Horatio Gates

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Horatio Gates

Horatio Gates (1726-1806) oficial do exército británico, e posteriormente un xeneral americano durante a Guerra de independencia. O seu nome é asociado frecuentemente coa vitoria americana na Batalla de Saratoga e coa derrota na Batalla de Camden.

Os comezos da súa carreira[editar | editar a fonte]

Horatio Gates é o fillo dunha parella ao servizo de Peregrine Osborne, segundo duque de Leeds, en Maldon (Essex), en Inglaterra en 1727.

Gates recibe o seu diploma de tenente do exército británico en 1745. Serve en Alemaña durante a Guerra de Sucesión Austríaca, e posteriormente é promovido a capitán das tropas provinciais de Nova Escocia en 1753.

Durante a Guerra dos Sete Anos, Gates combate baixo as ordes do xeneral Edward Braddock en América. En 1755, toma parte na expedición Braddock, que fracasou na súa tentativa de control do acceso ao val de Ohio. Nesta expedición participan outros homes que se converterían en xefes militares durante a Guerra de independencia, como Thomas Gage, Charles Lee, Daniel Morgan, e George Washington. Gates combaterá máis tarde nas Antillas e participará na toma da Martinica.

En outubro de 1754, Horatio casa con Elizabeth Phillips. Teñen un fillo, Robert, en 1758. Naquela época, para promocionar no seo do exército británico necesítase diñeiro ou influencia e a carreira militar de Gates estáncase. Decide entón retirarse do exército británico co grao de Maior en 1769 e emigra a América. Instálase coa súa familia nunha pequena plantación de Virxinia.

Guerra de Independencia dos Estados Unidos[editar | editar a fonte]

Cando a palabra "revolución" chega a oidos de Horatio Gates, precipítase a Mount Vernon para ofrecerlle os seus servizos a George Washington. En xuño, o Congreso Continental comeza a organizar ao Exército continental. Aceptando o mando, Washington presiona ao Congreso para nomear a Gates, axudante do exército (o grao máis elevado da xerarquía dos suboficiais de elite). O 17 de xuño de 1775, o Congreso noméalle Xeral de brigada e Axudante-xeneral do Exército continental.

A experiencia de Gates en tempos de guerra é inestimable para o novo exército americano que non está mais que nos seus primeiros balbuceos. Gates e Charles Lee son os únicos que tiveron unha experiencia significativa no exército británico regular. Como Axudante-xeneral, crea o sistema de informes e de ordes do exército, e participa na estandarización dos rexementos das distintas colonias.

Mentres que os seus talentos como administrador son de gran valor, o que realmente desexa Gates é un mando na fronte. Cara a xuño de 1776, é promovido a Maior-xeral, e comandante do Departamento canadense en substitución de John Sullivan.

Comandante de campo: Saratoga e o teatro do norte[editar | editar a fonte]

Os resultados de Gates como comandante foron moito menos satisfactorios que o seu destino como axudante. El nunca conseguiu estar á fronte do Departamento canadense, xa que a Invasión americana de Canadá fora abandonada antes da súa chegada. Terminou como asistente do xeneral Schuyler no Departamento do Norte.

Aínda que as súas tropas estiveron con Washington na Batalla de Trenton, Gates non estaba. Sempre avogado da acción defensiva, Gates argumentaba a Washington que, mellor que atacar, Washington debería retirarse máis lonxe. Cando Washington descartou este consello, Gates usou unha pretendida enfermidade como escusa para non participar no ataque nocturno. Gates sempre foi da opinión que el, non Washington, debería mandar o exército Continental, unha opinión apoiada por varios ricos e prominentes delegados de Nova Inglaterra no Congreso Continental. Cara a decembro, Gates presionou activamente no Congreso para conseguir o posto. Os contundentes éxitos de Washington nas Batallas de Trenton e Princeton non deixaron dúbida sobre quen debería ser o comandante en xefe. Gates foi enviado ao norte con ordes de asistir a Schuyler en Nova York. Pero en 1777, o Congreso culpou Schuyler e St. Clair pola perda da Fortaleza Ticonderoga, aínda que Gates exercese un prolongado mando na rexión, e finalmente deron a Gates o mando do Departamento Norte o 4 de agosto.

Gates asumiu o mando o 19 de agosto, xusto a tempo para a derrota da invasión do Xeneral británico Burgoyne na Batalla de Saratoga. Mentres Gates e os seus partidarios intentaron atribuír o mérito da vitoria e a rendición de Burgoyne a Gates, as verdadeiras accións militares foron dirixidas por comandantes de campo como Benedict Arnold, Enoch Poor, Benxamin Lincoln, e Daniel Morgan. A vitoria da incursión de John Stark sobre unha importante forza británica na Batalla de Bennington (as forzas de Stark mataron ou capturaron a máis de 900 soldados británicos) foi tamén un factor substancial na vitoria.

Gates intentou maximizar a volta á política coa vitoria, particularmente desde que George Washington non presentaba éxitos co exército principal. De feito, Gates insultou a Washington enviando informes ao Congreso no canto de Washington, o seu oficial superior. Por ordes de amigos de Gates e delegados de Nova Inglaterra, o Congreso nomeou a Gates para encabezar o Ministerio de Guerra, un posto que el tomou conservando a súa comandancia de campo - un conflito de intereses sen precedentes. Outra vez, polos esforzos de Gates e os seus amigos no Congreso, o Congreso considerou substituír a Washington con Gates como comandante en xefe. O fracaso de Conway Cabal terminou a manobra política. Gates dimitiu como Ministro de Guerra, e tomou unha asignación como comandante do Departamento do Leste en novembro de 1778.

Comandante de campo: Camden e o teatro do sur[editar | editar a fonte]

En maio de 1780, as noticias da caída de Charleston, Carolina do Sur, e a captura do exército do sur do Xeneral Benxamin Lincoln chegaron ao Congreso. Realizouse unha votación para situar a Gates ao mando do Departamento do Sur. El soubo do seu novo destino na súa casa cerca do actual Shepherdstown (Virxinia Occidental), e dirixiuse ao sur para asumir o mando do resto das forzas Continentais cerca do Deep River en Carolina do Norte o 25 de xullo de 1780.

Gates conduciu as súas forzas Continentais e a milicia do sur, á súa loita contra o xeneral británico Charles Cornwallis na Batalla de Camden o 16 de agosto, na que foron derrotados de xeito esmagador. O único logro notable de Gates na fracasada campaña foi cubrir 170 millas a cabalo en tres días, dirección norte. A súa amarga desilusión foi agravada pola noticia da morte en combate do seu fillo Robert en outubro. Nathanael Greene substituíu a Gates como comandante o 3 de decembro, e el volveu á súa casa en Virxinia. A causa do fracaso en Camden, o Congreso adoptou unha resolución requirindo unha xunta de investigación (antesala dunha corte marcial) para examinar a conduta de Gates naquel acontecemento.

Estado Maior e Newburgh[editar | editar a fonte]

Como calquera que soporta unha corte marcial doutros oficiais (en particular daqueles con quen el estaba en disputa polo ascenso - Arnold, entre outros), Gates opúxose vehementemente á comisión de investigación sobre a súa conduta na Batalla de Camden. Aínda que non volveu ser nomeado outra vez comandante de campo, os partidarios de Gates de Nova Inglaterra no Congreso viñeron de novo na súa axuda en 1782, cando o Congreso revogou a súa resolución de requirir unha xunta de investigación sobre o desastre de Camden. Gates entón reincorporouse ao Estado Maior de Washington en Newburgh, Nova York. Certos rumores implicaron a algúns dos seus axudantes na conspiración Newburgh de 1783. Gates puido consentir en implicarse, aínda que isto permaneza confuso.

Logo da guerra[editar | editar a fonte]

A esposa de Gates, Elizabeth, morreu no verán 1783. Gates retirouse en 1784 e de novo volveu a Virxinia. Serviu como presidente da Virginia Society de Cincinnati, e traballou para reconstruír a súa vida. Propuxo en matrimonio a Janet Montgomery, a viúva do xeneral Richard Montgomery, pero ela negouse. En 1786 casou con Mary Vallance, unha viúva rica.

Gates vendeu a súa leira de Virxinia e liberou aos seus escravos a petición do seu amigo John Adams. A parella envellecida retirouse a unha leira ao norte da illa de Manhattan. O seu apoio posterior á candidatura presidencial de Jefferson terminou a súa amizade con Adams. Gates e a súa esposa permaneceron activos na sociedade da cidade de Nova York, e foi elixido durante un mandato na lexislatura do Estado de Nova York en 1800.

Gates morreu o 10 de abril de 1806, e foi sepultado no cemiterio da Igrexa da Trindade en Wall Street, aínda que a situación actual da súa tumba é descoñecida.

Bibliografía[editar | editar a fonte]

(en inglés)

  • General Horatio Gates: A Biography ; Paul David Nelson ; Louisiana State Univ Pr (1976). ISBN 0-8071-0159-1
  • The Generals of Saratoga: John Burgoyne and Horatio Gates  ; Max M. Mintz ; Yale University Press (1992). ISBN 0-300-05261-8
  • Encyclopedia of the American Revolution ; Mark Mayo Boatner ; Stackpole Books (1994). ISBN 0-8117-0578-1

Imaxes[editar | editar a fonte]