Ikurriña

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Bandeira de País Vasco
Bandeira de País Vasco
Uso
FIAV 110110.svgFIAV normal.png
Proporción 14:25
Adopción 18 de decembro de 1978
Cores      Vermello     Verde     Branco

A ikurriña (ou ikurrina, que en éuscaro, pronúnciase igual cá anterior) é unha bandeira creada en 1894 polos irmáns Luis e Sabino Arana Goiri (o fundador do Partido Nacionalista Vasco), como símbolo de Euskadi, que inicialmente identificaba só ó territorio de Biscaia.

Ikurriña coas proporcións do deseño orixinal dos irmáns Arana

Historia[editar | editar a fonte]

Segundo explicaba Arana (por exemplo, en 1895, por boca dun personaxe bizkaitarra en La bandera fenicia), o deseño da bandeira baseouse no do escudo de Biscaia. Ten un fondo vermello, cor do señorío de Biscaia e, segundo Arana, cor do antigo fondo do escudo. Sobre este fondo, superpónse unha aspa verde, símbolo do apóstolo Santo Andrés, patrón de Biscaia, tomada das sete cruces da bordura do escudo. Simbolizaría a independencia biscaina por terse acadado o día de Santo Andrés a vitoria de Arrigoriaga contra os españois. Á cruz de Santo Andrés superponse unha cruz branca, símbolo da relixión católica, como a que aparece inserida no carballo do escudo. Esta orde na colocación das cruces significaba que a lexislación biscaína debía "supeditarse en todo ás leis relixiosas e morais".

A verba ikurriña é tamén creación de Arana, un neoloxismo procedente de ikur (simbolo en éuscaro) que pretendía traducir ó éuscaro o vocábulo castelán bandera (compárese coa voz catalana senyera). Na práctica úsase só, tanto en castelán como en éuscaro, para referirse a esta enseña en concreto. Actualmente as grafías máis habituais son ikurriña en castelán e ikurrin(a) en vasco.

Arana deseñou bocetos de bandeiras para outros territorios vascos, pero non se chegaron a difundir. A ikurriña, inicialmente símbolo de Biscaia, converteuse nuns anos en símbolo do País Vasco, arreconchegando símbolos máis antigos como o lauburu ou o arrano beltza (aguia negra) do Reino de Navarra. Adoptouse como enseña oficial do País Vasco en 1934, pero foi ilegalizada polo goberno militar sublevado en 1936. Durante o goberno de Francisco Franco a súa exhibición foi duramente perseguida en España, o que a converteu nun símbolo anti-franquista. En parte por iso, foise popularizando no País Vasco francés. Durante os inicios da transición española trala morte de Franco, a súa exhibición seguiu sendo castigada en ocasións, pero relaxouse a presión. Así, por exemplo, o 5 de decembro de 1976, ó inicio dun partido de fútbol entre a Real Sociedad de San Sebastián e o Athletic Club de Bilbao, os capitáns de ambos equipos saíron ó campo portando unha ikurriña, sen ser detidos. O 19 de xaneiro de 1977 volveu a permitirse o seu uso en España, e en 1979 o estatuto do País Vasco recoñeceuna como a bandeira oficial.

Utilízana tamén os nacionalistas vascos en Navarra. No País Vasco francés, aínda que non é oficial, é un símbolo aceptado pola práctica totalidade dos habitantes como símbolo cultural.

Na Comunidade Foral Navarra, principalmente na zona vascófona, varios concellos exhibían a ikurriña nas súas fachadas: o de Leiza, por exemplo, facíao desde a legalización da bandeira en 1977. Esta situación cambiou despois de que en 2003 o Parlamento Navarro aprobara a Lei Foral de Símbolos de Navarra. Esta lei obriga a tódalas entidades da Administración Local de Navarra a exhibir a bandeira de Navarra no exterior de tódalas súas sedes e edificios de servizos públicos, así como en despachos e salóns de plenos corporativos e prohibe que ondeen máis bandeiras que a oficial de cada entidade local, a bandeira oficial de Navarra, a de España, e a de Europa, salvo por protocolo en actos de irmanamento ou en visitas oficiais de autoridades doutro país, comunidade autónoma ou entidade local. Baseándose nesta lei, as autoridades forais denunciaron e pediron a inhabilitación de alcaldes que permitían a colocación de ikurriñas nos edificios municipais.

Por isto algúns concellos navarros recorren a invitar a conselleiros da comunidade autónoma do País Vasco ás súas festas locais, podendo colgar así legalmente a ikurriña nas fachadas das casas consistoriais. Outros concellos navarros colocan a enseña nun lugar público destacado alleo ó consistorio, como se fai en varios municipios da comunidade autónoma vasca, onde si é legal que a ikurriña ondee na fachada, pero só cando se coloca a bandeira española en lugar preferente. Moitos outros concellos navarros limítanse a facer ondear as bandeiras oficiais.

A ikurriña é tamén un dos elementos que aparecen na bandeira de San Pedro e Miquelón (Saint-Pierre-et-Miquelon), colectividade francesa en América do Norte, representando a seu herdo cultural vasco.