La Nueva Idea

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

La Nueva Idea
Na rede
Galiciana: 3945
editar datos en Wikidata ]

La Nueva Idea: periódico republicano federal foi un semanario editado en Santiago de Compostela en 1870 e en 1873, con saída en principio programada para todos os días 1, 8, 16 e 24 de cada mes e, a partir do terceiro número, cada xoves.

Historia e características[editar | editar a fonte]

Periódico abertamente republicano, apareceu o 16 de outubro de 1870.[1] Tivo curta duración e, despois de desaparecer, volveu ser editado por dous dos seus antigos redactores en febreiro de 1873,[2] existindo aínda en maio do mesmo ano.[3]

Tivo a súa primeira administración na rúa da Costa de San Paio número 7, pasando a partir do quinto número á rúa do Castro número 9. Era impreso na Imprenta de José M. Paredes, na rúa do Picho da Cerca número 12. Os articulistas asinaban os seus artigos coas súas iniciais, como "A.", "A.O.C.", "A.V." e "V.G.R.".

O nome do semanario obedece ao xeito en que, entre as filas republicanas, se denominaba tamén a este pensamento político, funcionando como sinónimo deste e como lema do cambio que se estaba a operar no país. É revelador neste sentido, por exemplo, a arenga que en 1872 un xornal federalista salmantino publicaba na portada dun dos seus números: «¡Paso á República federal, símbolo da paz e do orde, emblema sagrado da xustiza e do dereito! ¡Paso á nova idea! ¡Paso ao Goberno do pobo polo pobo!».[4]

Existiron outras publicacións españolas que levaron o mesmo nome. En marzo de 1871, en Valladolid editouse un xornal así chamado, tamén republicano, e en xuño de 1873 existía en Cádiz unha revista literaria co mesmo nome. Por outra banda, a finais de século, sobre 1895, editouse no barrio de Gràcia de Barcelona outro xornal homónimo de tendencia anarquista.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. O número 2 ten data de 23 de outubro, o número 3 de 3 de novembro e o número 5 de 17 de novembro.
  2. "Dentro de breves días (...)". La Gacetilla de Santiago (en castelán). 21-2-1873. Dentro de breves días reaparecerá en esta ciudad el periódico republicano semanal "La Nueva Idea" cuya redacción la compondrán dos de sus antiguos redactores con algunas personas más muy conocidas por sus ideas federales. Sea bien venido nuestro colega 
  3. Ramón A. Pérez Villamil (6-5-1873). "La República federal ¿es protectora de la instrucción primaria?". El Eco de Galicia (en castelán) (Lugo). p. 3 e 4. 
  4. "El día se acerca". El Federal Salmantino (en castelán) (Salamanca). 17-11-1872. p. 1. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]