Edén Pastora

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Edén Atanacio Pastora Gómez
Nome completoEdén Atanacio Pastora Gómez
Nacemento15 de novembro de 1936
Defunción16 de xuño de 2020
FidelidadeFronte Sandinista de Liberación Nacional
Exército Popular Sandinista
Alianza Revolucionaria Democrática
RangoComandante guerrilleiro
Comandante de Brigada
MandosComando Rigoberto López Pérez, 1978
Frente Sur, 1978–1979
Milicias Populares Sandinistas, 1980–1981
Alianza Revolucionaria Democrática, 1982–1986
Batallas/GuerrasFronte Sur: Colina 115, El Ostional
ARDE: República Libre de San Juan del Norte
Cónxuxe(s)Yolanda Torres

Edén Atanacio Pastora Gómez, máis coñecido como Edén Pastora ou Comandante Cero, nado en Ciudad Darío o 15 de novembro de 1936 e finado en Managua o 16 de xuño de 2020,[1] foi un guerrilleiro, político e militar nicaraguano.

Foi un dos máis connotados líderes militares da guerrilla do Frente Sandinista de Liberación Nacional (FSLN) (da tendencia "Tercerista" antes da Unidade), organizador e executor como Comandante Cero da toma do Palacio Nacional de Managua o 22 de agosto de 1978 xunto ó Comandante Un Hugo Torres e á Comandante Dúas Dora María Téllez. Durante a loita insurreccional contra Somoza dirixiu as operacións na Fronte Sur "Benjamín Zeledón" que enfrontaron os guerrilleiros do FSLN coas tropas de elite da Garda Nacional.

Tralo triunfo da Revolución Sandinista foille outorgado o grao honorífico de Comandante Guerrilleiro e o grao militar Comandante de Brigada no nacente Exército Popular Sandinista (EPS) e ocupou por un tempo o cargo de viceministro de Defensa e Xefe Nacional das Milicias Populares Sandinistas (MPS), antes de romper coa Fronte Sandinista e fundar no exilio en Costa Rica o grupo antifrentista ARDE (Alianza Revolucionaria Democrática).

Infancia e mocidade[editar | editar a fonte]

A súa infancia e adolescencia transcorreron estudando nun colexio xesuíta antes de marchar a estudar á Universidade de Guadalaxara en México. Da man da Garda Nacional, Pastora contaba contos no parque de chinandega. Regresou a Nicaragua en 1959 sen finalizar os estudos de medicina e sen entender por que fora estudar. Tamén estudou na Universidade de Managua.

A UNO e o masacre a Avenida Roosevelt[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Masacre da Avenida Roosevelt.

Edén Pastora foi un dos fundadores, en 1966, da Unión Nacional Opositora (UNO), que aglutinaba os cinco partidos políticos opostos ao somocismo e ao oficialista Partido Liberal Nacionalista (PLN): Partido Conservador de Nicaragua (PCN), Partido Liberal Independente (PLI) (fundado en 1944 por disidentes do PLN), Partido Socialista Nicaragüense (PSN), Partido Social Cristián (PSC) (popularmente chamados os pescaditos debido a que na súa bandeira aparecía un peixe) e o Partido Comunista de Nicaragua (PCdeN), fundado ese mesmo ano. Os outros fundadores foron Fernando Agüero Rocha, candidato presidencial, e Pedro Joaquín Chamorro Cardenal, director do opositor diario La Prensa.

O domingo 22 de xaneiro de 1967 reuniuse unha gran multitude de persoas simpatizantes da UNO na Praza da República de Managua, en fronte do Palacio Nacional, hoxe Palacio da Cultura, da Catedral, do Club Social Managua e do Parque Central. As radios dicían “traian os seus morralitos” querendo dicir que trouxesen armas. Preto das cinco da tarde a manifestación saíu da praza pola Avenida Roosevelt, cara a Casa Presidencial da Loma de Tiscapa para protestar contra o Presidente Lorenzo Guerrero Gutiérrez e o Xeneral Anastasio Somoza Debayle, Xefe Director da Garda Nacional (GN) e candidato presidencial polo PLN. Antes de que se iniciase a manifestación Pastora foi capturado polo capitán Róger Sandino Grijalva na Estrada Norte, cando se achegaba dende Matagalpa cun cargamento de armas para apoiar as accións que se deron máis tarde, polo que non puido participar na manifestación e foi torturado pola GN.

Na esquina do edificio do Banco Nacional de Nicaragua (actual sede da Asemblea Nacional de Nicaragua) a protesta foi detida por efectivos da GN armados con fusís semiautomáticos M1 Garand (estadounidenses de calibre 7,62 x 63 mm). A multitude sentou alí mentres os dirixentes Fernando Agüero Rocha, Pedro Joaquín Chamorro Cardenal, Eduardo Rivas Gasteazoro, Luis Pasos Argüello e Manolo Morales Peralta sentaban na beirarrúa do Edificio Carlos en fronte do lado leste do Almacén Carlos Cardenal, cinco rúas ao norte da cabeza da manifestación.

Preto das seis da tarde o Tenente da GN Sixto Pineda Castellón, piloto da Forza Aérea, que chegou ao lugar coa misión de dispersar a manifestación opositora da UNO con chorros de auga dun camión cisterna, estaba encima do camión cando do lado dos manifestantes opositores un individuo anónimo, dende unha das árbores de loureiro da India, disparou cun fusil de calibre 22 mm dando morte ao tenente de forma inmediata. Pineda foi o primeiro morto pero non o único, pois os soldados da Garda Nacional dispararon as súas armas contra a xente, primeiro dende a mencionada avenida e despois parapetándose detrás do edificio do Banco Central de Nicaragua, ferindo e matando moitos membros da Unión Nacional Opositora. Centenares de corpos caeron na Avenida Roosevelt e ata hoxe non se sabe o número de mortos, aínda que un dos sobreviventes, o doutor Iván Antonio Guerrero Murillo,que tiña 13 anos de idade nese momento, calcula que houbo nese masacre entre 1.000 e 1.500 vítimas. A manifestación dispersouse e os dirixentes, avisados por Julio Ignacio Cardoze, refuxiáronse no Gran Hotel (hoxe Centro Cultural Managua), situado a 700 metros ao norte do Banco Nacional, xunto con varios manifestantes.

Un tanque Sherman, mandado polo Xeneral Iván Allegret, canoneou a fachada do hotel, abrindo enormes buratos nas súas paredes. Evitouse a entrada dos membros da GN pola mediación da Embaixada dos Estados Unidos. Ao día seguinte, 23 de xaneiro, saíron do Gran Hotel. Agüero saíu libre, pero Chamorro, Herty Lewites, Carlos Guadamuz Portillo (quen foi expulsado do FSLN a raíz do pacto liberal-sandinista en 1999 e foi asasinado o 10 de febreiro de 2004), Samuel Santos López (alcalde de Managua nos anos 80 e nomeado chanceler no 2007), os irmáns Sergio e Danilo Aguirre Solís e outros vinte e tres líderes da UNO foron detidos e presos no cárcere El Hormiguero. Dúas semanas máis tarde, o 5 de febreiro, Agüero perdeu as eleccións ante Anastasio Somoza Debayle e o oficialista Partido Liberal Nacionalista PLN, polo que este asumiu o poder o 1 de maio dese mesmo ano. A prensa sufriu un saqueo por parte da GN dende o 22 de xaneiro e non foi ata o 3 de febreiro que circulou, denunciando que as perdas de materiais e cartos nas súas instalacións ascenderon a 100.000 córdobas. Pastora e os outros trinta presas foron liberados por unha amnistía do Congreso Nacional o 4 de marzo. Chamorro morreu asasinado o 10 de xaneiro de 1978, feito que desatou a insurrección do pobo nicaraguano para derrocar a Somoza ata o 19 de xullo de 1979, día do triunfo da Revolución Sandinista. A UNO desapareceu como tal ese mesmo ano de 1967 e non rexurdiu ata 1989 co mesmo nome e as mesmas siglas.

Militancia na Fronte Sandinista[editar | editar a fonte]

Tras unirse ao FSLN pasou a ser coñecido como Comandante Cero e foi membro da dirección sandinista. O 22 de agosto de 1978, xunto con Dora María Téllez e Hugo Torres dirixiu o asalto ao Palacio Nacional nun operativo coñecido como Operación Chanchera. Nesta acción o comando sandinista de vinte e cinco membros capturou a totalidade dos lexisladores somocistas e varios familiares de Anastasio Somoza Debayle (o seu sobriño, o deputado José Somoza Abrego, fillo do seu irmán José R. Somoza e Luis Pallais Debayle, curmán de Somoza e Presidente da Cámara de Deputados). Somoza viuse obrigado a poñer en liberdade cincuenta prisioneiros sandinistas, pagar medio millón de dólares aos rebeldes e publicar varios manifestos da guerrilla marxista. Monseñor Miguel Obando y Bravo, entón Arcebispo de Managua, serviu como mediador entre o FSLN e Somoza.

Trala toma do poder dos sandinistas Pastora ocupou o cargo de viceministro no Departamento de Interior así como primeiro xefe das milicias da Fronte Sandinista. En pouco tempo comezaron a aflorar tensións entre este e a cúpula da FSLN, especialmente cos dirixentes Daniel e Humberto Ortega. O 8 de xullo de 1981 renunciou a todos os seus cargos no goberno e a FSLN, acusando a dirección deste de abandonar os principios orixinais da organización para levala cara principios comunistas e próximos a Cuba e á Unión Soviética.

Exilio en Costa Rica e liderado da ARDE[editar | editar a fonte]

Tras abandonar os seus cargos marcha ao exilio en 1982, primeiro a Panamá e posteriormente a Costa Rica onde anuncia a súa intención de crear unha forza opositora que non descarta realizar accións militares contra o goberno sandinista. En Nicaragua decretouse a condena de morte contra Pastora como resposta.

Ese mesmo ano fundou en Costa Rica a Fronte Revolucionaria Sandina, recrutando máis de tres mil combatentes campesiños da Nova Guinea, Zelaya Sur e Rio San Juan de milicianos cos que comezou a realizar accións armadas no sur de Nicaragua e a costa atlántica. A Fronte Revolucionaria Sandina era un dos membros da Alianza Revolucionaria Democrática (ARDE), da que participaban o Movemento Democrático Nicaragüense de Alfonso Robelo Callejas, MISURASATA, liderado por Brooklyn Rivera e dous grupos máis.

Edén Pastora afirma que el fixo un acordo co comandante Humberto Ortega Saavedra, para formar ARDE, pero négase a dar detalles. Deixa entrever que ARDE xorde como unha estratexia militar para favorecer a revolución e quitar espazo á contrarrevolución financiada polos Estados Unidos, que operaba dende Honduras.

Pastora comunicouse dende Costa Rica co xefe do Exército sandinista para convir que os dous propósitos de ARDE fose “dar unha alternativa a este pobo, se as cousas se poñían ao extremo, presentarlle unha alternativa distinta (á Contra e á FSLN)” e “non deixar entrar a Contra polo sur”.

En abril de 1984 conseguiu tomar algúns enclaves na costa atlántica, onde proclamou a República Libre de San Juan do Norte, para ser desaloxado pouco despois polo exército sandinista. Antes de abandonar o poboado, Pastora deu a orde de queimalo.

Pero a Seguridade do Estado mandou matar a Pastora, sinalado pola propaganda do Goberno sandinista como un “contra” máis. O 30 de maio dese mesmo ano, mentres celebraba unha rolda de prensa na localidade de La Penca, na ribeira nicaraguana do río San Juan, sufriu un atentado perpetrado por Vidal Roberto Gaugine, do grupo arxentino Montoneros, quen actuou baixo pasaporte danés falso e baixo o nome de Per Anker Hansen, no que morreron once persoas entre elas varios xornalistas e el mesmo quedou ferido.

En 1986 anunciou a súa decisión de abandonar a loita armada contra o goberno sandinista, logo de que o goberno norteamericano lle negase a asistencia económica e militar. Varios dos seus comandantes decidiron apoiar a Forza Democrática Nicaragüense e retirouse a Costa Rica xunto con algúns antigos compañeiros de ARDE, dedicándose a pesca no sector da Barra do Colorado.

Róger Miranda Bengoechea, asistente persoal do entón Xeneral Humberto Ortega, desertou a mediados da década dos oitenta levándose os plans de defensa do Exército Sandinista para entregarllos á Central de Intelixencia Americana. Tralo fin da revolución, en 1990, Pastora volveu a Nicaragua e foi buscar a Humberto Ortega, aínda xefe do Exército, para reclamarlle. “Ideay, Humberto, non me fodas, íanme matar… Non lle dixeches á Dirección?”, di confrontado. “E dime Humberto: ‘Edén, un segredo é entre dous. Se o saben tres non é segredo… Menos entre nós (os nove comandantes), porque a Dirección Nacional estaba infiltrada e se o sabe a CIA… Porque o sabería a CIA”.

Tamén podería deducirse que Pastora era unha peza da contraintelixencia militar sandinista, cando empezou a combater a revolución a partir de 1982. El cala cando se lle pregunta e logo indica: “Que o conte Humberto (Ortega)”. “Eu pensaba que Humberto comunicaríao a Dirección (Nacional), pero a Dirección non sabe e mándame matar, mándame aos etarras (da ETA)”, limítase a comentar.

Cando o Goberno sandinista acepta negociar a fin da guerra coas organizacións contrarrevolucionarias, agrupadas na Resistencia Nicaragüense, en marzo de 1988, Pastora volvera ao seu antigo traballo, o mesmo que facía a mediados dos anos 70, antes de tomar as armas para botar a Somoza: estaba pescando en San Juanillo, Costa Rica.

En 1989 regresou a Nicaragua para apoiar ao Partido Social Cristián na campaña electoral cara ás eleccións de 1990, que gañou dona Violeta Barrios de Chamorro e a Unión Nacional Opositora. En 1992 tratou de organizar un grupo político de corte socialdemócrata bautizado como Movemento de Acción Democrática. Non obstante, non puido concorrer ás eleccións do 20 de outubro de 1996, por ser inhibido polo Consello Supremo Electoral, xa que contaba coa dobre nacionalidade nicaraguana e costarriqueña. Nas eleccións do 5 de novembro de 2006 foi candidato á presidencia pola Alternativa polo Cambio onde sacou menos do 2% dos votos; as eleccións gañounas Daniel Ortega para o seu segundo período non consecutivo como Presidente de Nicaragua.

Xa reconciliado coa FSLN e con Daniel Ortega, foi delegado do seu Goberno, baixo o título de Delegado do Desenvolvemento da Conca do Río San Juan.

Dragaxe do río San Juan de Nicaragua[editar | editar a fonte]

En outubro de 2010, dirixiu as obras de dragaxe do río San Juan, iniciadas por Nicaragua, recibindo fortes críticas por parte do Goberno da República de Costa Rica, que aludía a que o goberno nicaraguano, xunto coas súas tropas armadas, se infiltrara no territorio costarriqueño, e depositara sedimentos afectando a áreas protexidas.

Edén Pastora, negou as acusacións e continuou coa dragaxe. Por estas razóns, Costa Rica presentou unha demanda en contra do Goberno de Nicaragua, acusándoo pola súa intromisión no territorio costarriqueño empregando as súas forzas armadas, comandadas por Edén Pastora.

O 15 de outubro do 2013, o goberno de Nicaragua recoñeceu que Pastora realizara eses danos, pero que non tiñan autorización.[2] Porén, o mesmo Pastora dixo semanas antes que todas as súas actuacións tiñan a autorización do presidente Ortega.[3] O 17 de decembro do 2013, Edén Pastora ingresou na listaxe de requiridos pola Interpol polo que non podía saír do territorio nicaraguano, de tal modo que podía ser enviado e procesado a Costa Rica polo delito de usurpación de bens públicos e infracción da lei forestal costarriqueña.[4]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Edén Pastora, Nicaraguan revolutionary, dead at 83". news.yahoo.com. Consultado o 17 de xuño de 2020. 
  2. [1]
  3. [2]
  4. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 21 de febreiro de 2014. Consultado o 28 de marzo de 2014. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Kinzer, Stephen (2007). Harvard University Press, ed. Blood of brothers. Life and war in Nicaragua. 
  • Gottwald, Gaby; et al. (1989). Die Contra Connection. Die internationalen Contramacher und ihre bundesdeutschen Helfer. Hamburgo. 
  • Ramírez, Sergio. Adiós muchachos: una memoria de la revolución sandinista. Madrid.