Nebra, Porto do Son

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 42°43′25″N 08°57′50″W / 42.72361°N 8.96389°W / 42.72361; -8.96389

Nebra
Nebra, Porto do Son.jpg
Igrexa parroquial
Concello Porto do Son
Poboación 799 hab. (2013)
Entidades de poboación 33

Santa María de Nebra é unha parroquia situada ao norte do concello de Porto do Son. Segundo o padrón municipal (INE 2013) conta con 799 habitantes (405 homes e 394 mulleres) distribuídos en 27 entidades de poboación.

Goza dunha superficie total considerable de campo e monte, destacando en ser unha das de máis extensión do concello xunto con Xuño.

Os 30 lugares da parroquia son A Aguieira, A Belga, Cadeiras, Calo, O Campo do Prado, Cans, Carantoña, Castrallón, Coira, Cornido, O Couto, O Curro, O Empalme, A Escorrentada, Foloña, Ieste, A Igrexa, Orseño, O Pazo, A Pedra do Lobo, Pedreisoas, Perceboi, A Perdigueira, Portofoloña, Puílla, Puilla Boa, Queiro, Quintáns, Resúa e Sendia.

Historia[editar | editar a fonte]

O 12 de outubro de 1916 5 labregos foron abatidos a tiros por axentes da Garda Civil na ponte de Cans, logo dunha mobilización promovida pola Liga Agraria de Nebra contra un imposto que crían inxusto[1]. Son coñecidos como os Mártires de Cans.

Patrimonio[editar | editar a fonte]

Arquitectura relixiosa[editar | editar a fonte]

Cruceiro de Quintáns.
Cruceiro de Couso.

A igrexa parroquial data do século XVIII. Ten planta de cruz latina con dúas capeliñas laterais comunicadas tamén co brazo transversal. As naves están cubertas de bóveda de canón sobre arcos faixóns de medio punto e o cruceiro ten a bóveda de aresta. Probablemente a planta orixinal foi remodelada ao engadirse as capelas laterais.

Ten muros de carga de cantería de granito, interrompidos no interior por arcos de medio punto para o acceso ás capelas laterais, de planta cadrada. Aos pés da nave principal está o coro e na cabeceira a capela maior, co mesmo ancho que a nave principal e cuberta con bóveda de canón. Nun lateral está a pequena sancristía.

No exterior a cornixa percorre os muros, e o único elemento decorativo é un frontón triangular partido, cunha fornela dentro do tímpano, enriba da porta e unha fiestra sinxela. No lateral dereito ten unha torre engadida de tres corpos superpostos. O primeiro é liso; o segundo, o das campás, ten decoración barroca, con pilastras acanaladas e placas, cornixas e pináculos. O terceiro é unha cupuliña sobre un tambor octogonal.

Na parroquia hai contabilizados 8 cruceiros[2]:

O cruceiro do Adro da Igrexa, sito na Igrexa, data de 1869, de crucifixo.
O cruceiro de Mallán ou di Sino, sito na Igrexa, data de 1886, de crucifixo.
O cruceiro de Tores non leva data, de capeliña.
O cruceiro de Pouso, sito en Sobrado, data de 1900, de crucifixo.
O cruceiro de Quintáns data de 1884, de crucifixo.
O cruceiro de Cans data de fins do s. XIX ou comezos do XX, de crucifixo.
O cruceiro de Montecelo, sito en Calo, data de 1766, de cruz (dado a pequena altura da vara).
O cruceiro do Cadista, sito en Resúa, data de 1886, de capeliña.

Arquitectura civil[editar | editar a fonte]

Como no resto do territorio galego, é común a existencia de hórreos, fontes (10 en total, 2 delas con lavadoiro), pombais (pombal do Pazo e pombal de González), até 27 reloxos de Sol, e varios muíños ao longo dos ríos Igrexa, Quintáns e Cans.

O pazo de Nebra pertencente á familia Caamaño, aínda que non se atopa en bo estado ao estar partido entre dúas familias que, por facelo habitable, reformaron o interior. A familia Caamaño está ligada á parroquia de Rubiáns (Vilagarcía de Arousa), onde teñen o pazo matriz. Cando o 29 de marzo do 1462 se partiu a herdanza familiar, o pazo de Nebra quedoulle a Martín Vecerra de Caamaño, e o pazo de Rubiáns, ao seu irmán García de Caamaño, que, segundo as crónicas, foi o fundador do que hoxe coñecemos coma Vilagarcía de Arousa (no escudo desta cidade aparecen o piñeiro e as lanzas, símbolo da familia que pode verse tamén no pazo de Nebra). Contra nas inmediacións dos seus muros con 3 escudos de armas.

Outros[editar | editar a fonte]

Hai un sartego no Pedroso, os restos dun castro preto da Belga, os restos dunha tégula romana preto de Orseño, restos de dúas torres medievais preto de Orseño e da Igrexa, restos da capela de San Miguel Vedro entre Resúa e a Graña, restos de dúas devesas reais preto de Cornido e preto do Castrallón, restos dunha calzada romana na Igrexa, restos dunha tellería na praia da Aguieira, e un salgadoiro na praia da Aguieira, hoxe realoxada coma casa particular.

Praias[editar | editar a fonte]

A praia da Aguieira é a máis longa do concello, sendo accesible dende tres vertentes (Cans, Quintáns e Aguieira), contando con diversas dunas. Está orientada cara ao norte e ao oeste, e nela adoita practicarse o wind-surf.

A praia das Vellas do Pozo é unha cala situada ao remate da praia da Aguieira.

Festividades[editar | editar a fonte]

  • 22 e 23 de maio: Santa Rita e Cruceiro de Tores.
  • 15 e 16 de agosto: Nosa Señora e San Roque.
  • 30 e 31 de agosto: O Carme e San Ramón.
  • 3º domingo de setembro: Virxe das Dores, San Antonio e Romaría da Balbanera.

Deporte[editar | editar a fonte]

O Nebra CF foi fundado en 1988. O seu campo de xogo chámase "Campo do Prado", e nace nuns terreos que anos atrás foran cedidos á comisión de festas, para organizar uns partidiños os días festivos. O grupo de aficionados participaba no grupo barbanzán de Terceira Autonómica, xunto cos equipos de Xuño, Cruído, Sálvora, Palmeira, Portosín, Xuventude Aguiño, Cabo de Cruz, Pobra do Caramiñal, Cures, Artes e Queiruga.

Chegou a ser un dos equipos con máis categorías do concello de Porto do Son: alevíns, cadetes, xuvenís, aficionados e mesmo tomou iniciativa no concello cun equipo feminino, pero a falla de apoios, e o evidente desinterese das administracións, fixeron que o equipo feminino se perdese. Coas demais categorías, foise perdendo xente tamén, que marchaban a outros equipos que contaban con máis apoios.

Nesta temporada 2009-2010, só conta con dúas categorías: cadetes, que xogan na segunda autonómica cadete, grupo seis; e alevíns, que xogan na primeira autonómica alevín fútbol sete, no grupo cuarto. Comezaron as competicións o 10 de outubro.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Lugares e parroquias[editar | editar a fonte]

Lugares de Nebra[editar | editar a fonte]

Lugares da parroquia de Nebra no concello coruñés de Porto do Son

A Aguieira | A Belga | Cadeiras | Calo | O Campo do Prado | Cans | Carantoña | Castrallón | Coira | Cornido | O Couto | O Curro | O Empalme | A Escorrentada | Foloña | Ieste | A Igrexa | Orseño | O Pazo | A Pedra do Lobo | Pedreisoas | Perceboi | A Perdigueira | Portofoloña | Puílla | Puílla Boa | Queiro | Quintáns | Resúa | Sendia | Sobrado | Tores | Xosín

Parroquias de Porto do Son[editar | editar a fonte]

Galicia | Provincia da Coruña | Parroquias de Porto do Son

Baroña (San Pedro) | Caamaño (Santa María) | Goiáns (San Sadurniño) | Miñortos (San Martiño) | Nebra (Santa María) | Noal (San Vicente) | Queiruga (Santo Estevo) | Ribasieira (San Pedro) | San Pedro de Muro (San Pedro) | Xuño (Santa Mariña)

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]