Anorexia nerviosa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Aviso médico.
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos.
Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico.

A anorexia nerviosa é un trastorno alimentario caracterizado por una dieta ríxida e insuficiente e o rexeitamento persistente a comer. Quen a padece non come, come pouco ou só aquilo que achega menos calorías, fai exercicio e, en xeral, vive pendente -practicamente de forma exclusiva- de evitar a inxestión de alimentos. O termo popularizouno a doutora Hilde Bruch[1] nas súas obras de divulgación Eating Disorders: Obesity, Anorexia Nervosa, and the Person Within (1973) e The Golden Cage: the Enigma of Anorexia Nervosa (1978).

Nas sociedades occidentais avanzadas actuais a anorexia dáse nun nivel preocupante. A súa aparición está vinculada á valoración social que premia as formas delgadas. Unha porcentaxe elevada dos mozos ten nalgún momento da súa adolescencia signos semellantes á anorexia psíquica, aínda que só uns poucos chegan a presentar a sintomatoloxía clínica deste trastorno.

Unha persoa con anorexia nerviosa chámase anoréxica. Unha persoa anoréxica pode ser tamén bulímica.

Definición clínica[editar | editar a fonte]

  • Peso corporal en 85% ou menos do nivel normal
  • Perda de peso de até un 15 ou 25% do peso corporal orixinal ou, nos menores de 18 anos, perda de peso a partir do peso corporal orixinal máis o aumento de peso esperábel, segundo as táboas de crecemento até chegar ao 15-25%.
  • Exceso de actividade física.
  • Medo intenso e irracional a gañar peso ou a ser gordo, mesmo tendo un peso por baixo do normal. Polo xeral os anoréxicos vén peso onde non existe, ou sexa, o anoréxico pensa que ten un peso por riba do normal.
  • Negación a recoñecer a existencia da enfermidade.
  • En mulleres, ausencia de ao menos tres ou máis menstruacións. A anorexia causa serios danos no sistema reprodutor feminino.
  • Ausencia dunha doenza orgánica, como gripe ou cancro, que leve consigo a perda de apetito.

Outros síntomas e perigos inclúen:

  • Bulimia, que pode desenvolverse posteriormente en persoas anoréxicas.
  • Danos intestinais, cando o anoxérico fai uso excesivo de laxantes.
  • Danos ao ril, cando o anoxérico fai un uso excesivo de diuréticos.
  • Anemia (debido ao baixo nivel de ferro).
  • Osteoporose (debido ao baixo nivel de calcio, ou á deficiencia de absorción no intestino).

A anorexia posúe un índice de mortalidade entre 15 a 20%, a maior de calquera trastorno psicolóxico. Xeralmente a morte prodúcese por ataque cardíaco, debido á falta de potasio ou sodio (que axudan a controlar o ritmo normal do corazón).

Manifestacións clínicas[editar | editar a fonte]

Na anorexia nerviosa interveñen factores biolóxicos, psicolóxicos e sociais e acaba producindo modificacións en todas as áreas da existencia da persoa anoréxica. A actitude aparece cunha serie de pensamentos acerca do exceso de peso ou do desexo de estar máis delgado, o que afecta as emocións e sentimentos e desemboca nun comportamento concreto. Esta actitude repercute na relación coa familia e amigos e remata por producir alteracións graves no organismo.

A anorexia afecta fundamentalmente a mulleres (95%) entre a puberdade, a adolescencia e a primeira xuventude, que viven en sociedades occidentais ou occidentalizadas, tecnoloxicamente avanzadas, e pertencen a un nivel socioeconómico medio ou alto. Sofren unha serie de distorsións do pensamento respecto ao seu corpo e a súa valoración estética. Pensan reiteradamente que non deben estar gordas, que deben adelgazar para gustar ou que lles van acontecer desgracias se non mudan de imaxe. Pensan que todo o mundo as mira cando comen, que non poderán soportar un quilo máis ou que só poden controlarse a través da comida e que, se non controlan este aspecto, non serán capaces de se controlar en ningún outro. Son pensamentos moi resistentes á crítica racional que xeran ansiedade.

A anoréxica non gusta de si mesma e pensa que así non pode gustar aos demais. Esta baixa autoestima esténdese á aparencia, ou sexa, o peiteado, a forma de vestir, etc. Sofren unha alteración da percepción interna que a fai actuar como se os estímulos internos relacionados coa fame, a saciedade e demais sensacións corporais non fosen percibidas ou o fosen dunha forma anómala. Por exemplo, non interpretan as contraccións gástricas como sensación de fame, cústalles explicar adecuadamente os seus estados físicos e emocionais. Senten o seu corpo como un estraño ao que deben controlar e vencer, fundamentalmente a través da alimentación. Carecen de obxectividade para apreciar as dimensións do seu corpo.

A partir destes pensamentos, a anoréxica pasa á acción e decide reducir a inxesta de alimentos. Ao principio é unha dieta limitada, razoábel mais que, a medida que vai excluíndo produtos, adoita acabar nunha negativa a comer case calquera tipo de alimento.

Moitas delas padecen, de cando en vez, unha fame tan grande que se meten un atracón incontrolado, denominado crise de anorexia bulímica. Séguenlles estados de grande ansiedade, sentimentos de culpa, de desprezo pola súa falta de autocontrol e de autoodio. Pensan ter engordado, empeórase a súa autoimaxe e aparecen ideas de desesperación e suicidio. A inxesta bulímica ten carácter clandestino, xa que se envergoñan da súa conduta e vai seguida de vómitos voluntarios. Aprenden a utilizar estes vómitos despois de calquera inxesta, xa que chega un punto en que senten que calquera cousa que teñan no estómago lles molesta.

Na anorexia restritiva case non se inxiren alimentos, o comportamento sexual e social está máis alterado pero as depresións son menos intensas que as que teñen características de bulimia.

As anoréxicas convértense en "expertas" da alimentación pois teñen moito interese por todo o relacionado coas características nutritivas dos alimentos: cales teñen menos calorías, os tipos de dietas, os exercicios físicos, etc. Utilizan diuréticos e laxantes: os primeiros porque diminúen a retención de urina, estoutros porque a súa alimentación provoca estrinximento.

Para evitar inxerir alimentos inventan rituais obsesivos, como agochar a comida no peto, repartila polo prato, agochala na boca para cuspila despois, etc. Submétense a sesións de exercicio físico intensas e reducen o tempo dedicado a durmir -ao principio para aumentar o consumo enerxético e posteriormente como consecuencia do estado de inanición ou dos compoñentes depresivos. Tamén se dedican ao estudo, un comportamento este que sorprende.

A familia utiliza todo tipo de recursos para lograr que a anoréxica coma, razoamento, ameazas, chantaxe ou escándalo. O problema individual convértese en familiar. A hora da comida resulta o momento máis conflitivo. Refórzanse moitos dos comportamentos anoréxicos e a enferma sente cada vez máis aversión, o que provoca irritabilidade colectiva.

Os problemas esténdese fora do contorno familiar: redúcense os intereses (céntranse na comida e o peso), aumenta a inestabilidade emocional, evítanse situacións nas que se ha de comer, ocúltase o problema, hai susceptibilidade a todo tipo de comentarios, síntese rexeitamento, diminúe o interese sexual, etc.

As anoréxicas padecen dunha ansiedade xeneralizada relacionada co temor ao descontrol, a presión familiar, o temor a enfermar ou morrer, e doutra ansiedade centrada no seu problema obsesivo, a fobia ao sobrepeso.

As consecuencias físicas son, primeiro, a diminución do tecido adiposo e muscular, entre un 25 e un 50%. Isto esaxera as prominencias óseas, que resultan moi visíbeis nas zonas descubertas, especialmente na cara. A aparencia física é demacrada, coa face murcha e avellentada, con aspecto triste. A pel recóbrese de velo suave. Chégase a producir unha involución mamaria e pérdense as proporcións corporais femininas típicas.

A anorexia mental presenta desnutrición con alteracións tróficas e trastornos vexetativos periféricos moi acusados (taquicardia, hipotermia) que poden evoluír cara un estado comatoso. A pel engúrrase e deshidrátase. A anorexia sente apatía, inercia intelectual, indeferencia e, ás veces, desesperación

Causas[editar | editar a fonte]

A anorexia afecta moito máis a persoas novas (entre 15 a 25 anos), e do sexo feminino (95% dos casos de anorexia nerviosa ocorren en mulleres).

Moitos especialistas consideran que a influencia dos medios de comunicación é a principal (mais non a única) causa de trastornos alimentarios. Isto porque os medios polo xeral impoñen o estereotipo en que a delgadeza é un factor importante, se non indispensábel, para o éxito social e económico dunha persoa, desde programas de televisión ata filmes e revistas. Tal influencia é bastante negativa nos nenos e adolescentes, época na que se está formando a personalidade, e casos de rapazas entre 11 a 14 anos anoréxicas existen con relativa frecuencia.

A anorexia nerviosa foi pouco comentada na cobertura xornalística da morte dalgunhas persoas que morreron precisamente debido á complicacións desta doenza, como Karen Carpenter e Terri Schiavo.

Persoas que pasaron por eventos traumáticos anteriormente, como rexeitamento familiar ou abuso físico ou sexual, tamén posúen un maior risco de seren anoxéricas.

Persoas de certas profesións, como atletas, bailaríns, danzaríns, ximnastas ou modelos, poden motivar a unha persoa a diminuír o seu peso, posibelmente resultando nun trastorno alimentario. O perfeccionismo tamén é un factor de risco.

Tratamento[editar | editar a fonte]

A anorexia nerviosa, por ser unha doenza con raíces psicolóxicas, é difícil de tratar. Unha vez diagnosticada, o anoréxico pasa por terapia individual, terapia en grupo e terapia familiar, en casos leves e moderados. Como a negación do problema é frecuente, médicos, terapeutas e familiares precisan ser pacientes en canto motivan o anoréxico na súa recuperación. Casos de reincidencias (recaídas) son comúns en persoas anoréxicas. Nos casos máis graves precísase tratamento hospitalario.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Alexander R. Lucas Demystifying Anorexia Nervosa: An Optimistic Guide to Understanding and Healing. Oxford University Press US, 2004, páxina 3

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]