Mungo Park

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mungo Park

Mungo Park, nado en Selkirkshire o 10 de setembro de 1771 e finado en 1806, foi un explorador escocés.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Exploracións[editar | editar a fonte]

Ao finalizar os seus estudos de medicina, fíxose cirurxián. Apaixonado polas viaxes, ofreceuse como voluntario á Sociedade Africana de Londres para atopar as fontes do río Níxer. Nesa época, da mesma xeito que o Nilo en África Oriental, o principal enigma xeográfico do África Occidental era o curso do Níxer. Un río que, debido ao relevo, nace por centos de quilómetros da costa pero fai unha volta de 4.000 km polo interior, antes de alcanzar o golfo de Guinea. Os xeógrafos europeos só sabían deste gran río o que dixera Plinio o Vello acerca del, ademais de Idrisi e León o Africano. Agora ben, este último complicara as cousas afirmando que o Níxer fluía cara ao oeste. As hipóteses máis fantasiosas chocaban entre elas.

Mungo Park propuxo reemprender as exploracións de Houghton e partiu o 22 de maio de 1795 cara a Gambia. O 21 de xuño de 1795 alcanzou a desembocadura de Gambia e remontou o río ata o posto comercial de Pisania (actual Karantaba). Aprendeu o dialecto local grazas ao médico do posto e empezou o seu periplo por esas terras en decembro de 1795. Atravesou o leito do Senegal, visitou Moullé, Bondou e Kaarta, e foi detido e feito prisioneiro polos mouros durante catro meses, sendo tratado como escravo polo seu líder Ali. Conseguiu escaparse só polo deserto, sen case nada para beber ou comer.

O Río Níxer[editar | editar a fonte]

Logo de tres semanas de sufrimentos, chegou á cidade de Sego, onde ao fin puido ver o río Níxer. Remontou 110 km de río, pero sentíndose esgotado e enfermo decidiu volver a Segu. Informado polos indíxenas, decatouse de que a cidade caera en mans de Ali, o seu antigo carcelero. Decidiu entón dirixirse á cidade de Kamalia. Empezara a estación das choivas, e a viaxe fíxose máis penoso aínda que no deserto. Chegou esgotado a Kamalia e debateuse varios días entre a vida e a morte. Xa recuperado, uniuse a unha caravana de escravos que reseguía a costa.

O seu tráxico final[editar | editar a fonte]

Seis meses despois, de volta xa no Reino Unido, publicou o relato da súa viaxe. En 1803, a petición do seu goberno, aceptou dirixir unha nova expedición ao río Níxer. Partiu o 30 de xaneiro de 1805 cara a Gorée, e despois cara a Bamaco. Construíu un barco para remontar o Níxer. A enfermidade e as emboscadas dos indíxenas decimaron a expedición (perdeu a 33 dos seus compañeiros). A pesar das dificultades, remontou 1600 km polo curso do Níxer, antes de ser atacado polos Haussa. A piques de afogar, retirouse cara ao río onde afogou xunto co resto dos seus compañeiros en Busa (Nixeria). Un guía e un carrexador sobreviventes informaron do seu tráxico final.