Portal:Reino Unido/Artigo destacado/3

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

The Beatles foi unha banda de rock formada en Liverpool (Inglaterra) en 1960, activa durante a década dos 60, e recoñecida como unha das máis comercialmente exitosas e criticamente aclamadas na historia da música popular. Formada en Liverpool, estivo constituída desde 1962 por John Lennon (guitarra rítmica, vocalista), Paul McCartney (baixo, vocalista), George Harrison (guitarra solista, vocalista) e Ringo Starr (batería, vocalista). Enraizada no skiffle e no rock and roll dos anos cincuenta, a banda traballou máis tarde con distintos xéneros musicais, que ían desde a balada pop ata o rock psicodélico, incorporando a miúdo elementos clásicos, entre outros, de forma innovadora nas súas cancións. A natureza da súa enorme popularidade, que emerxera primeiramente coa moda da «Beatlemanía», transformouse á vez que as súas composicións se volveron máis sofisticadas. Chegaron a ser percibidos como a encarnación dos ideais progresistas, estendendo a súa influencia nas revolucións sociais e culturais da década de 1960.

Cunha formación inicial de cinco compoñentes que incluía a Lennon, McCartney, Harrison, Stuart Sutcliffe (baixo) e Pete Best (batería), construíron a súa reputación nos clubs de Liverpool e Hamburgo nun período de tres anos a partir de 1960. Sutcliffe abandonou a formación en 1961, e Best foi substituído por Starr ao ano seguinte. Xa como grupo profesional despois de que Brian Epstein lles ofrecese ser o seu representante, e co seu potencial musical mellorado pola creatividade do produtor George Martin, lograron o éxito comercial no Reino Unido a finais de 1962 co seu primeiro sinxelo, «Love Me Do». A partir de aí, foron adquirindo popularidade internacional ao longo dos seguintes anos, nos cales fixeron un extenso número de xiras ata 1966, ano en que cesaron a actividade en vivo para dedicarse unicamente á gravación no estudo ata a súa disolución en 1970. Despois, todos os seus integrantes embarcáronse en exitosas carreiras independentes, a pesar disto non foron raras as colaboracións entre eles.

Lennon sería asasinado nos arredores da súa casa de Nova York en 1980, e Harrison falecería de cancro en 2001. McCartney e Starr aínda permanecen activos.