O cabaleiro inexistente

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O cabaleiro inexistente
Título orixinalIl cavaliere inesistente
Autor/aItalo Calvino
Ilustrador/aXosé Gimeno Peón
OrixeItalia
Linguaitaliano
Xénero(s)Novela, realismo máxico
EditorialItalia Giulio Einaudi Editore
Galicia Edicións Xerais
Data de pub.Italia 1959
Galicia 1988
ISBNISBN 978-84-7507-327-1
Precedido porO barón rampante
TraduciónSilvia Gaspar
editar datos en Wikidata ]

O cabaleiro inexistente é unha novela fantástica escrita en lingua italiana por Italo Calvino e publicada en 1959 co título orixinal de Il cavaliere inesistente. Foi traducida ao galego por Silvia Gaspar, e publicada por Edicións Xerais en 1988, con ilustracións de Xosé Gimeno Peón.

É a terceira parte da triloxía I nostri antenatti, iniciada por O vizconde demediado e O barón rampante.

Trama[editar | editar a fonte]

Axilulfo é o cabaleiro inexistente, que se mantén vivo só coa forza da súa vontade. Era un soldado moi exemplar do exército de Carlomagno e éralle moi antipático a todos. El non sabía o que era poder pecha-los ollos e despois ó espertar encontrarse igual ca antes, por iso lle tiña certa envexa aos demais. Combate xunto aos Francos, liderados por Carlomagno na súa loita contra os infieis. Ama a excelencia por riba de tódalas cousas, e por este motivo non ten a estima dos outros paladíns.

Carlomagno cabalgaba á cabeza do exército dos Francos. Ían facendo unha marcha de aproximación e como este xa ía vello tiñan que parar numerosas veces no camiño, durante unha desas paradas ven a un home que era medio parvo Gurgulú e o rei asignoullo como escudeiro a Axilulfo.

Rambaldo é un rapaz que vai á fronte para vingar a morte do seu pai a mans do argalif Isoarre. Na batalla pregunta aos do seu bando e aos do rival para atopar o asasino do seu pai. Cando o atopa, logra matalo logo de romperlle os lentes, pero ao pouco atópase nunha emboscada, da que o salva outro soldado. Intrigado por saber quen o axudara, persegue ao soldado, e descobre que o misterioso combatente é en realidade unha muller, da cal namora. Porén, a dama Bradamante non está interesada nel, senón no cabaleiro Axilulfo.

Nunha parada, o exército franco atópase con Gurdulú, un rapaz irreflexivo que se deixa levar polo corazón, e que se ve asignado como escudeiro de Axilulfo por orde de Carlomagno. Durante un banquete, o cabaleiro Torrismundo revela un dato importante na historia de Axilulfo: di que realmente non debe ser considerado cabaleiro, pois a rapaza de quince anos que rescatara do ataque de dous bribóns, non era virxe, senón que era súa nai. A revelación provoca o medo no cabaleiro Axilulfo, que por honra marcha na procura da rapaza para que confirme que era virxe.

Doutra banda, Bradamante marcha perseguindo a Axilulfo, e Rambaldo persegue a Bradamante. Pola súa parte, Torrismundo marcha na procura do seu pai, segundo el, a Orde do Graal, pois a nai tivera relación cos cabaleiros da orde, e debe considerarse fillo da orde, ao ter que se manteren castos os soldados da mesma. Torrismundo atopa aos cabaleiros do Santo Graal, e procura integrarse na orde, pero desbota a idea logo de ver a súa falta de ética, ao actuar como unha seita mística e cometer abusos contra os campesiños do lugar.

Logo de varias aventuras a través de Inglaterra, Escocia e Marrocos, Axilulfo rescata de novo a muller que buscaba, Sofronia,que estaba nun convento, xa que fora vendida como escrava e esposa do sultán. Regresan á fronte de batalla do exército franco para demostrarlle ao emperador que é un cabaleiro lexítimo, pero Torrismundo ten relacións con ela, sen saber que era a que sinalara como a súa nai. Porén, finalmente descóbrese que non son nai e fillo, senón medio irmáns, sen lazos de sangue, ao ser el fillo ilexítimo da raíña de Escocia e ela filla ilexítima do rei. Axilulfo por fin sabe o que pasou, e ao coñecer a verdade considera que xa non ten razóns para seguir con vida. Desaparece, e deixa a súa branca armadura ós pés dunha aciñeira cunha nota na que lle poñía a Rambaldo que lle deixaba a súa armadura.

Rambaldo, coa armadura branca, déitase con Bradamante. Cando ela se decata de que non era Axilulfo, escapa a un convento. Rambaldo segue na súa procura, e cando finalmente a atopa, Bradamante fai saber ao lector que era ela quen estaba escribindo a obra, co nome de Sor Teodora que primeiro adoecía polo amor de Axilulfo e agora ardía polo apaxionado Rambaldo.

Narración[editar | editar a fonte]

A obra está contada por Sor Teodora, que alterna a primeira persoa para contar o que lle pasa no mosteiro ao tempo que escribe, e a terceira persoa para distanciarse dos feitos existentes no pasado, tanto os que presenciou e viviu (narrador testemuña) como os que non.

Trátanse temas propios da Materia de Francia, aparecendo moitos personaxes do Cantar de Roldán.

Tempo e espazo[editar | editar a fonte]

A acción desenvólvese a finais do século VIII, cando Carlomagno era rei dos francos. A acción principal desenvólvese en Francia, con aventuras pola Bretaña, Gran Bretaña e Marrocos.

Personaxes[editar | editar a fonte]

  • Axilulfo, o cabaleiro inexistente.
  • Rambaldo, soldado da nobreza obsesionado coa idea de vingar a morte do seu pai.
  • Bradamante, unha muller soldado. Este é o nome doutros personaxes similares noutras obras.
  • Gurdulú, un home trastornado, escudeiro de Axilulfo.
  • Torrismundo, outro cabaleiro.
  • A narradora, Sor Teodora, monxa que relata a historia.
  • Carlomagno, o rei do exército de Francia.

Adaptacións[editar | editar a fonte]

Foi traducida a diversas linguas, e levada ao cinema en 1969 por Pino Zac co título de Il cavaliere inesistente.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]