Santa Fe, Arxentina

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Santa Fe de la Vera Cruz é a capital da Provincia de Santa Fe e a novena cidade máis poboada da Arxentina. Está situada na rexión centro-leste do país, a beiras da lagoa Setúbal, do río Santa Fe e do río Salado.

Esta rexión recibe unha marcada influencia climática do río Paraná. No verán predomina unha masa de aire tropical cálida e húmida con ventos persistentes desde o norte con altas temperaturas, mentres que no inverno unha masa de aire polar que produce arrefriamento e xeadas afecta a rexión. A temperatura media anual oscila entre os 17 °C e os 21 °C.[1]

Administrativamente está organizada en 8 distritos que a descentralizan en 100 barrios.[2] Segundo o censo de 2010 Santa Fe ten unha poboación de 415.345 habitantes, e a súa área metropolitana ascende a 526.073 habitantes.[3] Xunto ao Gran Paraná conforma unha área urbana de máis de 850.000 habitantes, unidas por un túnel que atravesa o río Paraná.

Por parte da educación, Santa Fe é un polo educativo en Arxentina. Unha das súas universidades máis recoñecidas é a Universidade Nacional do Litoral.

Santa Fe foi fundada por Juan de Garay o 15 de novembro de 1573 na área da actual Cayastá, mais ao non encontrarse nun bo lugar polos constantes ataques dos indíxenas, as pragas de langostas e as inundacións, foi trasladada ao seu emprazamento actual o 21 de abril de 1649.[4]

En Santa Fe ocorreron feitos de relevancia histórica, como a sinatura da Constitución Arxentina e todas as súas reformas.

A Ponte colgante de Santa Fe é un importante símbolo da cidade.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Santa Fe" (en español). Welcome Argentina. http://www.welcomeargentina.com/santafe/. Consultado o 24 de outubro de 2013.
  2. "Distritos" (en español). Municipalidade de Santa Fe. http://www.santafeciudad.gov.ar/ciudad/distritos_ciudad.html. Consultado o 24 de outubro de 2013.
  3. INDEC (2010). "Provincia de Santa Fe por departamento. Total de población. Año 2010" (en español). http://200.51.91.231/censo2010/. Consultado o 24 de outubro de 2013.
  4. "Historia" (en español). Muncipalidade de Santa Fe. http://www.santafeciudad.gov.ar/ciudad/historia. Consultado o 24 de outubro de 2013.