Universidade de Constantinopla

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Sólido bizantino coa representación do emperador Basilio I e a súa dona Eudoxia Ingerina.

A Universidade de Constantinopla, tamén coñecida coma Universidade de Magnaura polo nome do Palacio Imperial bizantino, foi recoñecida como tal no ano 848,[1] sendo emperador Basilio I, mais coma moitas outras universidades do medievo, xa levaba moito tempo funcionando coma institución académica antes de ser recoñecida como universidade. A escola orixinal fundouse no ano 425, sendo emperador Teodosio II. É considerada por moitos especialistas como a primeira universidade do mundo.[2]

A Universidade contaba con escolas de Medicina, Filosofía e Dereito, que xunto con outras institucións (escolas económicas, facultades, politécnicos, bibliotecas e academias de arte), fixeron de Constantinopla o centro de saber do mundo medieval.

Historia[editar | editar a fonte]

A sociedade bizantina pode considerarse moi instruída, tendo en conta os padróns do seu tempo. Posuían un sistema de educación laico herdeiro das academias da antigüidade clásica. A educación primaria estaba amplamente estendida, chegando ate as vilas e abranguendo os dous sexos. Só neste contexto pode ser entendida a universidade secular de Constantinopla, que ademais non era unha institución excepcional, xa que existían outras, antes da conquista musulmá, nalgunhas provincias, coma a de Alexandría e a de Antioquia.[3]

Cando se refundou Constantinopla no 330 foron levados alí mestres e profesores de outras partes do imperio, e tomáronse medidas para que fosen supervisados e apoiados polo estado, pero sen formalizar nin regular o seu ensino.

O coloso de Barletta é unha representación do emperador Teodosio I.

A escola orixinaria, o Pandidakterion, foi fundada polo emperador Teodosio II no ano 425,[4], establecendo unha clara distinción entre mestres privados e públicos, estes últimos, pagados polo erario, disfrutaban de privilexios e prestixio. Eran en total 31 catedráticos: dez de Gramática latina e outros tanto de grega, dous de Dereito, un de Filosofía e oito de Retórica (cinco en grego e tres en latín). A Retórica era a máis importante e difícil entre as materias estudadas, e era básica para calquera cidadán que pretendese acceder a un posto público no Estado ou na Igrexa. [4].

Nos séculos VII e VIII (‘’A Idade Escura Bizantina’’) o Imperio atravesou graves dificultades: a presión dos árabes polo sur, e a dos eslavos, ávaros e búlgaros polo norte produciron unha crise económica e a decadencia e transformación do estilo de vida bizantino. Aínda así parece que o ensino superior seguía a recibir fondos públicos, se ben este punto non é abondo coñecido polos historiadores. No que si parecen coincidir é na baixada da calidade do ensino neste tempo.

O aumento da estabilidade no século IX permitiu unha mellora da educación, así no 863 fundáronse novas cátedras de Gramática, Retórica e Filosofía (incluíndo Aritmética, Xeometría, Astronomía, Música) con sede no Palacio Imperial de Magnaura. Todas as cátedras foron mantidas con cartos públicos durante o seguinte século e medio, cando o protagonismo da Educación pasa á Igrexa. Durante o século XII a Escola Patriarcal era o centro de ensino máis importante e de el saíron homes de letras coma Teodoro Pródromo e Eustacio de Salónica.

A captura de Constantinopla no 1204 polos cruzados na coñecida como IV Cruzada supuxo a fin dos fondos para a Universidade, aínda que o goberno no exilio en Nicea (a İznik turca) mantivo algún profesores privados. Despois da restauración imperial (1261) fixéronse varios tentativas de restaurar o vello sistema, máis nunca se acadou de todo, recaendo a maior parte do ensino en mestres privados, coma: o teólogo e gramático Máximo Planudes (1260-1310), o historiador Nicéforo Grégoras (1291-1360), e o home de letras Manuel Chrysoloras, quen sería máis tarde profesor en Florenza e pioneiro na reintrodución da literatura grega en Occidente. No século XV moitos máis profesores de Constantinopla seguirían a Chrysoloras e acabarían ensinando en Italia, onde influíron grandemente aos humanistas. [5].

As principais materias da maior parte dos estudios eran a retórica, a filosofía e as leis, co obxectivo de formar un persoal culto e competente para asumir os postos burocráticos do Estado e da Igrexa (a universidade laica tiña o seu equivalente relixioso nas Escolas de Teoloxía). Na Universidade conserváronse activas as tradicións platónica e aristotélicas, sendo continuación da Academia de Atenas [1]

A Escola de Magnaura fundouse no século IX, sendo engadidas novas facultades de Filosofía e Dereito na Escola Capitalina, xa no século XI.

O período de decaemento da Universidade comezou coa conquista e saque da cidade na IV Cruzada (1204), a pesar de ter sobrevivido coma institución laica, baixo o goberno da Igrexa ate a Caída de Constantinopla. A universidade permaneceu aberta ate o século XV..[6]

Profesorado notábel[editar | editar a fonte]

Algúns alumnos destacados[editar | editar a fonte]


Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Encyclopedia Britannica, Higher Education in the Byzantine Empire, 2008, O.Ed.
  2. Professor Jerome Bump, The Origin of Universities, Universidade de Texas, en Austin
  3. Europe: A Cultural History, by Peter Rietbergen 1998, p.101
  4. 4,0 4,1 Elizabeth Jeffreys (2003.). Rhetoric in Byzantium: Papers from the Thirty-Fifth Spring Symposium of Byzantine Studies. ISBN 0754634531.. 
  5. Harris, Jonathan; Hellenic Institute. Byzantium: Byzantines in Renaissance Italy. Royal Holloway. ISBN. 
  6. Demetrios Constantelos. "The Formation of the Hellenic Christian Mind". Christian Hellenism. Essays and Studies in Continuity and Change. Aristide D. Caratzas. ISBN 0-89241-588-6. 
  7. Bulgaria.com

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Browning, Robert (1989). "Universities, Byzantine" in Dictionary of the Middle Ages, volume 12, page 300.
  • Robert Browning (1962). The patriarchal school at Constantinople in the twelfth century. pp. 167-202. ISBN. 
  • N. G. Wilson (2003.). Scholars of Byzantium. ISBN 0715617052. 
  • Charles Diehl, Figure bizantine, introducción de Silvia Ronchey, 2007 (orixinal 1927), Einaudi, ISBN 978-88-06-19077-4