 de marzo dese mesmo ano.

O 28 de marzo de 1971 Fernando Agüero Rocha asinou o pacto Kupia Kumi ("un só corazón" en miskito), no Teatro Nacional Rubén Darío, polo cal Somoza pactou con Agüero que este sería membro da Xunta Nacional de Goberno no período do 1 de maio de 1972 ao 1 de decembro de 1974. Os Chamorro e La Prensa condenaron o feito por sentírense traizoados.

Meses despois deuse o terremoto de Managua de 1972, o 23 de decembro, danou o edificio de La prensa que tiveron que trasladar e despois dos sismos fóronse vivir ao Reparto Las Palmas.

Na segunda páxina da primeira post-terremoto do diario, o último parágrafo do editorial do seu esposo di o seguinte:

El terremoto fue un ensayo de ese Juicio Final en sólo 30 segundos, y eso significa que nunca como ahora, debemos de reflexionar sobre el equilibrio de la creación a través del cual, el Ser Supremo reclama su verdadero y perenne lugar como Señor de todas las criaturas que entre sí, deben ser iguales y tratarse con equidad y justicia.

Asasinato de Pedro Joaquín[editar | editar a fonte]

No momento do asasinato do seu esposo, o 10 de xaneiro de 1978, Violeta Barrios de Chamorro atopábase en Miami, Florida, Estados Unidos, canda súa filla Cristiana preparando a voda desta con Antonio Lacayo Oyanguren (futuro Ministro da Presidencia). Pedro Joaquín ía nun automóbil ( un Saab sueco, color café, placas MA-2C-454-1977, de dúas portas, recentemente comprado) ao seu traballo ás 8 am. Anteriormente usaba un Volkswagen Beetle branco alemán. Sobre ás 8:15 am un auto Toyota Corona Mark II, de catro portas, cor verde escura, placas MA-2D-333-1977, que o viña seguindo, púxoselle ao lado e un dos ocupantes (Silvio Peña) disparoulle 3 tiros de escopeta calibre 12 mm dende o Corona Mark II matándoo no acto.

O Saab de Chamorro estrelouse de fronte contra un poste de luz na esquina suroeste da intersección da Calle Trébol e a Avenida Bolívar.

O 12 de xaneiro, Violeta presidiu o funeral de Pedro Joaquín, marchando da Parroquia do Sagrado Corazón de María no Reparto Las Palmas ao Cemiterio Xeral ou Occidental da capital, en medio dunha multitudinaria procesión fúnebre con moita xente da Unión Democrática de Liberación (UDEL) e os partidos opositores ao réxime somocista: Acción Nacional Conservadora (ANC), Partido Conservador (PC), Partido Liberal Independiente (PLI), Movimiento Liberal Constitucionalista (MLC) –actual Partido Liberal Constitucionalista (PLC)–, Partido Social Cristiano (PSC), Partido Popular Social Cristiano (PPSC), Partido Unionista Centroamericano (PUCA), Partido Socialista Nicaragüense (PSN), Partido Comunista de Nicaragua (PC de N) e o Movemento de Acción Popular Marxista Leninista (MAP-ML). Violeta Chamorro tomou o posto do seu marido na dirección do periódico.

Membra da Junta de Gobierno de Reconstrucción Nacional[editar | editar a fonte]

La Prensa participou na revolución sandinista que derrocou a Anastasio Somoza Debayle o 19 de xullo de 1979, e Chamorro formou parte da Xunta de Goberno de Reconstrución Nacional (JGRN). En abril de 1980, Chamorro deixa a xunta de reconstrución molesta pola política sandinista. Durante os anos 1980, en plena agresión dos contras (heteroxéneo grupo de organizacións políticas e armadas antisandinista, contrarrevolucionarios) a Nicaragua, La Prensa atacou fortemente as políticas do goberno e ao presidente Daniel Ortega. Á súa vez, o periódico foi suxeito de censura parcial ou total, e Chamorro foi acusada de recibir apoio económico dos Estados Unidos que apoiaba aos contras para derrocar o goberno.

Presidenta da República[editar | editar a fonte]

No 1989, postulouse como candidata presidencial pola novamente fundada UNO (Unión Nacional Opositora), coalición de 14 partidos políticos, formada co apoio dos Estados Unidos, contra Daniel Ortega da Frente Sandinista de Liberación Nacional (FSLN), a quen derrotou nas eleccións do 25 de febreiro de 1990 co 54 % dos votos e o 25 de abril do mesmo ano tomou posesión do poder no Estadio Nacional Denis Martínez. O seu goberno foi neoliberal e sufriu moitas folgas por parte do FSLN. Foi presidenta entre 1990 e 1997, ano no que a sucedeu Arnoldo Alemán, o 10 de xaneiro.

Predecesor:
Daniel Ortega
Presidenta de Nicaragua
Abril 1990 – Xaneiro 1997
Sucesor:
Arnoldo Alemán