Areópago

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
O Areópago visto desde a Acrópole.

O Areópago ou «Outeiro de Ares», é un monte situado ao oeste da Acrópole de Atenas, sede do Consello que alí se reuniu desde o -480 até o 425.

O outeiro do Areópago[editar | editar a fonte]

A Acrópole vista desde o Areópago.

Xeoloxicamente, o outeiro do Areópago é un enorme monólito de mármore gris azulado, veteado de vermello. Mide 115 m de altura e domina a Ágora de Atenas. Na cima e nas ladeiras obsérvanse cortes na roca, formando plataformas, que son os únicos restos de antigos edificios.

Segundo a lenda, chamábase así porque Ares fora xulgado polos deuses e exonerado de ser axustizado por dar morte a Halirrotio, fillo de Poseidón, que violara a unha filla de Ares: Alcipe. Por outra banda, e tamén segundo a lenda, alí foi xulgado Orestes polo asasinato da súa nai Clitemnestra.

O Consello do Areópago[editar | editar a fonte]

A Ágora vista desde o Areópago.

Na súa orixe, o Consello do Areópago dependía do rei e compúñase unicamente de Eupátridas. A influencia destes aumentaba a medida que ía diminuíndo o poder do rei, até o século -VII, no que estes últimos chegaron a gobernar.

Tras as reformas de Solón, os seus membros eran escollidos entre os arcontes (maxistrados) cuxos cargos eran inamovíbeis e representaban aos ricos en oposición aos aristócratas, aínda que constituían un organismo menos exclusivo[1].

Este tribunal controlaba aos maxistrados, interpretaba as leis e xulgaba aos homicidas[2]. Os seus poderes políticos foron recortados e, en certa medida, limitados por Clístenes, pero mantiveron o poder até as Guerras Médicas[3]. Co rápido progreso das institucións democráticas, os seus poderes resultaban incongruentes. Os arcontes perderon o seu prestixio e o seu poder político no -487 e xa non eran escollidos entre os homes máis importantes da sociedade, senón que eran elixidos por sorteo.

Efíaltes, no -462 retiroulles a custodia da constitución, co que a súa competencia diminuíu[4]. Conservaron, no entanto, a súa función de tribunal para xulgar os asuntos criminais, pero perderon toda a súa importancia política.

Paulo de Tarso no Areópago[editar | editar a fonte]

Placa gravada co sermón de Paulo no Areópago.

Atópase rexistro bíblico, dicindo en Feitos 17,16-18 e 22, que o apóstolo Paulo pronunciou un discurso alí, cando uns filósofos epicúreos e estoicos o conduciron ao Areópago para que explicase aquel ensino «estranxeiro» que publicaba.

16 Agora ben, mentres Paulo os agardaba en Atenas, irritóuselle o espírito no seu interior ao contemplar que a cidade estaba chea de ídolos. 17 Por conseguinte, púxose a razoar na sinagoga cos xudeus e coas outras persoas que adoraban [a Deus], e todos os días na praza de mercado cos que por casualidade se atopaban alí. 18 Pero certos individuos, filósofos dos epicúreos así como dos estoicos, empezaban conversación polémica con el, e algúns dicían: «Que é o que este charlatán quixera contar?». Outros: «Parece que é publicador de deidades estranxeiras». Isto debeuse a que declaraba as boas novas de Xesús e da resurrección. 19 De modo que se apoderaron del e o conduciron ao Areópago, e dixeron: «Podemos chegar a saber que é esta nova ensinanza que falas?» 22 Paulo entón púxose de pé en medio do Areópago e dixo: «Varóns de Atenas, contemplo que en todas as cousas parecedes estar máis entregados que outros ao temor ás deidades».

Na actualidade hai unha placa de bronce que contén este discurso do apóstolo Paulo e que conmemora dito acontecemento. Non é posíbel afirmar con certeza que naquela ocasión Paulo falase ante o tribunal do Areópago, pero no seu auditorio tivo polo menos a un compoñente dese notábel tribunal, segundo se afirma en Feitos 17:33-34.

33 [...] Así que Paulo saíu de en medio deles, 34 pero algúns varóns se uniron a el e se fixeron crentes, entre os cales tamén estiveron Dionisio, xuíz do tribunal do Areópago, e unha muller de nome Dámaris, e outros ademais deles.

Notas[editar | editar a fonte]

Vézase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]