República de Cracovia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Rzeczpospolita Krakowska
República de Cracovia

Protectorado de Rusia, Prusia e Austria

1815 — 1846 Bandeira
Bandeira Escudo
Bandeira Escudo
Situación de Cracovia
Cidade libre, independente e estritamente neutral de Cracovia
Capital Cracovia
Goberno República
Período histórico post-Congreso de Viena
 • Congreso de Viena 3 de maio de 1815
 • Levantamento en Cracovia 1846
Moeda Złoty cracoviano

República de Cracovia, tamén coñecida como Cidade Libre de Cracovia,[1] foi un Estado creado no Congreso de Viena, garantido polos tres países veciños, Rusia, Prusia e Austria, que existiu entre 1815 e 1846.

Foi un remanente do Gran Ducado de Varsovia, que foi repartido entre os tres Estados anteriormente citados en 1815. E tamén foi un centro de axitación a favor dunha Polonia independente. En 1846, a raíz da fracasada sublevación contra os austríacos, foi anexionada polo Imperio austríaco.[2]

Situación inicial[editar | editar a fonte]

A República de Cracovia foi instituida en 1815 por decisión do Congreso de Viena.[3] O paladín desta proposta foi o tsar Alexandre I, que durante as negociacións entre Prusia, Austria e Rusia propuxo a instauración de Cracovia e Toruń como cidades libres.

Finalmente, Toruń quedou en mans de Prusia, mentras que Cracovia e os seus arredores instauráronse nun país "libre, independente e estritamente neutral" baixo a protección do Imperio ruso, o Reino de Prusia e o Imperio austríaco, dotado dunha certa autonomía de acordo cunha constitución, que foi redactada polo duque Adam Jerzy Czartoryski e garantida polos Estados asinantes do acordo, e que foi reformada en 1818.[3]

O novo Estado non tiña, porén, autoridade para ditar a súa propia política internacional, de modo que os seus intereses quedaron representados polos tres poderes garantes.

Deste xeito, ditos Estados aseguraban a situación perdurábel da Cidade Libre e a ausencia de tropas no seu territorio.

En contrapartida, Cracovia acubillaría a espías e desertores que fuxiran ao seu territorio.

Historia[editar | editar a fonte]

Establecemento[editar | editar a fonte]

Acto da concesión da Constitución da Cidade Libre de Cracovia.

A Cidade Libre de Cracovia foi a única parte do napoleónico Gran Ducado de Varsovia que se mantivo máis ou menos independente despois de 1815. O resto foi atribuído principalmente a Rusia (o Reino do Congreso), e secundariamente a Prusia (o Gran Ducado de Posen ou Poznan).

A data oficial de instauración do Estado foi o 3 de maio de 1815 baixo a protección das tres potencias responsábeis dos repartos de Polonia a finais do século XVIII.

Estaba formada pola cidade de Cracovia e os seus arredores.

Constitución de 1818[editar | editar a fonte]

A constitución outorgada en 1815 polo Congreso de Viena foi reformada en 1818. Unha "Comisión de Organización", formada por senadores da Cidade Libre, ocupouse de redactar a nova constitución e organizar a administración da Cidade-Estado. En particular, nomeouse unha "Comisión Campesiña" con vistas a regular o status legal destes.

Esta constitución amosaba unha certa orixinalidade, dentro das normas do Antigo Réxime dos seus Estados veciños, como a abolición da servidume, a liberdade de palabra e de reunión, a prohibición por parte das autoridades de confiscar bens e a prohibición dos arrestos arbitrarios. Garantía a igualdade de todos ante a lei e a inviolabilidade da propiedade privada, e o predominio da lingua polaca. A relixión do Estado era o catolicismo, pero os demais cristiáns tiñan tamén asegurados todos os dereitos civís, e os crentes doutras relixións, a tolerancia e a protección da lei.

O poder lexislativo exercíase por unha Asemblea de representantes da cidade, das vilas, da Universidade, da Igrexa católica e da Xustiza. O poder executivo radicaba nun Senado de trece membros: o presidente e oito senadores escollidos pola Asemblea de representantes, dous senadores nomeados pola Igrexa e outros dous senadores designados pola Universidade.

As leis inspirábanse no Código napoleónico, que estaba en vigor no Gran Ducado de Varsovia desde 1808. A lingua oficial era o polaco. A Cidade Libre podía comerciar sen taxas aduaneiras con Rusia, Prusia e Austria. A Universidade Iguelónica de Cracovia podía admitir estudantes dos territorios polacos baixo do dominio das tres potencias veciñas.

A Asemblea tiña competencias lexislativas e de control. Reuníase unha vez ao ano para aprobar os orzamentos, controlar o traballo dos funcionarios estatais e para elixir senadores e outros cargos. Porén, a constitución subordinaba a súa iniciativa á aprobación do Senado, que tiña o dereito, durante o ano seguinte, de suspender a realización das decisións da Asemblea no caso de que esta non obtivese a aprobación de, polo menos, 7/8 dos votos.

O sufraxio activo na República estaba nas mans de profesores da universidade, mestres, artistas, clero secular, directores de fábricas e talleres, comerciantes máis importantes, propietarios de pousadas e de casas que pagasen polo menos 50 zlotys de impostos de propiedade.

Aos candidatos á Asemblea de representantes e ao Senado se lles exixía ter completado estudos nunha universidade polaca. Estaban exentos desta regra os antigos funcionarios do Gran Ducado de Varsovia e os membros nomeados polos países garantes.

A Cidade Libre de Cracovia tivo o primeiro goberno republicano auténtico na historia de Polonia, e tamén foi a primeira república moderna do leste de Europa.[Cómpre referencia]

Decadencia e disolución da Cidade-estado[editar | editar a fonte]

Durante a insurrección de 1830-1831 contra os rusos,[4] Cracovia serve como base aos patriotas do reino de Polonia, que así poden recibir armas. Tras o fracaso desta insurrección, a Cidade Libre perde rapidamente a súa autonomía, cada vez con máis restricións á súa constitución. Desde 1836 a 1841, Cracovia foi ocupada polo exército austríaco.

En 1846 a Cidade sublévase contra os ocupantes austríacos,[5] [6] pero a insurrección foi rapidamente reprimida e Austria anexionou o territorio de Cracovia o 6 de novembro de 1846.[7]

Xeografía[editar | editar a fonte]

Mapa físico da República de Cracovia.

A República de Cracovia creouse a partir da porción suroeste do Gran Ducado de Varsovia, na marxe esquerda do río Vístula. A súa superficie era de 1.234 km² (segundo outras fontes, 1.164) e compartía fronteiras co Imperio ruso, o Reino de Prusia e o Imperio austríaco.

No seu territorio encontrábanse, ademais de Cracovia, 224 vilas, das cales en torno ao 60 % estaban en mans privadas, e tres cidades privadas, Chrzanów, Trzebinia e Nowa Góra.

En 1815 contaba con 95.000 habitantes, e en torno a 1843, 146.000, dos cales máis ou menos o 85 % eran católicos e o resto, na súa maioría, xudeus (14 %).

A familia máis poderosa da República de Cracovia eran os Potocki de Krzeszowice, propietarios de 11 vilas. Porén, a maioría dos membros desta poderosa familia vivían en Cracovia para levar aos nenos á escola e participar activamente na vida política da Cidade-estado.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. O seu nome oficial era
    Cidade libre, independente e estritamente neutral de Cracovia e o seu territorio
    (en polaco: Wolne, Niepodległe i Ściśle Neutralne Miasto Kraków z Okręgiem).
  2. Degan (1997), p. 378.
  3. 3,0 3,1 Hertslet (1875), p. 127.
  4. Vida y viajes de la señora Nancy Prince. Trducido del original por Sergio Saiz Marín con la contribución de Carme Manuel Cuenca. Universitat de València. 2011. p. 105. ISBN 8437084695.
  5. France, terre d'exil 1830-1914 Deuframat. Consultada o 6 de marzo de 2014.
  6. Quelques dates cracoviae.com Consultada o 6 de marzo de 2014.
  7. Blaise Knapp, Le Système préférentiel et les États tiers, Librairie Droz, 1959.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: República de Cracovia

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Degan, Vladimir Đuro (1997): Developments in International Law Series. Volume 27. Martinus Nijhoff Publishers. ISBN 9789041104212. 378
  • Feuchtwanger, E. J. (1970): Prussia: Myth and Reality. Chicago: Henry Regnery Company ISBN 0-85496-108-9.
  • Hertslet, Edward (1875): The map of Europe by treaty; showing the various political and territorial changes which have taken place since the general peace of 1814. London: Butterworths. 127

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Coordenadas: 50°3′42″N 19°56′14″E / 50.06167°N 19.93722°E / 50.06167; 19.93722