Sitta canadensis

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Sitta canadensis

Femia de S. canadensis
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Passeriformes
Familia: Sittidae
Xénero: Sitta
Especie: S. canadensis
Nome binomial
Sitta canadensis
Linnaeus, 1766

Sitta canadensis é unha especie de pequeno paxaro da familia dos sítidos. O adulto ten a parte superior gris azulada e partes inferiores cor canela, gorxa branca e cara cunha banda negra que cruza os ollos; o peteiro é recto e gris e a parte superior da cabeza é negra. A súa chamada, que foi comparada co son dunha trompeta, é estridente e nasal. Reprodúcese en bosques de coníferas do Canadá, Alasca e o nordés e oeste dos Estados Unidos. Aínda que xeralmente permanecen sedentarios, realizan incursións regulares máis ao sur se escasea a comida. Hai rexistros de individuos errantes que chegaron ao golfo de México e norte de México. Aliméntase nos troncos e grandes pólas das árbores, a miúdo descendendo cabeza abaixo, e ás veces capturan insectos en voo. Comen principalmente insectos e sementes, especialmente de coníferas. Escavan un niño en madeira morta, a miúdo preto do chan.

Taxonomía[editar | editar a fonte]

Como todos os gabeadores, esta especie está asignada ao xénero Sitta (Linnaeus, 1758), do antigo grego sittē (σίττη), que era a denominación que lle daban a este paxaro ou outros similares.[2] O nome específico canadensis indica que é propio do Canadá e zonas limítrofes, de onde procedía o espécime que se usou para describilo.[3]

Os gabeadores teñen o costume de incrustar sementes nas gretas para que queden suxeitas e poidan abrilas peteirándoas.

No pasado o S. canadensis, xunto con outras catro especies, o S. whiteheadi corso, o S. villosa chinés, o S. ledanti de Alxeria e o S. krueperi ou gabeador de Krüper, pensábase que eran unha soa especie.[4] Estas cinco especies constituían un grupo de especies ben definido chamado "grupo de Sitta canadensis", que ás veces era considerado unha superespecie.[5] Os estudos de ADN neste grupo de especies mostraron que as especies canadense, corsa e chinesa constituían un clado, mentres que a especie de Alxeria e a de Krüper formaban un clado irmán.[6] S. canadensis é monotípico na súa extensa área de distribución.[5]

Descrición[editar | editar a fonte]

S. canadensis é un paseriforme pequeno, que mide uns 11 cm en lonxitude,[7][8] e ten unha envergadura alar de 22 cm e un peso de 9,9 g.[9] O seu dorso e parte superior da cola son azulados e as partes ventrais son de cor tella. Ten a parte superior da cabeza unha liña que atravesa os ollos negras e unha liña superciliar branca. Os sexos teñen plumaxe similar, aínda que as femias e os individuos novos teñen cabezas e partes ventrais máis pálidas.[8]

Vocalizacións[editar | editar a fonte]

A súa chamada é estridente, nasal e débil. Transcríbese como un ienk ou ink,[9] e foi comparado co son dunha trompetiña de lata de xoguete.[8][10] O seu canto é unha serie lentamente repetida de notas claras, nasais ascendentes, transcritas como iin iin iin.[9]

Hábitat e área de distribución[editar | editar a fonte]

Aínda que é principalmente unha ave que reside todo o ano nos bosques do norte e subalpinos de coníferas, pode migrar regularmente facendo incursións máis ao sur, e tanto a cantidade de migrantes coma os lugares de invernada varían dun ano para outro.[8] Ás veces chegan ao norte de México, onde son visitantes invernais raros en Nuevo León, Baixa California Norte e polo sur ao longo da vertente do Pacífico ata Sinaloa.[11] No leste dos Estados Unidos, a súa área está espallándose cara ao sur.[8] Aínda que antes era residente da illa Guadalupe, na costa oeste de México, agora parece que está extinguido alí, e o último rexistro coñecido desta especie na illa data de 1971. Hai un só rexistro dun individuo errante na illa mexicana de Socorro.[11] É unha ave errante extremadamente rara en Europa, con dous rexistros no oeste do Paleártico; unha destas aves pasou o inverno con éxito no leste de Inglaterra.[12]

Alimentación[editar | editar a fonte]

Como todos os gabeadores, esta especie é acrobática, camiñando arriba e abaixo polos troncos das árbores e pólas procurando comida.[8] Pode camiñar coa cabeza por diante cando baixa polos troncos. Pode "camiñar" pola parte inferior das pólas. A diferenza dos petos e cértidos, non usa a súa cola para impulsarse cando gabea.[13] Adoita buscar comida en solitario ou en parellas.[11]

A súa dieta cambia dependendo da estación. No verán, come principalmente insectos, ocasionalmente incluso ao voo, mentres que en inverno, cambia a súa dieta e como sementes de coníferas.[14] Nos alimentadores de aves comen pipas de xirasol, manteiga de cacahuete e sebo. A miúdo incrusta cachos de comida nas gretas da codia das árbores para que queden suxeitas e poida abrilas peteirándoas (en vez de agarrar o alimento cos seus pés, como fan outras aves).

Reprodución[editar | editar a fonte]

Como todos os gabeadores esta especie é monógama. O macho cortexa a femia cunha exhibición peculiar, elevando a súa cabeza e cola mentres que xira poñéndose de costas ante ela, inclina as ás e balancéase de lado a lado.

Esta ave escava o seu niño, que sitúa a uns 1,53–37 m por riba do chan (xeralmente a uns 4,6 m). A escavación fana ambos os sexos e lévalles dunha a oito semanas.[15] A parella unta arredor da entrada do niño zume elaborado que segrega a árbore, presumiblemente para axudar a disuadir os predadores.[13] O niño está forrado con herbas, musgos, cachos de codia e raiciñas. Aínda que na construción de niños colaboran os dous sexos, quen máis traballa é a femia.

A femia pon de 2 a 8 ovos (xeralmente 5 ou 6), que son brancos, con crema ou rosas e cubertos de pintas marróns avermelladas. Os ovos miden de 1,5 a 1,8 cm de longo e de 1,0 a 1,3 cm de largo. A femia é a que choca os ovos durante 12 ou 13 días.[16] As crías son altriciais e permanecen no niño durante dúas ou tres semanas, e son alimentados polos dous sexos. Normalmente só hai unha niñada ao ano. A súa vida dura uns 6 anos.

Status de conservación e ameazas[editar | editar a fonte]

Debido á súa ampla área de distribución global e crecente poboación, esta especie está clasificada como en situación Menos preocupante pola Unión Internacional para a Conservación da Natureza.[1] Nas Américas, está protexido polo Tratado de Aves Migratorias de 1918.[17]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 "Sitta canadensis". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. 2012. Consultado o 26 de novembro de 2013. 
  2. Linnaeus, C (1758). Systema naturae per regna tria naturae, secundum classes, ordines, genera, species, cum characteribus, differentiis, synonymis, locis. Tomus I. Editio decima, reformata (en latín). Holmiae. (Laurentii Salvii). p. 115. Rostrum subcultrato-conicum, rectum, porrectum: integerrimum, mandíbula superiore obtusiuscula. Lingua lacero-emarginata 
  3. Holloway, Joel Ellis (2003). Dictionary of birds of the United States: Scientific and Common Names. Portland, OR: Timber Press. p. 185. ISBN 0-88192-600-0. 
  4. Elphick, Dunning and Sibley 2001, p. 435
  5. 5,0 5,1 Harrap 2008, p. 136
  6. Pasquet, Eric (January 1998). "Phylogeny of the nuthatches of the Sitta canadensis group and its evolutionary and biogeographic implications". Ibis (Abstract) 140 (1): 150–156. doi:10.1111/j.1474-919X.1998.tb04553.x. 
  7. Por convención, a lonxitude mídese desde a punta do bico á punta da cola nun paxaro morto (ou desecado) apoiado sobre o dorso. Cramp, Stanley, ed. (1977). Handbook of the Birds of Europe, the Middle East and North Africa: Birds of the Western Palearctic, Volume 1, Ostrich to Ducks. Oxford University Press. p. 3. ISBN 0-19-857358-8. 
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 8,4 8,5 Dunn, Jon L.; Alderfer, Jonathan, eds. (2006). National Geographic Field Guide to the Birds of North America (5th ed.). Washington DC: National Geographic. p. 341. ISBN 0-7922-5314-0. 
  9. 9,0 9,1 9,2 Sibley, David (2000). The North American Bird Guide. Mountfield, UK: Pica Press. p. 380. ISBN 1-873403-98-4. 
  10. Taylor, Richard Cachor (2010). Birds of Southeastern Arizona. Olympia, WA: R. W. Morse Company. p. 275. ISBN 978-0-9640810-7-9. 
  11. 11,0 11,1 11,2 Howell, Steve N. G; Webb, Sophie (1995). A Field Guide to the Birds of Mexico and Northern Central America. Oxford University Press. p. 553. ISBN 978-0-19-854012-0. 
  12. Dye, Keith; Fiszer, Mick; Allard, Peter (2009). Birds New to Norfolk. Sheringham, UK: Wren Publishing. pp. 340–342. ISBN 978-0-9542545-3-7. 
  13. 13,0 13,1 Reed 2001, p. 437
  14. Harrap, Simon; Quinn, David (1996). Tits, Nuthatches & Treecreepers. London: Christopher Helm. pp. 144–148. 
  15. Reed 2001, p. 436
  16. "All About Birds: Red-breasted Nuthatch, Life History". Cornell Laboratory of Ornithology. Consultado o 26 May 2011. 
  17. "Birds Protected by the Migratory Bird Treaty Act". US Fish and Wildlife Service. Arquivado dende o orixinal o 12 de maio de 2013. Consultado o 16 September 2011. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Reed, J. Michael (2001). "Nuthatches". En Elphick, Chris; Dunning Jr., John B.; Sibley, David. The Sibley Guide to Bird Life & Behaviour. London: Christopher Helm. ISBN 0-7136-6250-6. 
  • Harrap, Simon (2008). "Family Sittidae (Nuthatches)". En del Hoyo, Josep; Elliott, Andrew; Christie, David. Handbook of Birds of the World, Volume 13: Penduline-tits to Shrikes. Barcelona: Lynx Edicions. ISBN 978-84-96553-45-3. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]