Primeiro óso metacarpiano
| Primeiro óso metacarpiano | |
|---|---|
| Primeiro metacarpiano | |
| Latín | ossa metacarpalia I |
| Gray's | asunto #55 228 |
O primeiro óso metacarpiano é un dos cinco ósos do metacarpo. É o metacarpiano máis lateral ou externo. Artéllase superiormente cos ósos do carpo, co óso trapecio. Inferiormente está artellado coa falanxe proximal do dedo polgar, mediante unha articulación carpo-metacarpiana.
Índice |
Estrutura[editar]
É un óso máis curto e ancho cos outros metacarpianos.
Base[editar]
É a parte máis proximal do óso. Ten forma de trompeta. Na parte superior, posúe unha superficie articular en forma de cadeira para se artellar co óso trapecio. Esta articulación carpo-metacarpiana é particular, diferente ao resto, e deste xeito permite a oposición do polgar.
Na superficie palmar ou anterior, adoita haber un pequeno tubérculo óseo para a inserción final do músculo abdutor longo do polgar. Na superficie medial insírese o primeiro músculo interóseo palmar. O resto da base non ten superficies articulares, xa que, ao contrario do resto de metacarpianos, o primeiro só se artella co trapecio e non se artella con ningún outro metacarpiano.
Corpo[editar]
O corpo é groso e posúe catro superficies. A superficie dorsal é convexa, mentres que a interna, externa e palmar son cóncavas. Nesta última superficie insírese o músculo opoñente do polgar na parte máis externa, e a orixe do primeiro músculo interóseo dorsal.
Cabeza[editar]
A cabeza é menos redonda cas cabezas dos outros metacarpianos. A superficie distal serve para a articulación metacarpo-falánxica. É unha superficie cadrangular, ancha e plana, máis grosa na parte palmar ca na dorsal.
Osificación[editar]
O primeiro metacarpiano posúe dous puntos de osificación, o primario no corpo e o secundario na base. No resto de metacarpianos, o punto de osficiación secundario localízase na cabeza. O proceso de osificación comeza na novena semana de xestación no corpo e no segundo ano de vida nas nenas e no terceiro dos nenos na base. Os centros únense en torno aos quince anos nas mulleres e aos dezasete nos homes.
Nalgunhas ocasións poden acharse pequenos ósos secundarios, que contribúen a función do primeiro metacarpiano:
- os trapecio secundarium - entre a base cubital do primeiro metacarpiano e a marxe distal do trapecio
- os praetrapezium - entre o metacarpiano do polgar e a superficie distal do trapecio
- os paratrapezium - entre a base radial do primeiro metacarpiano e o aspecto distoradial do trapecio
Véxase tamén[editar]
Bibliografía[editar]
- Gray. Anatomy of the human body (en inglés). Edición de 1918 de dominio público.