Inaxio Kortabarria

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Inaxio Kortabarria
Kortabarria en 1981
Información persoal
Nome Inaxio Kortabarria Abarrategi
Nacemento 31 de xullo de 1950 (73 anos)
Lugar de nacemento Mondragón
Altura 1,82 m.
Posición Defensa
Carreira xuvenil
Real Sociedad
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
1968–1971 San Sebastián 77 (1)
1971–1985 Real Sociedad 355 (16)
Total 432 (17)
Selección nacional
1976–1977 España 4 (0)
1979 País Vasco 2 (0)
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

Inaxio Kortabarria Abarrategi, nado en Arrasate (Guipúscoa) o 31 de xullo de 1950, é un ex futbolista vasco. Xogaba de defensa central e foi capitán da Real Sociedad na década de 1970 e comezos dos anos 1980.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Xogador formado na canteira da Real Sociedad, debutou no primeiro equipo en 1971, tras xogar os anos anteriores no filial, o San Sebastián Cf. Kortabarria mantívose 14 tempadas no primeiro equipo do club donostiarra, nos que disputou 355 partidos de Liga e anotou 16 goles. En total disputou 442 partidos oficiais e marcou 22 goles coa Real.

Coa Real Sociedade viviu a consolidación do club na Primeira división española e posteriormente os anos dourados deste club. Logrou o subcampionato de Liga de 1979-80, no ano no que a Real bateu unha marca de imbatibilidade aínda vixente na competición doméstica española. Logrou os títulos de Liga de 1980-81 e 1981-82. Tamén gañou a Supercopa de España de 1982, primeira edición dese torneo, e alcanzou as semifinais da Copa de Europa en 1983.

Foi autor do primeiro gol da Real Sociedade no histórico empate a 2 de 1981 contra o Sporting de Xixón que supuxo o primeiro título de Liga da Real Sociedade. Tamén é lembrado por saír o 5 de decembro de 1976 durante os prolegómenos dun derbi vasco xunto ó capitán do Athletic Club, José Ángel Iribar, ó céspede do Estadio de Atotxa portando unha Ikurriña. Daquela, esta bandeira era aínda ilegal e a foto de ambos os capitáns portando a insignia vasca converteuse nunha importante icona da transición no País Vasco e un importante fito no proceso de legalización e aceptación dese símbolo.

A súa retirada produciuse en 1985, a piques de cumprir os 35 anos de idade. O seu posto na defensa realista viña sendo ocupado dende 1983 de forma habitual por Agustín Gajate.

Selección nacional[editar | editar a fonte]

Foi internacional coa Selección de fútbol de España en 4 ocasións, sen marcar ningún gol.

Malia ser un dos mellores defensas españois da época, Kortabarria non volveu xogar coa selección española despois de 1977. Esa ausencia debeuse á renuncia do propio xogador á selección. Kortabarria é o único futbolista vasco que renunciou pública e abertamente a xogar coa selección española por mor das súas ideas independentistas.[1]

Tamén disputou 2 partidos amigables coa selección de fútbol do País Vasco.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Inaxio Kortabarria Arquivado 30 de marzo de 2016 en Wayback Machine. Erreala.com