Máximo o Confesor
Máximo o confesor (nado en 580, segundo uns, en Constantinopla, segundo outros, en Palestina). É un importante teólogo e pensador cristiá que defendeu a plena humanidade de Xesús de Nazaret fronte ao monotelismo sostido inicialmente polo Patriarcado de Constantinopla, polo Papa e polo Emperador de Bizancio. Del fican 90 obras sobre o home, a divindade e o Cosmos.
Índice |
Traxectoria [editar]
Comezou sendo secretario do Emperador Heraclio, chegando a ser unha das figuras máis salientables da burocracia imperial. Con todo, deixou a súa carreira pola vida monacal no ano 613. En efecto, repartiu os seus bens entre os marxinados e desfavorecidos e ingresou nun mosteiro preto de Chrisópolis, en Bitinia. Coa invasión persa na guerra de Bizancio contra o Imperio Sasánida, a persecución relixiosa deste Estado de fe zoroástrica, lévao a fuxir a Cartago no ano 626.
Nese momento, o Emperador de Bizancio busca recuperar a fidelidade dos monofisitas co fin de manter a moi feble cohesión social do ameazado Imperio. Secundou esa posición o Patriarcado de Constantinopla con patriarcas como Serxio e Pirro que formulan unha única vontade en Cristo, a divina. Máximo entende que isto é poñer en cuestión a redención e a encarnación subordinando a fe do pobo a estratexias políticas. Para el, resulta irrenunciable que, en Xesús home, Deus se une plenamente á humanidade, sen amputala nin desnaturalizala. Por amor, o Logos divino baléirase (kenose) no home Xesús onde se encontran, sen alteración, a natureza humana e a natureza divina. Aquí radica a esencia da redención da humanidade.
O Papa Honorio defendera o monotelismo. Pero o Papa daquela, Martiño I, convocou a Máximo a un sínodo onde a posición deste, defendendo as dúas vontades en Cristo, saíu triunfante. Isto provocou a carraxe do Emperador Constantino II que mandou arrestar ao Papa que foi torturado, vexado publicamente e desterrado. Máximo foi tamén capturado e levado a Constantinopla onde o torturaron co fin de que aceptase a posición imperial monotelita. A súa resistencia mantívoo en prisión dende o ano 653 a 655. Alí foi obxecto de constantes torturas e finalmente exiliado. Como queira que Maximo era venerado por gran parte do pobo cristián pola súa bondade, elocuencia e senso da xustiza, buscouse incesantemente a súa retractación. No ano 661 foi traído de novo a Constantinopla onde foi, unha vez máis, violentamente presionado. Ante a afouteza que amosaba, determinouse que se lle arrincara a lingua para non poder predicar endexamais. Asemade cortóuselle a man dereita co fin de que non volvera xa nunca a escribir. Novamente exiliado no Mar Negro, Máximo faleceu debilitado polas torturas, as vexacións e as amputacións.
Haberá que esperar ao ano 681 para que a súa doutrina fose recoñecida como verdadeira no Concilio de III de Constantinopla e o Papa Honorio considerado un herexe.
Pensamento [editar]
Influído polo pensamento neoplatónico, particularmente por Plotino. Máximo expón con categorías filosóficas helénicas a fe experimentada e transmitida, dende as primeiras testemuñas que viron e apalparon ao home Xesús de Nazareth ata os Pais da Igrexa que formularon esa experiencia con conceptos gregos.
Para el, a integridade do ser humano ten unha dignidade infinita porque o Logos divino fíxose home divinizando todas as súas potencias, incluída a vontade humana.
No home unifícase todo o Cosmos por iso a divinización do home na súa totalidade supón o rescate da Creación enteira das gadoupas do Mal e, polo tanto, redimíndoa da corrupción e da morte. Máximo defende a apokatastasis ao igual que Oríxenes e Gregorio de Nisa. Todos os seres creados, o home e os mesmos demos serán finalmente redimidos e salvados. Porén existen textos non concluíntes:
Deus é o Ser en si, inconcibible e inefable, podemos albiscalo a través da natureza e as cousas creadas. O intelecto humano non pode abranguer a insondable e descoñecida profundidade da esencia divina:
O coñecemento de Deus supón a superación das paixóns e transcender a razón sen negala. Dende a humildade, a graza eleva e perfecciona a capacidade do home que soamente así, dende unha "absoluta simplicidade" pode acadar a revelación de Deus inmediatamente atinxindo "o cume supremo da felicidade".
Isto non "ven a nós mediante a privación do noso poder intelectivo, nin como un complemento do noso intelecto, nin baixo forma dun agregado substancial ao noso intelecto. Non. O Logos fai brillar o poder do noso intelecto na súa propia cualidade e no seu propio acto".
Segundo Wolfhart Pannenberg, Máximo o Confesor, apoiándose na tradición platónica e nos escritos de Dionisio o Aeropaxita, puido interpretar o eros cósmico que actúa na autotrascendencia extática da vida e, sobre todo, do modo en que o home vive, como expresión do amor do Deus da Biblia, que introduciu no corazón das súas criaturas o eros para atraer a si pola natureza deste aos que conmove coa súa chamada[1]
O eros divino e o eros humano culminan no Cristo histórico onde Deus e o home óllanse como nun espello e recoñécense, pois
A verdade que se lle regala ao home gratuitamente ha de ser afirmada e defendida fronte aos poderes políticos e militares, incluso fronte ao propio Emperador cristián.
Maximo foi tamén un referente ético. Nos Capítulos sobre o amor defende a necesidade de repartir o diñeiro entre os marxinados. E isto hai que facelo, "a imitación de Deus, no que atinxe ás necesidades corporais, sen discriminación algunha entre bos e malos, xustos e inxustos, senón que reparte a todos por igual..." O froito do amor consiste na beneficencia, na liberalidade e a paciencia. Sen isto a especulación teolóxica é cousa de Satán.
Pensadores cristiáns occidentais inicialmente perseguidos, como Hans Urs von Balthasar ou Henri de Lubac, reivindicaron o legado de Máximo o Confesor. A Igrexa Ortodoxa tívoo sempre na maior consideración e estima como columna fundamental da teoloxía bizantina.
Obra [editar]
- Opúscula teologica et polemica
- Ambigua
- Scholia
- Capítulos sobre o amor
- Centuria
Véxase tamén [editar]
Ligazóns externas [editar]
- Obra selecta (en inglés)
Notas [editar]
- ↑ Wolfhart Pannenberg, Antropología en perspectiva teológica, Ed. Sígueme. pax. 664. ISBN 84-301-1215-4
