Portal:Estados Unidos de América/Cabezallo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Os Estados Unidos de América (abreviado EUA e EEUU; en inglés: United States of America, abreviado USA ou US) son un estado federal composto por 50 estados e un distrito federal. 48 deles están situados entre o Canadá (ó norte), o océano Atlántico (ó leste), o golfo de México e México (ó sur) e o océano Pacífico (ó oeste). O estado de Alasca está na parte noroeste de Norteamérica, e o estado de Hawai é un arquipélago no medio do Pacífico. O país tamén posúe cinco territorios poboados e nove non poboados no Pacífico e no Caribe. Con 9,85 millóns de km2 e 318 millóns de persoas, os Estados Unidos son o terceiro ou cuarto meirande país por área total e o terceiro país por poboación. É un dos países máis multiculturais e diversos etnicamente do mundo, debido á inmigración de moitos países. A xeografía e o clima son moi diversos, e o país é tamén o fogar dunha variada vida salvaxe.

Os paleoindios migraron dende Eurasia ata os actuais Estados Unidos hai 15 000 anos, e a colonización europea comezou no século XVI. Os Estados Unidos xurdiron das Trece Colonias Británicas localizadas na Costa Atlántica. As disputas entre o Reino de Gran Bretaña e as colonias levaron á Revolución Americana. O 4 de xullo de 1776, mentres as colonias estaban a loitar contra Gran Bretaña na guerra de independencia, os delegados das 13 colonias asinaron a Declaración de Independencia. A guerra rematou en 1783 co recoñecemento da independencia dos Estados Unidos dende o Reino de Gran Bretaña, e foi a primeira guerra de independencia exitosa contra un imperio colonial europeo.

De acordo coa doutrina do destino manifesto, os Estados Unidos embarcáronse nunha grande expansión en Norteamérica ó longo do século XIX. Isto supuxo o desprazamento das tribos nativas, adquisicións de novos territorios e a admisión gradual de novos estados. Durante a segunda metade do século XIX, a guerra civil estadounidense acabou coa escravitude legal no país. A finais dese século, os Estados Unidos estendéronse ata o Océano Pacífico, e a súa economía comezou a evolucionar.

Os Estados Unidos son un país desenvolvido e a meirande economía do mundo. Mentres a economía estadounidense está considerada como post-industrial, continúa a ser un dos manufactureiros máis importantes do mundo.