Manwel Dimech

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Manwel Dimech.

Manwel Dimech, nado na Valetta o 25 de decembro de 1860 e finado en Alexandría o 17 de abril de 1921, foi un escritor, xornalista e político maltés.

Taxectoria[editar | editar a fonte]

Infancia e mocidade[editar | editar a fonte]

Dimech naceu no seo dunha familia pobre que vivía nunha casa dunha soa habitación, nun edificio compartido na rúa St. John da cidade da Valleta. Na súa infancia a familia trasladouse a Qormi, hoxe Santa Venera, e despois a Msida, hoxe Birkirkara. Tiña nove irmáns, e o seu pai faleceu cando el era aínda un rapaz. En 1873, con trece anos, foi atrapado roubando e condenado a dous días de cárcere. Os roubos e os atracos sucedéronse, e tamén as condenas de cárcere (ata nove, por razóns distintas). En 1877 foi acusado de homicidio e condenado a doce anos de cárcere, e só un ano despois de quedar en liberdade foi acusado de falsificación de diñeiro, e foi encarcerado durante sete anos máis.

No cárcere aprendeu a ler e a escribir, e tamén a falar inglés, francés e italiano. En 1897, con 36 anos, saía definitivamente do cárcere.

Xornalismo e política[editar | editar a fonte]

Estatua adicada a Manwel Dimech, en Malta.

En 1898 comeza a editar o seu primeiro xornal, Il-Bandiera tal-Maltin (en maltés A bandeira dos malteses). Dende ese xornal avogaba pola independencia do réxime colonial británico. Posteriormente publicou outros xornais e panfletos.

Ademais, nese tempo comeza a viaxar ao estranxeiro e a tomar contacto con outros movementos independentistas e sindicalistas. En 1890 coñece Tunisia, en 1903 Montenegro e posteriormente diversas cidades do norte de Italia, en especial Xénova, Milán e Turín, ata que en 1911 regresa finalmente a Malta e funda Ix-Xirka ta' l-Imdawlin, a Irmandade dos Ilustrados, que combinaba un sindicato cun sistema de ensino para adultos, un partido político e un club social. Pero axiña a Igrexa Católica decidiu excomungalo.

En 1912 muda o nome da súa organización a Ix-Xirka tal-Maltin (a Irmandade dos Malteses) e en 1914, ao pouco de comezar a Primeira Guerra Mundial foi arrestado baixo a acusación de espionaxe e deportado sen xuízo a Sicilia, naquel momento aínda un país neutral. Ás poucas semanas foi detido de novo, e entre as opcións que lle ofreceron escolleu Exipto, que naquel momento era un protectorado británico. Tamén alí foi detido e encarcerado, e viviu o resto da súa vida, incluso despois do remate da guerra no cárcere ou en campos de concentración en Alexandría ou no Cairo. A finais de 1918 foi trasladado ao campo de Sidi Bishr, en Alexandría. En novembro de 1920 sufriu unha apoplexía, e foi hospitalizado no propio campo, no Victoria College, unha antiga facultade. Alí morreu na primavera seguinte, e alí foi soterrado, sen que se coñeza a exacta localización da tumba.

Obra[editar | editar a fonte]

Ademais do seu labor como xornalista, escribiu dúas novelas, diversos libros de gramática nas catro linguas que el dominaba e poesía, se ben esta última está perdida.

O seu pensamento achegábase ao do pragmatismo estadounidense e ao empirismo e utilitarismo de Jeremy Bentham ou John Stuart Mill. Avogaba por unha industrialización do arquipélago maltés que lle puidese dar autonomía económica respecto ao Reino Unido, e tamén defendía o remate dos privilexios das clases ricas e da Igrexa Católica maltesa.

Os seus continuadores en Malta organizaron a primeira folga da que se teña constancia nos estaleiros reais de Valetta, e estiveron parcialmente detrás do levantamento popular do 7 de xuño de 1919 a prol da independencia do arquipélago. Pero a figura de Dimech axiña caeu no esquecemento e non se recuperou ata que na década dos setenta, o primeiro ministro Dom Mintoff, socialista, reivindicou a súa figura como un pioneiro do esquerdismo en Malta. En 1976 foi erixido o primeiro monumento público na súa memoria en Malta, xusto diante da residencia oficial do primeiro ministro.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]