Noel Galea Bason

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaNoel Galea Bason
Biografía
Nacemento1955 Editar o valor em Wikidata (68/69 anos)
Floriana (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeMalta Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónescultor Editar o valor em Wikidata

Noel Galea Bason, nado en Floriana en 1955, é un escultor e medallista maltés coñecido polo seu deseño dos anversos da primeira serie de moedas do euro de Malta.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Noel Garea Bason formouse como medallista na Escola de Arte da Medalla do Istituto Poligrafico dello Stato, en Roma, entre os anos 1975 e 1978. Posteriormente foi, ata 1991, o único gravador da Casa da Moeda de Malta,[1] que pechou en 1995.

Garea Bason creou varias esculturas e relevos, en ocasións en espazos públicos, como é o caso das estatuas dedicadas ao estadista maltés Dom Mintoff, unha en Cospicua e outra na Praza de Castela da Valeta, inaugurada en maio de 2018.[2] Outras das súas obras son un relevo en bronce titulado Giullare per un dio ("Bufón para un deus"), de 1988,[3] e outro en prata conmemorativo da visita de Xoán Paulo II a Malta, de 1999.[4]

Por outra banda, Garea Bason foi comisionado polo Estado maltés en diversas ocasións para confeccionar agasallos para monarcas e outros dignatarios estranxeiros. Un destes agasallos é o relevo en prata montado sobre madeira nobre como regalo do presidente maltés Ċensu Tabone a Isabel II con motivo da súa visita a Malta entre o 28 e o 30 de maio de 1992.[5]

Anversos da primeira serie de moedas do euro de Malta, creados por Noel Galea Bason.

Ademais, Noel Garea Bason é un prolífico medallista e deseñador de moedas. A el débenelle unha serie de 28 medallas cos retratos dos grandes mestres da Orde de Malta, creadas entre 1998 e 2002. Un destes xogos serviu tamén como agasallo de Estado, outorgado a Xoán Carlos I de España na súa visita a Malta.[4] Entre 1991 e 2006 foi o deseñador de varias moedas, tanto circulantes como conmemorativas, do sistema da lira maltesa.[6]

Coa entrada do país na Eurozona e a asunción do euro como moeda de curso legal, Garea Bason foi tamén o encargado do deseño dos anversos nacionais da primeira serie de moedas do euro de Malta, que empezaron a cuñarse en 2008, así como de diversas moedas conmemorativas de dous euros e outras en metais nobres destinadas ao coleccionismo e ao investimento.[6][7]

Garea Bason é tamén o autor de senllos selos postais malteses con valores de 4 e de 25 céntimos de lira emitidos en 1990 con motivo da visita a Malta do papa Xoán Paulo II.[8]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Noel Galea Bason". Likedin.com
  2. "Model of Mintoff monument for Castille square is ready", En TVMNews.mt. 7 de setembro de 2016.
  3. Borg, I. "The Iconography of Evil in Maltese Art". En Clough. P.; Mitchell. J. P. (eds.) (2001) Powers of Good and Evil: Moralities, Commodities, and Popular Belief. Berghahn Books. Páxinas 210-232 (imaxe na páxina 211). ISBN 1-57181-313-6
  4. 4,0 4,1 "Engraver produces medal of late Pope". En Times of Malta. 21 de novembro de 2005.
  5. "The Verdala Palace, Malta c. 1992". Royal Collection Trust (www.rct.uk).
  6. 6,0 6,1 Moedas deseñadas por Noel Garea Bason. Numista.com
  7. "Euro Coins". Central Bank of Malta.
  8. Kloetzel, J. E. et al. (eds.) (2008). Scott 2009 Standard Postage Stamp Catalogue. Volume 4, J-O. Scott Publishing Co., Sidney. Páxina 812. ISBN 0-89487-420-9.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]