Lingua abaza

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Abaza
aбaзa
Falado en: Federación Rusa
Rexións: Abazastán
Total de falantes: 48.000
Familia: Linguas caucásicas
 Abaza
Estatuto oficial
Lingua oficial de: Karachai-Cherquesia
Códigos de lingua
ISO 639-1: --
ISO 639-2: cau
ISO 639-3: abq

A lingua abaza (Aбaзa бызшвa, en abaza) é unha lingua caucásica do grupo abxasio-adigué falada na República Karachai-Cherquesia da Federación Rusa, emparentada co abkhazo O seu código ISO/DIS 639-3 é abq.

Falantes[editar | editar a fonte]

O abaza tén arredor de 48.000 falantes, deles 33.000 en Rusia, 10.000 en Turquía e 5.000 Siria, Líbano e Iraq. O 93 % dos abaza de Rusia fala a súa lingua e o 70 % fala o ruso como segunda lingua.

Distribución xeográfica[editar | editar a fonte]

Abazastán, o territorio de lingua abaza, componse de tres zonas separadas entre si da República Karachai-Cherquesia, comprende 15 auls ou asentamentos:

  • Abazakt (abaza Абазакт; antiga Gabakvei)
  • Abaza-Habl (abaza Абаза-ХІабльа)
  • Apsua (abaza Апсуа, antiga Tšagarei)
  • Elburgan (abaza АлбыргІан, antiga Bibarkõt)
  • Inžitš-Tšukun (abaza Йынджьыгь-ЧІкІвын,antiga Inžitš Lokt)
  • Kara-Pago (abaza Къарапагва)
  • Koidan (abaza Къвайдан)
  • Krasnõi Vostok (abaza Гвымлокт)
  • Kubina (abaza Къвбина)
  • Novokuvinskoje (abaza Хъвыжв-ЧІкІвын)
  • Psautšje-Dahhe (abaza ПсауыкІьа-Даха, antiga Klõht)
  • Psõž (abaza Псыжв, antiga Darõkvakt)
  • Starokuvinskoje (abaza Хъвыжв-Ду, antiga Hvõžvdu)
  • Tapanta (abaza ТІапІанта)

Na capital da República de Karachai-Cherquesia, Cherkessk viven 8.000 abazas. Ademais algúns abazas viven esparexidos en vilas cabardinas, nogais e adigueis. Hai entre 50.000 e 100.000 persoas de orixe abaza en países do antigo Imperio Otomán, sobre todo en Turquía onde uns 10.000 abaza aínda falan a lingua.

Hai algúns falantes illados en Alemaña e os Estados Unidos.

Dialectos[editar | editar a fonte]

O abaza tén dous dialectos, o Tapanta, base da lingua literaria abaza e o Shkaraua e cinco subdialectos: Abazakt, Apsua, Kubin-Elburgan, Kuvin e Psyzh-Krasnovostok.

Escrita e literatura[editar | editar a fonte]

En 1932 Tolistan Tobil (1879-1956) crea unha escrita propia para o abaza baseada no Tapanta e utilizando o alfabeto latino. En 1938 adóptase o alfabeto cirílico, aínda que é unha escrita complexa, xa que consta de 30 grafías simples, 28 dobres e 12 triplas para representar as súas 66 consoantes e 4 vogais.

A partir da década da 1930 desenvólvese unha literatura propia, sobre todo a prosa e o teatro, con autores como Tolistan Tobil, Mikael Çkudu, Camledin Lağuıç, Vladimir Dıug, Kerim Mixts, Rauf Khlıç, Nuriya Tobil, Nazir Egdza e Vladimir Meremkul.
En 1956 publícase o primeiro dicionario ruso-abaza. En 1967 publicouse o gran dicionario abaza-ruso e a gramática de Malbakhova e Tabulova (en ruso).

Medios de Comunicación[editar | editar a fonte]

En 1938 aparece a primeira publicación en abaza, Aбaзaштa. Actualmente publícase o xornal Abaziniia/Abazashta, editado na cidade de Cherkessk. Tamén hai emisións de radio en abaza e durante a época soviética houbo algunhas emisións de televisión.

Historia[editar | editar a fonte]

En orixe o abaza e o abkhazo constituía unha soa lingua falada no territorio abranguido entre as actuais Tuapse e Sukhumi. Entre os séculos VIII e IX os abaza comezan a se diferenciar como pobo. A tribo dos abazgis, o cerne dos actuais abazas, habitaban o territorio entre o río Bsby e Tuapse ata que no XIII unha emigración masiva lévaos ó Cáucaso norte. Entre o século XIII e XIV emigran os Tapanta, e por último chegan os Shkaraua. Unha pequena parte dos abazgis e dos Shkaraua continuaron a vivir no seu territorio tradicional, asimilándose aos abxasios e aos circasianos No século XVII os abazas caen baixo o poder dos soberanos cabardinos e entre os séculos XVIII e XIX dispútanse o seu territorio os turcos e os rusos, sufrindo campañas militares rusas e otomanas contra deles e deportacións a Rusia e ó Imperio Otomano, ao tempo o Islam Hanafita vaise convertendo na relixión maioritaria do pobo abaza.

Despois da vitoria rusa sobre os turcos, o goberno zarista decreta no 1862 a orde de expulsión dos abaza do territorio entre os ríos Labo e Belji, debendo marchar á área reservada no Kuban ou ao estranxeiro, o que supón o exilio masivo dos abazas ó Imperio Otomano, as súas terras colonízanas agricultores eslavos. En total entre 30.000 e 45.000 víronse forzados a se exiliar ao Imperio Otomano. Ás terras da ribeira do Kuban, que as autoridades zaristas deran aos abaza trasládanse 9.000 deles, o 75 % tapanta. A masiva emigración destruíu a tradicional división tribal dos abaza.

O 7 de febreiro de 1918 o poder soviético proclámase no Abazastán, durante a guerra civil, os abaza loitan cos dous bandos. Na década de 1920 moitas vilas abaza viron mudar os seus nomes tradicionais, baseados na nobreza local por outros dados polas autoridades soviéticas, ao tempo que o poder soviético dividía aos abaza entre as rexións Karachai e cherquesa. No censo de 1926 contabilizáronse 14.000 abazas en Rusia. En 1932 os rapaces comezan a ser escolarizados en abaza, pero esta situación só se mantería ata 1938, data na que o ruso se converte na lingua de instrución, quedando a lingua e literatura abaza tan só como materia obrigatoria nas escolas abazas.

En 1957 fórmase a rexión autónoma Karachai-Cherquesa, dende entón todos os territorios de lingua abaza están no mesmo ente administrativo.

No censo de 1989 o seu número falantes de abaza medra ata 33.800, deles 27.500 residían na República de Carachai-Cherquesia, constituíndo o 6,5 % da súa poboación.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]