Pyramiden

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 78°40′45″N 16°23′43″L / 78.67917, -16.39528

Localización de Pyramiden, na parte central da illa Spitsbergen.

Pyramiden (en noruegués significa "a pirámide"; en ruso escríbese Пирамида, transcrito como "Piramida") foi un asentamento mineiro de carbón soviético no arquipélago de Svalbard, Noruega. Actualmente, só unha persoa a habita no inverno e pode chegar a ter dez no verán. Fundárona os suecos en 1910, pero en 1927 foi vendida á Unión Soviética. Pyramiden pechouse en 1998 e desde entón permaneceu practicamente abandonada, coa maior parte da súa infraestrutura e dos edificios aínda en pé. Desde 2007 houbo diversas iniciativas para facer dela unha atracción turística.

Historia[editar | editar a fonte]

Entrada en Pyramiden, co nome en ruso e en noruegués

Pyramiden está ao pé do Billefjorden na illa de Spitsbergen. A localidade está situada nas inmediacións da baía de Adolfbukta, na parte oriental de Spitsbergen, onde se sitúa o glaciar de Nordenskjøldbree. Recibiu o seu nome da homónima montaña con forma de pirámide que queda xunto á cidade.[1] Os asentamentos máis próximos son a capital de Svalbard, Longyearbyen, a uns cincuenta quilómetros ao sur, Barentsburg, a uns cen quilómetros ao suroeste, e a pequena comunidade científica de Ny-Ålesund, cen quilómetros ao oeste.

Cando Pyramiden estaba habitada, era en gran parte autosuficiente. A importante cantidade de carbón dispoñible facía que fose posible dispor de moitas tubaxes que transportaban auga quente para a calefacción das casas, a piscina de auga salgada quente, os invernadoiros e as cortes. Co estérco de vacas, os porcos e as aves, fertilizábase os hortos en invernadoiros, onde se cultivaban entre outros, tomates, pementos, cogombros, perexil, cebolas, leitugas e plantas ornamentais. O ano 1975 producíronse 35.000 kg de carne, 48.000 litros de leite, 110.000 ovos e 5.700 kg de verduras.[2]

Propiedade da compañía mineira estatal rusa Arktikugol Trust, Pyramiden chegou a ter máis de mil habitantes. O 31 de marzo de 1998 extraeuse o derradeiro carbón da mina e os últimos residentes permanentes abandonárono o 10 de outubro.[3] Ata 2007, Pyramiden era practicamente unha cidade fantasma onde, dentro dos edificios, as cousas se conservaban practicamente como estaban cando o asentamento foi abandonado.[4]

O autor noruegués Kjartan Fløgstad escribiu un libro sobre Pyramiden.[5] Un recente episodio do programa da canle de televisión History titulado A terra sen humanos estivo dedicado a esta cidade. Predíxose que, debido ao lento ritmo de decadencia nun clima fríxido, os principais edificios desta cidade abandonada seguirán sendo visibles durante outros cincocentos anos.[6]

Na actualidade[editar | editar a fonte]

Á parte do único habitante estable, só quedan cinco ou seis persoas que se dedican ao mantemento e algúns guías turísticos.[7]

Pyramiden é accesible por barco ou con moto de neve desde Longyearbyen e non hai restricións para a visitar. Os edificios aínda son propiedade de Arktikugol Trust e non se permite entrar neles sen permiso, aínda que o vandalismo e o roubo de "lembranzas" se converteron nunha ameaza seria para Pyramiden, xa que contribúen a acelerar a súa degradación.[8]

Desde 2007, a empresa Arktikugol estivo renovando o hotel e mellorando a súa infraestrutura, o que inclúe a edificicación dunha nova estación de enerxía con motores diésel, para acomodar turistas no antigo asentamento. Ata 30 traballadores estiveron vivindo no lugar todo o ano para o mantemento das instalacións e guiar os turistas que veñen de visita desde Longyearbyen.[9]

Imaxe panorámica de Piramiden

En 2009 os rusos construíron un hotel e agora pódese facer visitas guiadas en ruso, noruegués e inglés. En 2013 reabriu o hotel Tulip para poder quedar á noite en Pyramiden. Ademais, hai tamén outro quequeno hotel construído con antigos colectores preto da baía.[10] Con todo, non hai plan ningún de renovar e reabrir o asentamento no seu conxunto.

En 2014 a cantante sueca Tove Styrke gravou un vídeo musical en Pyramiden para o seu single Borderline.[11]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Архипелаг никак" Arquivado 25 de marzo de 2018 en Wayback Machine. (data de acceso o 19 de decembro de 2016).
  2. Andreassen, Elin; Hein B. Bjerck; e Bjørnar Olsen. Persistent Memories: Pyramiden. A Soviet Mining Town in the High Arctic. Tapir Academic Press. 2010. [En inglés]
  3. Nuwer, Rachel. «A Soviet Ghost Town in the Arctic Circle, Pyramiden Stands Alone». Smithsonian Magazine. Smithsonian. (Consultado o 19 de decembro de 2016).
  4. Pulling out of Pyramiden. BBC News. 2 de setembro de 2000
  5. "Fløgstad i Pyramiden : Dagsavisen". Arquivado dende o orixinal o 27 de setembro de 2007. Consultado o 19 de decembro de 2016. 
  6. «A Soviet Ghost Town in the Arctic Circle, Pyramiden Stands Alone». Smithsonian magazine. 19 de maio de 2014.
  7. BBC News | FROM OUR OWN CORRESPONDENT | Pulling out of Pyramiden
  8. Umbreit, Andreas. Spitsbergen, Svalbard, Franz Josef Land & Jan Meyen. Bradt Travel Guides. 2009. Páxina 182.
  9. "Back in Pyramiden, Svalbard Arquivado 18 de xuño de 2013 en Wayback Machine.". Elin Andreassen e Hein B. Bjerck, Ruin Memories.
  10. Nytt liv for Pyramiden Arquivado 29 de novembro de 2014 en Wayback Machine.. Svalbardposten. 6 de abril de 2013.
  11. Vídeo musical de Tove Styrke gravado en Pyramiden

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Kjartan Fløgstad. Pyramiden, retrato de una utopía abandonada. Interfolio Libros, 2011. [ISBN 978-84-937694-6-8] [En castelán]
  • Andreassen, Elin; Hein B. Bjerck; e Bjørnar Olsen. Persistent Memories: Pyramiden. A Soviet Mining Town in the High Arctic. Tapir Academic Press. 2010. [En inglés]
  • Umbreit, Andreas. Spitsbergen, Svalbard, Franz Josef Land & Jan Meyen. Bradt Travel Guides. 2009.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]