Clístenes de Atenas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaClístenes de Atenas

Editar o valor em Wikidata
Nome orixinal(grc) Κλεισθένης Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento565 a. C. Editar o valor em Wikidata
Antiga Atenas Editar o valor em Wikidata
MorteI milenio a. C. Editar o valor em Wikidata
Antiga Atenas Editar o valor em Wikidata
Arconte epónimo
524 a. C. – 523 a. C. Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeAntiga Atenas Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónpolítico Editar o valor em Wikidata
LinguaGrego antigo Editar o valor em Wikidata
Obra
Obras destacables
Familia
FamiliaAlcmeónidas Editar o valor em Wikidata
PaisMegacles II Editar o valor em Wikidata  e Agarista de Sicião (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
IrmánsHipócrates (irmão de Clístenes) (pt) Traducir e Coesyra (en) Traducir Editar o valor em Wikidata

Clístenes de Atenas (en grego Κλεισθένης/Kleisthénēs) foi un político de Atenas do século VI a. C. que emprendeu reformas sociais e políticas que darían na democracia ateniense.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Foi fillo de Megacles, un Alcmeónida, e de Agaristé, a filla do tirano de Sición, Clístenes de quen tomou o nome.[1]

Cóntase que ao prometer que a súa familia participaría na reconstrución do santuario de Delfos, convenceu á Pitia para que dixese a todos os espartiatas que viñeran consultar que antes de nada debían derrocar a tiranía dos Pisistrátidas en Atenas.

Cando o rei de Esparta Cleómenes I botou ao tirano Hipias (510) e os exiliados volveron a Atenas, Iságoras e a aristocracia tentaron establecer unha oligarquía coa axuda de Cleómenes. Clístenes converteuse daquela en defensor dos grupos máis populares que se viran benecifiados polos pisistrátidas (os chamados diakrioi).[2] De seguido propúxose facer votar unhas reformas políticas determinantes para a democracia ateniense pois puxo en práctica a igualdade de dereitos ante a lei, ou isonomía.

As intencións reformistas de Clístenes contaron coa oposición de Isagoras, que era arconte no ano 508 a. C. Esparta invadiu Atenas para responder á petición de axuda de Iságoras, quen pretendía así consolidar o seu poder. Previamente, o seu rival Clistenes marchara da Ática pero os membros da Bulé rexeitaron as intencións de Iságoras e houbo un levantamento contra el e as tropas espartanas. Estes acabaron por ser sitiados na acrópole, onde foron derrotados. Estes feitos acabaron por consagrar a Clistenes, elixido arconte, e validaron os seus proxectos.[3]

Cando morreu fixéronselle funerais públicos no Cerámico.

Obra política[editar | editar a fonte]

Nova repartición dos cidadáns[editar | editar a fonte]

Clístenes eliminou os últimos vestixios da organización política baseada nos grupos familiares, e en particular sobre as catro tribos xónicas divididas en terzos, para substituílos por un novo sistema baseado na repartición xeográfica. Ata Clístenes, estas comunidades baseadas en sistemas de parentesco eran a base da organización política, militar e relixiosa. A orixe destas retrotráense a propia orixe das polis e estaban controladas por unha familia aristocrática que mantiña relacións clientelares e dominación sobre o resto da tribo.[4]

Clístenes para debilitar o poder da aristocracia reorganizou as estruturas da cidade dividindo o territorio da Ática, incluída Atenas, nun centenar de demos. Estas eran pequenas comunidades estaban integradas por un número de cidadáns e cada unha tiña unha asemblea, un dixerente, o demarco, e os seus propios cultos. Deste xeito, cada ateniense quedou inscrito nun demos, e pasaron a denominarse co nome do mesmo en substitución do patronímico de orixe aristocrática.

Clístenes reagrupou deseguida todos os demos en dez novas tribos, de tal maneira que ningunha tribo tivese un territorio dun só posuidor ou non representase un poder local. Grazas a esta repartición, grupos de persoas vidos das diferentes partes da Ática víronse obrigados a funcionar en común.[5] A reforma tiña un duplo obxectivo: dunha banda, romper as relacións de dependencia coa aristocracia e debilitar as súas redes de poder, doutra, fomentar a unidade da cidade.[6]

Ademais, Clístenes concedeu a cidadanía a un importante número de metecos (estranxeiros) e de libertos (escravos liberados); así, estímase que nesta época Atenas contaba con case 30 000 cidadáns.[7]

Reorganización institucional[editar | editar a fonte]

Unha vez feita a reforma da estrutura en tribos e demos, Clístenes dotou a Atenas dunha nova estrutura política. Coa finalidade de neutralizar o Areópago, institución controlada pola aristocracia, creou o Consello dos Cincocentos ou Bulé. Este era un órgano representativo e executivo encargado de preparar os proxectos que presentar á Ekklesía (asemblea) e aseguraba a execución das decisións da mesma. A Bulé estaba integrada por 50 homes de cada unha das dez tribos, e eran escollidos ao chou entre os maiores de 30 anos, sen distinción de orixe. Estes grupos de cincuenta cidadáns formaban cada un á súa vez un comité executivo da Bulé: os prítanes, ocupando cada grupo as funcións durante unha décima parte do ano.

Ademais, atribúse a Clístenes un aumento no número de arcontes (maxistrados supremos) ata os dez, un por cada tribo.[2] Con todo, foi conservador nun punto: parece que conservou os límites fixados por Solón para a elixibilidade para as maxistraturas superiores, quedando restrinxidas para as clases con maior patrimonio (pentacosiomedimnos e hippeis).

Aínda que a información sobre o seu funcionamento da Ekklesía (asemblea cidadá) antes de Tucídedes é moi fragmentario, semella que as reformas de Clístenes permitiron aumentar as competencias asignadas por Solón (nomeamento dos arcontes e supervisión da súa xestión) ata someter o Areópago e a Bulé á súa autoridade.

A nivel militar, tamén se lle considera o responsable da institucionalización de dez estrategos (comandantes), un por cada tribo.

Introdución do ostracismo[editar | editar a fonte]

Outra das medidas atribuídas a Clístenes é o sistema mediante o cal se desterraba da cidade a algunha persoa percibida como un perigo para a seguridade da polis.[8] Tras unha valoración de se era necesario exercerlo, convocábase unha sesión da asemblea na ágora presidida polos arcontes e na que os cidadáns escribían o nome da ameaza nun cacho de cerámica ou óstrakon.[9] Se alguén recibía 6 000 votos debía marchar da cidade en dez días durante un período de dez anos. Mediante o ostracismo pretendíase evitar a posibilidade de que o Estado volvese caer en tiranías e actuaba como unha medida de control sobre as elites sociais e políticas atenienses. Aristóteles sitúa a súa introdución no ano 510 a. C., cando se aplicou a Hiparco de Colarxes, parente dos Pisistrátidas; aínda que outras fontes consideran se aplicou por primeira vez no 487 a. C.[10][11]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Cohen, Robert; Glotz, Gustave (1986). "Chapitre XI. Athènes et les conquêtes démocratiques (de Solon à Clisthènes)". Histoire grecque. Tome 1. Presses Universitaires de France. p. 468. ISBN 9782130395874. 
  2. 2,0 2,1 Gómez Espelosín, Javier (2001). Historia de Grecia Antigua. Akal. p. 122. ISBN 84-460-1428-9. 
  3. Fox, Robin Lane (2007). El mundo clásico. La epopeya de Grecia y Roma. Crítica. p. 135. ISBN 978-84-8432-898-8. 
  4. Roussel, Denis (1976). Tribu et cité. Etudes sur les groupes sociaux dans les cités grecques aux époques archaïque et classique. Les Belles Lettres. ISBN 978-2-251-60193-9. 
  5. Baurain, Claude (1997). Les Grecs et la Mediterranée orientale. Nouvelle Clio. ISBN 9782130479932. 
  6. Gómez Espelosín, Javier (2001). Historia de Grecia Antigua. Akal. p. 123. ISBN 84-460-1428-9. 
  7. Cohen, Robert; Glotz, Gustave (1986). Histoire grecque. Tome 1. Presses Universitaires de France. p. 476. ISBN 9782130395874. 
  8. Grimberg, Carl; Svanström, Ragnar (1980). Historia Universal Daimon. Ediciones Daimon. p. 145. ISBN 84-231-05-82-2. 
  9. "Faire l'histoire - L'ostrakon, un tesson d'argile pour voter l'exil - Regarder le documentaire complet". ARTE (en francés). Consultado o 2022-05-16. 
  10. "Aristotle, Athenian Constitution, chapter 22". www.perseus.tufts.edu. Consultado o 2022-04-17. 
  11. "Philochorus: translation of fragments (1)". www.attalus.org. Consultado o 2022-04-17. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Lévêque, P. (1983) Clístenes l'Athénien: Essai sur la représentation de l'espace et du temps dans la pensée politique grecque de la fin du VIe siècle à la mort de Platon, Macula, coll. «Deucalion», (ASIN 2865890066);
  • Mossé, C. (1971) Histoire d'unha démocratie: Athènes des origines à la conquête macédonienne, Seuil, coll. «Points Histoire», (ISBN 2-02-000646-4).
  • Fernández Uriel, P. (2011). Historia Antigua Universal II. El mundo griego. Universidad Nacional de Educación a Distancia, Madrid.
  • Gómez Espelosín, J. (2001). Historia de Grecia Antigua. Akal Textos. Madrid.
  • Cohen, Robert; Glotz, Gustave (1986). "Chapitre XI. Athènes et les conquêtes démocratiques (de Solon à Clisthènes)". Histoire grecque. Tome 1. Presses Universitaires de France. Páxinas: 467-479

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]