Níobe

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Apolo e Artemisa matando os fillos de Níobe.

Níobe é un personaxe da mitoloxía grega. Era filla de Tántalo, quen foi condenado no Inferno a sufrir eternamente de fame e sede por roubar a comida dos deuses. Níobe, irmá de Pélope, casou con Anfión, un gran músico que axudou a construír as murallas de Tebas atraendo as rochas co son da lira. Os dous esposos chegaron a ser reis desta cidade.

Mito[editar | editar a fonte]

Níobe tiña un gran motivo de orgullo. Non era pola súa beleza, aínda que era fermosa, nin pola habilidade do seu esposo, nin polo seu reino e tampouco polas súas posesións. Deulle a Anfión sete fillos e sete fillas, todos de gran beleza, e neles baseaba toda a súa felicidade. Puido vivir unha longa vida de luxos, pero as súas palabras de orgullo trouxéronlle unha gran desgraza.

Nunha ocasión, cando se celebraban os ritos de adoración para Latona e os seus dous fillos, os deuses Apolo e Artemisa, a raíña Níobe dixo aos que a rodeaban:

-Que sen sentido é adorar a seres que non poden ser vistos, en lugar de render pleitesía a aqueles que están fronte aos vosos ollos. ¿Por que adorar a Latona e non a min? O meu pai foi Tántalo, quen se sentou na mesa dos deuses. O meu esposo construíu esta cidade e gobérnaa. Por que preferir a Latona? Eu son sete veces máis ditosa, cos meus catorce fillos, mentres ela ten soamente dous. Cancelen esta cerimonia inútil.

O pobo de Tebas obedeceu, e os rituais quedaron incompletos. Pero Latona escoitou as palabras de Níobe, e a súa vinganza non se fixo esperar. Chamou ao seus fillos Apolo e Artemisa, repetiulles as palabras de Níobe e enviounos a castigar o orgullo desa muller.

Ocultos polas nubes, os dous deuses puxéronse en pé nas torres de Tebas. Fronte á cidade celebrábanse os xogos atléticos, nos que participaban os fillos varóns de Níobe e Anfión. Apolo tomou o seu arco e as súas frechas, e un a un matou aos mozos. O menor gritou ao ceo: -Perdoádeme, oh deuses! Apolo quixo respectar a súa vida polo seu rogo, pero a frecha xa saíra do seu arco e o rapaz caeu morto.

Advertida polos berros da xente, Níobe chegou ao campo onde se atopaban os corpos dos seus fillos. Arredor dela estaban as súas fillas, que compartían con ela a súa dor. Pero unha a unha, elas tamén foron caendo sen vida polos dardos lanzados por Artemisa.

Abrazando a máis pequena, mentres as demais xacían ao seu lado, Níobe berrou: -¡Deuses, deixádeme polo menos unha! Pero foi inútil, pois de seguido a rapaza esborrallouse cunha frecha no peito.

Ao ver os seus fillos mortos, Anfión enfureceuse. Dirixiuse ao templo de Apolo e intentou prenderlle lume, pero o deus abateuno coas súas frechas. Níobe tomou nos seus brazos o corpo da máis pequena das súas fillas e fuxiu a Asia Menor. Os restos da súa familia permaneceron insepultos durante nove días, pois os deuses transformaran en pedra os habitantes de Tebas. Ao décimo día, os propios deuses lles deron sepultura.

Níobe vagou co cadáver da súa filla ata chegar ao Monte Sípilo. Non puido avanzar máis, pois a súa dor non lle permitía moverse. O vento non axitaba o seu cabelo, os seus ollos quedaron fixos no rostro da súa filla, o sangue deixou de fluír dentro dela. Transformouse nunha rocha, pero os seus ollos seguiron vertendo bágoas que deron orixe a un manancial.

Nióbidas[editar | editar a fonte]

Nos autores clásicos hai discrepancias no número de fillos que tivo Níobe (os chamados nióbidas ou nióbides): Homero di doce; Hesíodo, vinte; Heródoto, cinco; o pseudo-Apolodoro, dezaséis e Eurípides, catorce, sendo esta última a versión máis aceptada. Na versión máis extensa, o Pseudo-Apolodoro, os fillos de Níobe son:

Pintura que representa os nióbidas

Tema literario[editar | editar a fonte]

O mito de Níobe é un tema literario utilizado dende a Antigüidade coma un tópico referente á desesperacion ante a perda dos fillos (comparable coa pasaxe bíblica na que Raquel chora polos seus fillos e non quere ser consolada porque xa non existen, e co papel apaixonado da Virxe María).

Nese contexto utilízao Homero (Ilíada), ao asemellar a Níobe con Príamo ante Aquiles, quen matou ao seu fillo Héctor e ao que non dá sepultura. Tamén o utiliza Sófocles en "Antígona", que compara a súa desolación coa de Níobe. Entre as obras perdidas do propio Sófocles habería unha titulada "Níobe". A traxedia "Níobe" de Esquilo sobrevive en citas fragmentarias e nun papiro que contén vinte e unha líñas de texto.​ De Timoteo coñécese unha breve cita da súa "Níobe", por ser as últimas palabras do filósofo Zenón ("Xa vou ¿Por qué berras?").​

O conflito entre Níobe e Leto aparece nun fragmento de "Safo", onde se recolle que antes de ser nais, foron as mellores amigas.​ Segundo Píndaro, o agudo tono lidio, sensible e patético (composto da melodía grave e monótona do dorio e da delicadeza do jonio) emprégase por primeira vez nas vodas de Níobe; e dende entón usábase en acontecementos tristes, coma os funerais.​

No século I a.C., Partenio de Nicea recolle unha variante do mito; e nas fontes latinas Níobe aparece nunha colección de fábulas de Hixino e nas Metamorfoses de Ovidio.

Aínda en latín, Boccaccio inclúe a Níobe entre as súas mulleres famosas,​ preclaras ou ilustres;​ mentres que, xa na literatura en linguas modernas, Shakespeare utiliza o tópico das bágoas de Níobe no monólogo de Hamlet ("like Niobe, all tears", acto 1, escena 2), onde o efecto que se busca é contrastar o comportamento natural de Níobe co contranatural da súa propia nai, que, tras quedar viúva, casa co asasino do seu pai.​ Esa mesma cita de Hamlet aparece na novela de Dorothy L. Sayers Murder Must Advertise, usada como campaña por unha axencia de publicidade.​ A poetisa contemporánea Kate Daniels​ compuxo uns "Niobe Poems".​

Música[editar | editar a fonte]

O compositor barroco Agostino Steffani estreou en Múnich no 1688 unha ópera sobre libreto de Luigi Orlandi titulada "Níobe". O compositor contemporáneo Benjamin Britten dedicou a Níobe unha das Seis metamorfoses de Ovidio (1951).

Ciencia[editar | editar a fonte]

Co seu nome identificouse un elemento químico -niobio-; un asteroide -(71) Niobe, descuberto por Robert Luther en 1861-; un xénero botánico -Hosta ou Níobe, por Richard Anthony Salisbury no 1812- e a bolboreta Argynnis niobe.

Anders Gustaf Ekeberg descubriu o tántalo no 1802; posteriormente (no 1845) Heinrich Rose denominou "niobio" e "pelopio"​ (polos dous fillos de Tántalo) a outros dous novos elementos que creu identificar nunha mostra de tantalita, aínda que só o niobio se verificou. Previamente (no 1801), Charles Hatchett descubriu un elemento que denominou "columbio" e que se comprobou coincidente co niobio, pero foi esta denominación a que se impuxo na nomenclatura.