IES San Paio

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 42°03′04″N 8°38′56″O / 42.051016666667, -8.648775

IES San Paio
Enderezo
Datas
Educación
Xestión
Na rede
Vestíbulo do IES San Paio.

O IES San Paio é un centro público de Educación Secundaria e Bacharelato pertencente á rede de institutos da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia, situado en Tui. É herdeiro dun dos institutos máis antigos de Galicia, con orixe en 1845,[1] se ben a súa existencia e localización na cidade foi descontinua ata 1950, cando se creou un Instituto de Ensinanza Media e Profesional no edificio actualmente denominado Francisco Sánchez, que a partir do curso 1990-91 pasaría a situarse na súa actual localización, na rúa Casal Aboy 11. Atende as etapas de Educación Secundaria Obrigatoria e de Bacharelato, contando cada ano con máis de seiscentos alumnos matriculados. Ademais, é sede da Sección de Tui da Escola Oficial de Idiomas de Vigo.[2]

Historia e características[editar | editar a fonte]

Tui, que foi capital de provincia ata 1833, foi tamén unha das primeiras cidades de Galicia en contar cun instituto de ensino medio, xunto aos de Lugo, Santiago de Compostela, Pontevedra e Ourense. O centro foi inaugurado o 30 de outubro de 1845 polo alcalde da vila, Manuel Estévez, no edificio do convento de San Francisco, que quedara baleiro tras a desamortización de Mendizábal.[3] Nas súas orixes ofertaba só parte do nivel elemental, aínda que grazas aos fondos municipais integráronse as cátedras de latín e filosofía. Pero en 1850, ao inaugurarse o Seminario Menor no exconvento franciscano, o instituto pecha.[1]

Na II República, no contexto dunha aposta firme por parte do Estado pola educación e do pulo dos principios pedagóxicos da Institución Libre de Enseñanza e da Escuela Moderna, en agosto de 1933 o instituto de Tui reabre como colexio de 2ª ensinanza, desta volta no antigo convento de San Domingos, transformándose en instituto elemental e logo en instituto nacional, antes de ser clausurado en 1939. Foi esta unha etapa extraordinariamente fértil na que destacou o traballo de profesores como Xesús Ferro Couselo[4] ou Benito Prieto Coussent, quen creou xunto aos seus alumnos o busto en granito de Sócrates (a quen admiraba e que acabaría instalándose nos Xardíns de Troncoso en Tui en maio de 1936)[5] ou o de Valle Inclán (hoxe aínda no miradoiro da Curota, sobre a ría de Arousa). Tamén desta época é a creación de "Tude: revista estudiantil do instituto de Tui" na que, dirixido polo citado Ferro Couselo, o alumnado abordaba temas culturais e artísticos e da que se editaron tres números; ou tamén os traballos arqueolóxicos desenvolvidos no castro de Alto dos Cubos ou Cabeza de Francos.[6]

En 1950 reaparece no edificio Francisco Sánchez como Instituto de Ensino Medio e Profesional de Tui, da modalidade agrícola gandeira. Recibe o actual nome en 1955, en lembranza do mozo Paio, nacido no ano 911 en Albeos (Crecente) pero educado en Tui polo seu tío Hermoigio (bispo desta cidade) ata que en 920 foi capturado, torturado e en 925 asasinado polo califa Abd al Rahmán III, feitos polos que acabaría sendo obxecto de veneración entre os cristiáns e finalmente canonizado.

En xaneiro de 1991, tras as vacacións do Nadal, trasládase ás instalacións do renovado edificio do Castro, no que permanece desde entón.

Ensinanzas[editar | editar a fonte]

O IES San Paio atende dúas etapas educativas, a Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) e o Bacharelato, este último con oferta de prazas nas modalidades de Ciencias, Ciencias Sociais, Humanidades e Xeral. Vén desenvolvendo diferentes plans, proxectos e metodoloxías de traballo, como o Proxecto E-Dixgal implantado en toda a ESO, Seccións Bilingües en inglés en dúas materias ou Bacharelato STEMbach (de excelencia en Ciencias e Tecnoloxía). Conta cunha biblioteca integrada desde hai máis dunha década no PLAMBE (Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares), e que acolle tamén clubs de lectura e artes e Radio na Biblio. Destaca igualmente a aposta pola inclusión ou a importancia concedida ás saídas e actividades didácticas fóra da aula.[7]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Lores 2010 , p. 3
  2. "Sección de Tui". Consultado o 10 de abril de 2023. 
  3. Lores 2010, p. 2
  4. "Archivo:Toma de posesión de Xesús Ferro Couselo.jpg - Wikipedia, la enciclopedia libre". commons.wikimedia.org (en castelán). Consultado o 2023-04-10. 
  5. Redacción (27 de xuño de 2010). "La cabeza de Sócrates vuelve a Tui". elpais.com (en castelán). Consultado o 10 de abril de 2023. 
  6. "O grupo "Ultreya" tudense (I)". tudensia.blogspot.com (en castelán). Consultado o 2023-04-09. 
  7. "Oferta educativa | IES SAN PAIO". www.edu.xunta.gal. Consultado o 2023-04-09. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]