Kaohsiung

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Kaohsiung

Kaohsiung é a segunda cidade máis importante de Taiwan (1.526.594h, 2009). Situada no extremo meridional da illa homónima, xunto a costa do Mar do Sur de China, na entrada do estreito de Formosa ou Taiwan.

Centro portuario, pesqueiro e industrial de importancia, era apenas unha aldea de pescadores ata 1858, en que as excelentes condicións da baía fronte a que se asenta a levaron a se converter en activo porto. Máis tarde, entre 1893-1945, cando a ocupación polos xaponeses e co nome de Takao, estes desenvolveron plenamente o porto e a súa base industrial.

A finais de 2010, produciráse a unión administrativa co Kaohsiung County, o que a levará a se converter nunha metrópole de caseque tres millóns de habitantes.

Pobo pesqueiro[editar | editar a fonte]

Nun área habitada por varias culturas dende o neolítico, non foi ata comezos do século XVII cando os chinos han da dinastía Ming estableceron o primeiro asentamento pesqueiro na ourela sur da estreita baía (na alongada illa Cijin que a pecha), que chamaron Takau pola tribo aborixe Makatao que a ocupaba. Entre 1624 e 1660, cando a ocupación holandesa da rexión, foi coñecida coma Tancoya e o porto Tancoia, sendo xa un dos máis importantes de pesca no sur da illa.

Condado de Wannian coa muralla circular de Zuoying ao norte (esquerda) do porto de Takau.

A partir de 1630 comezou unha gran inmigración dende a provincia de Fuxian no continente debido a época da fame, que fará incrementar a poboación na área especialmente cara a 1680. Neses anos tivo asento na zona o Reino de Tungning (continuísta da dinastía Ming fronte a invasora Qing) que estableceu no distrito de Zuoying da actual cidade (no norte) a capital do condado de Wannian. Ergueron templos e foi fortificada con muralla circular xa no século XVIII (2,6km, primeira de Taiwán, 1722). Foi destruída en 1761 e reconstruída en 1825-9 (máis de 4km) pero abandonada de inmediato polos malos augurios e construída na nova capital do condado.

Os Qing conquistaron a illa en 1683 e terminaron trasladando a capital do novo condado de Fengshan ao leste de Takau (hoxe Fengshan, 1788 [1]). Takau quedou convertida no seu porto polos dous séculos seguintes. Os Qing fixeron obras de ampliación e abrírono ao tráfico xeral, co cal o asentamento comezou a teres certa relevancia.

Porto internacional[editar | editar a fonte]

1893, o vello pobo pesqueiro no sur e os novos asentamentos estranxeiros no norte.

Pero non foi ata a segunda metade do século XIX cando comezou a se converteres nunha verdadeira cidade. Despois da Segunda Guerra do Opio, o Tratado de Tianjin de 1858 forzou a apertura china de novos portos ao comercio estranxeiro. Tres anos despois foi engadido o de Takau.

Dende 1863 no que estableceuse a aduana e o consulado británico, as delegacións e asentamentos comerciais de outras nacións empezaron a desenvolver o porto na ourela norte da baía.

Ocupación xaponesa: Takao[editar | editar a fonte]

Porén, a súa conversión nun porto moderno foi levada adiante polos xaponeses no tempo do seu dominio de Taiwán (1894-1945). O chamaron Takao e de seguido fixeron estudos e plans (1900-1906) para darlle profundidade e extensión mediante recheos, e para traer o ferrocarril, tarefas que implementaron nas décadas seguintes [2].

A vez que o porto, cos escombros da súa dragaxe, creouse novo solo onde asentar a cidade. Así o primeiro planeamento urbano en Taiwán (1908, 42.000h [3][4]) foi o barrio de Hamasen e contiguo, nas antigas salinas xunto a foz do río Ai, o distrito de Yancheng [5]. A industria que moveu todo este desenvolvemento foi a do azucre (factorías dende 1901), e significou o preámbulo da revolución industrial da illa.

Kaohsiung[editar | editar a fonte]

En 1920, nunha reorganización administrativa pola crecente importancia de Takao fronte a capital do condado, Fengshan, aparece a súa transcrición fonética Kaohsiung ao mandarín romanizado. De seguido, en 1924, establécese a cidade de Kaohsiung como prefectura independente.

En 1936 foi anunciado o Proxecto de Planeamento Urbano de Kaohsiung que estendería a cidade ao leste do río Ai (distrito de Qianjin), e nas décadas sucesivas, despois da retrocesión de Taiwán a China (1945), continuaría ao norte (ata a vella cidade amurallada de Zuoying), leste (ata a antiga Fengshan) e sur da municipalidade (ata o fondo da baía) completando a metrópole actual.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Mapa mostrando a muralla circular do condado de Wannian e a posterior do condado de Fengshan ao norte e leste respectivamente do porto de Takau [1]
  2. Desenrolo de Takao durante a ocupación xaponesa [2]
  3. Plan do recheo de Hamasen e Yancheng con terminal de ferrocarril e gran peirao [3]
  4. A cidade ao final da ocupación xaponesa [4]
  5. Cómic ilustrando o xurdimento de Yancheng [5]