Pictorialismo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O pictorialismo é unha corrente fotográfica de pretensións artísticas que se desenvolve a nivel mundial (inda que principalmente en Europa, Estados Unidos e Xapón) entre finais dos anos 1880 e o final da primeira guerra mundial. O nome do movemento deriva do termo inglés picture (imaxe) e non de paint (pintura), razón pola cal resulta erróneo falar de fotografía pictórica ou pictorialista, termos que virían a referirse á fotografía academicista, corrente que si que se encontra moi relacionada con a pintura.

Planeamentos[editar | editar a fonte]

Para o grupo de fotógrafos que o conformaron, o pictorialismo supón falar dunha imaxe máis dentro do existente, dunha imaxe simple captada/separada dun mero rexistro da realidade.

Xorde como reacción á fotografía de afeccionados, considerada vulgar e nacida coa comercialización da cámara fotográfica instantánea de Kodak, e esténdese rapidamente por todo o mundo. Tamén se contrapón á Fotografía academicista reivindicando os valores propios da fotografía para a realización de obras de arte en plena igualdade con outras disciplinas artísticas (pintura, escultura, arquitectura,...). É por iso que se renuncia á imitación da pintura.

Os fotógrafos do pictorialismo defínense como fotógrafos e artistas na liña das teorías do romanticismo propias do século XIX, destacando a sensibilidade e inspiración dos autores e outorgando un papel secundario ós coñecementos técnicos (tal e como facía Julia Margaret Cameron).

Distáncianse da realidade para que as súas fotografías sexan só imaxes e non unha mera reprodución da realidade, motivo polo cal buscan deliberadamente o desenfoque ou efecto floue.

Ideas e Técnicas[editar | editar a fonte]

O pictorialismo supón unha selección dos temas (Paisaxe - Días nubrados, de chuvia, de néboa,.... e todos aqueles en que os axentes atmosféricos non permiten que as imaxes sexan nítidas / Retrato - Elíxense principalmente figuras femininas, e igualmente se busca un resultado borroso / Alegorías / Etc.).

Entre o tema seleccionado e a cámara colócanse filtros, pantallas e demais utensilios que impiden ver claramente. Igualmente recorren á utilización de xogos de luces e sombras.

Non se enfoca de forma deliberada para provocar un efecto similar á pintura impresionista (é por iso que o pictorialismo é tamén coñecido como fotografía impresionista).

Utilizában os coñecidos como obxectivos de artistas que supuña a colocación de elementos que non correspondían ás cámaras fotográficas empregadas, chegando a recorrer a obxectivos antigos moi imperfectos ou, incluso, á cámara escura sen obxectivo.

Tamén se actuaba na fase de revelado e na de positivado da imaxe. Emprégase papel especialmente adecuado para as súas manipulacións. Engádese carbón, bromóleo, goma bicromatada, ou outros pigmentos ás emulsións buscando facer as fotografías similares ó debuxo, gravado, etc. Xorde así o concepto de impresións nobres.

A idea principal era a intención de buscar un resultado diferente ó das imaxes tradicionais e que amais isto salte á vista, o cal resulta ser un valor engadido.

Pola súa manipulación, as coñecidas como impresións nobres, nunca resultaban iguais pese a que se partise dun mesmo negativo inicial. Estas técnicas impedían a multiplicidade de copias, por canto que as obras eran únicas. Chegouse incluso a destruír o negativo para impedir copias das imaxes.

Para a súa presentación ó público as imaxes (ou impresións nobres) son enmarcadas recorrendo á utilización de marcos propios de pinturas antigas e moi rimbombantes.

Desenvolvemento histórico[editar | editar a fonte]

Antecedentes[editar | editar a fonte]

Os precedentes do pictorialismo veñen constituídos polas figuras de Julia Margaret Cameron e Henry Peach Robinson. Na fotógrafa inglesa encontraron os adeptos ó pictorialismo unha actitude decidida, amais dunha serie de comportamentos (ou técnicas) ante a fotografía de grande aceptación para eles, como é o uso de obxectivos inadecuados e a busca do efecto floue. Por outro lado, Henry Peach Robinson veu ser o apoio teórico do movemento, grazas á súa obra Efecto Pictorial en Fotografía, 1869, así como o inspirador do nacemento dos grupos adeptos ó pictorialismo.

O nacemento do pictorialismo[editar | editar a fonte]

O punto de partida do movemento vén determinado pola publicación en 1889 do libro Naturalistic Photography de Peter Henry Emerson, onde o seu autor defende que a imaxe floue correspondía á visión normal e superaba tódalas formas artísticas, por influencia dos pintores impresionistas.

A partir deste momento xorden novos grupos e asociacións dedicadas á busca de unha fotografía artística construída sobre os valores propios da fotografía. É esta unha postura estética claramente diferenciada das inquietudes das primeiras asociacións dedicadas á investigación técnica.

O primeiro impulso para a creación fotográfica pictorialista deuno o Camera Club de Viena ó organizar en 1891 unha exposición de fotógrafos adheridos ó pictorialismo. Un ano máis tarde, en 1892, créase en Londres o Linked Ring co obxectivo da organización dunha exposición baixo o lema Liberty-Loyalty, á que foron invitados fotógrafos estranxeiros da Europa Continental e dos Estados Unidos.

A partir deste momento, os grupos multiplicáronse por toda Europa, chegando o pictorialismo ós Estados Unidos e a outros continentes, animados por xoves fotógrafos desexosos de demostrar os valores artísticos da fotografía.

Os seus principais autores[editar | editar a fonte]

Os seus representantes máis destacados foron Peter Henry Emerson e Robert Demachy. Outros serían Alvin Langdon Coburn, Heinrich Kühn, Léonard Missone, Comandante Puyo, James Craig Annan, Richard Polak, George Davison, Lionel Clark, Hugo Henneberg, Fred Holland Day, Gertrude Käsebier, Edward Steichen, Clarence Hudson White e Frederick Henry Evans.

En España destaca a obra de José Ortiz Echagüe.

Os grupos máis destacados[editar | editar a fonte]

Entre as asociacións de fotógrafos que se adheriron ó movemento destacan Linked Ring, Camera Club de Londres, Camera Club de Nova York, Photo-Secession, Photo-Club de París, Camera Club de Viena, Real Sociedade Fotográfica, Sociedade Portuguesa de Fotografía, Sociedade Fotográfica Arxentina de Afeccionados ou a Japanese Camera Pictorialist of America.

Estes grupos organizaron exposicións, publicaron revistas, manifestos,.... Son colectivos moi elitistas que limitan o acceso de membros e de fotografías para as súas exposicións.

A decadencia[editar | editar a fonte]

Cara ó ano 1910 acada o movemento o seu punto álxido entrando nun proceso de decadencia polo esgotamento das súas propostas e os cambios sociais habidos, onde a súa reivindicación artística carece de sentido. Tras o final da primeira guerra mundial os seus principais autores abandonan o movemento ante o empuxe do Novo realismo fotográfico.

Malia o anterior, en situacións illadas como a de España continúa o seu desenvolvemento ata ben concluída a Guerra civil española.

Valoración[editar | editar a fonte]

Os teóricos da fotografía non mostran un xuízo uniforme á hora de realizar unha valoración crítica sobre este movemento artístico-fotográfico.

* Uns defenden a transcendencia histórica do mesmo falando do primeiro movemento verdadeiramente artístico en fotografía.
* Outros, se ben recoñecen os seus excesos, sosteñen que os avances en investigación fotográfica obtidos (en materias como o tratamento da luz, traballo en positivado, etc.) quedaron na experiencia para os fotógrafos posteriores que puideron recorrer a ditas técnicas sen caer nos excesos deste movemento.
* Pola contra, algúns negan o valor fotográfico do movemento chegando a cualificalo como a non fotografía, xa que as súas obras nin constitúen unha pegada da realidade, nin tampouco se pode obter unha multiplicidade de copias e, amais, non favorece a popularización do acceso e disfrute da fotografía (tres calidades básicas que se achan no concepto de fotografía).

Esta discusión non está rematada. É máis, hoxe en día ten plena vixencia por canto que algúns autores defenden os valores estéticos da imaxe, mentres que outros fotógrafos sosteñen o valor das imaxes como testemuño social da realidade.

En galerías de arte, salas de exposicións, revistas,.... podemos observar como a fotografía é utilizada por algúns como medio de reflexión artística e por outros como medio de reflexión social.

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Pictorialismo