Methanobrevibacter smithii

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Methanobrevibacter smithii
Clasificación científica
Dominio: Archaea
Reino: Archaea
Filo: Euryarchaeota
Clase: Methanobacteria
Orde: Methanobacteriales
Familia: Methanobacteriaceae
Xénero: Methanobrevibacter
Especie: M. smithii
Nome binomial
'Methanobrevibacter smithii'
Balch e Wolfe 1981

Methanobrevibacter smithii é unha especie de microorganismo do dominio das arqueas, que é a arquea predominante no tracto gastrointestinal humano. Xoga un importante papel na dixestión eficiente dos polisacáridos (azucres complexos) ao consumir os produtos finais por medio de fermentacións. Methanobrevibacter smithii é unha arquea metanóxena que recicla o hidróxeno a metano, o que incrementa a extracción de enerxía dos nutrientes.[1]

Importancia no intestino humano[editar | editar a fonte]

A flora intestinal humana consta de tres grandes grupos de microbios consumidores de hidróxeno: metanóxenos como M. smithii; un grupo polifilético de bacterias acetoxénicas; e bacterias redutoras de sulfato. É importante definir os papeis exercidos por estes microbios para comprendermos como afecta o metabolismo do hidróxeno á eficiencia da fermentación de compoñentes da dieta. A acumulación de hidróxeno no intestino reduce a eficiencia da fermentación microbiana e o rendemento enerxético. As arqueas metanoxénicas teñen especial importancia no intestino humano, porque son fundamentais para a eliminación do exceso de hidróxeno.[1] M. smithii é a arquea metanóxena máis común na microbiota intestinal humana. Aínda que M. smithii é salientable nos procesos dixestivos, ten unha escasa presenza nas feces humanas.[2]

A flora intestinal humana está dominada por Bacteroidetes e Firmicutes. As arqueas están representadas principalmente pola metanóxena M. smithii. M. smithii crese que pode ser un axente terapéutico e ten adaptacións ao ecosistema do intestino.[3]

M. smithii ten unha abundancia significativa de xenes envolvidos na utilización do CO2, H2, e formato para a metanoxénese. Tamén ten unha vía intacta para o cluster de xenes para a utilización de CO2 para o consumo metanoxénico de metabolitos producidos por Bacteroides thetaiotaomicron.[3] M. smithii é responsable da eliminación metanoxénica e non metanoxénica de diversos produtos finais das fermentacións bacterianas.[3]

M. smithii afecta á especificidade e eficiencia da dixestión bacteriana dos polisacáridos da dieta. Isto inflúe na obtención de calorías polo corpo humano a partir da dieta e na cantidade de graxa corporal. Os investigadores secuenciaron o xenoma de M. smithii, revelando que podería utilizarse como un axente terapéutico para reducir a obtención de enerxía en persoas obesas.

En pacientes anoréxicos[editar | editar a fonte]

En 2009 fíxose o estudo máis amplo ata entón sobre a obesidade humana e a flora intestinal. Os trastornos de obesidade son o resultado dun desequilibrio e isto ten serias consecuencias como enfermidades cardiovasculares, dabetes de tipo II, e cancro de colon. A microbiota intestinal e o ambiente contribúen ao desequilibrio de enerxía porque está implicada na captación, conversión e almacenamento de enerxía. Demostrouse con métodos independentes do cultivo que os metanóxenos poden supoñer ata o 10% de todos os anaerobios no colon dun humano adulto saudable. A cuantificación media de M. smithii entre os anoréxicos foi moito maior que no grupo de delgados e obesos non anoréxicos. Por tanto, hai unha maior cantidade de M. smithii nos pacientes anoréxicos que nos delgados non anoréxicos.

O desenvolvemento de grandes poboacións de Methanobrevibacter en pacientes de anorexia nerviosa pode estar asociado cun intento adaptativo cara ao aproveitamento óptimo da baixa dieta calórica que toman os pacientes anoréxicos. Por tanto, un incremento da cantidade de M. smithii leva á optimización da transformación das dietas baixas en calorías. M. smithii podería estar relacionado co estrinximento intestinal, que é común entre os anoréxicos.[1]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 Armougom F, Henry M, Vialettes B, Raccah D, Raoult D (2009). "Monitoring Bacterial Community of Human Gut Microbiota Reveals an Increase in Lactobacillus in Obese Patients and Methanogens in Anorexic Patients". PLoS ONE 4 (9): e7125. doi:10.1371/journal.pone.0007125. 
  2. Bedis, D., Mireille, H. (2009). "High Prevalence of Methanobrevibacter smithii and Methanosphaera stadtmanae Detected in the Human Gut Using an Improved DNA Detection Protocol."
  3. 3,0 3,1 3,2 Buck, S., Hansen, E., (2007). "Genomic and metabolic adaptations of Methanobrevibacter smithii to the human gut." 104, 10643-10648.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]