Estratego

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Un estratego (στρατηγός en grego) é un comandante ou xeneral do exército grego.

Maxistratura[editar | editar a fonte]

Na Grecia Antiga había colexios de estrategos en numerosas cidades, sendo a súa importancia e papel moi variábeis. Os máis célebres son os estrategos atenienses. Antes de Clístenes eran catro, un por cada tribo. e estaban baixo as ordes do arconte polemarco. No ano 500 a.C. pasaron a ser dez. Eran escollidos polos cidadáns e foron medrando en importancia, especialmente cando, a partir de 487 a.C. os arcontes pasaron a ser designados por sorteo e cando estes desapareceron finalmente. Este desenvolvemento debeuse á necesidade de aumentar a eficacia militar de Atenas durante as Guerras Médicas, momento no que se admitiu que os maxistrados máis importantes de Atenas puidesen ser reelixidos, co obxectivo de permitirlles organizar unha política máis coherente.

Ademais do mando sobre o exército e a mariña, o estratego debía intervir diante da asemblea nas cuestións de política exterior e interior, polo que os estrategos eran á vez militares, políticos e oradores. Algúns podíanse considerar xefes de feito da cidade, como Cimón, que foi reelixido dezaseis veces polo menos ou Pericles, quince seguidas polo menos.

Non se impuña unha condición de censo, mais os estrategos do século V a.C. pertencían ás familias nobres e ricas. Durante a segunda metade do século IV a.C., na época da Constitución de Atenas apareceu unha especialización:

  • estratego dos hoplitas.
  • estratego do territorio.
  • estrategos (dous) do Pireo (porto de Atenas).
  • estratego das simmaquías (alianzas).

Porén, a primacía residía no estratego dos hoplitas e esta aumentou durante a época helenística encanto os demais decaen en relevancia.

No século V a.C. cóntanse quince estrategos en Siracusa. En Eretria o seu papel era bastante diferente e o colexio dos estrategos era o segundo da cidade, intervindo ás veces para propor decretos.

Primeiro maxistrado dunha confederación[editar | editar a fonte]

Á cabeza das confederacións había un estratego único:

Reinos helenísticos[editar | editar a fonte]

Na época helenística, o termo estratego continuou designando ao comandante dun corpo do exército, mais tamén ao gobernador dunha rexión, o representante do rei nun territorio amplo (satrapía, nomo etc). Os estrategos helenísticos eran á vez gobernadores militares e civís.

Entre os seléucidas, os estrategos tiñan ás súas ordes a todos os funcionarios da satrapía e aos gobernadores das subrexións (meridarcas, eparcos etc). Entre os láxidas, os estrategos remataron por superar en importancia aos nomarcas.

Grecia actual[editar | editar a fonte]

No exército grego actual, o estratego é o oficial de maior rango. Os demais rangos, excepto un, son derivacións desta palabra: antistrategos ("tenente xeneral") e ypostrategos ("maior") - o outro é taksiarhia, "brigada".