Folga de La Canadiense

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O 5 de febreiro de 1919 iniciouse unha folga en Barcelona que se prolongou durante 44 días converténdose en folga xeral paralizando o 70% da industria catalá e que pasou á historia co nome de folga de La Canadiense.[1]

Inicio da folga[editar | editar a fonte]

A folga iniciouse en solidariedade con oito despedidos do persoal de oficinas da compañía eléctrica La Canadiense que foran membros dun sindicato non aceptado pola xerencia da empresa. Cando 117 traballadores da sección de facturación da empresa —cinco dos oito despedidos pertencían a esa sección— volveron de entrevistarse co gobernador civil nun intento de que este intercedera polos seus compañeiros ante a empresa, foron despedidos como conta Manel Aisa:

En febreiro de 1919, iniciouse a que máis tarde sería coñecida como a «Folga de La Canadiense», chamada así porque o principal accionista da Compañía era Canadian Bank of Commerce of Toronto. O conflito empezou ao organizarse entre o persoal de oficinas, un Sindicato Independente, que o xerente de La Canadiense, Fraser Lawton, nunca aceptou, polo que este empregou como estratexia facer fixos oito empregados eventuais e rebaixarlles o soldo. Estes protestaron co argumento de que: «a mesmo traballo, mesmo soldo». Estas oito persoas, que eran precisamente as que organizaran o Sindicato Independente dentro da empresa, inmediatamente foron despedidos por Lawton. Cinco dos sancionados pertencían á sección de facturación e os seus compañeiros, en acto de solidariedade, o día 5 de febreiro de 1919 declaráronse en folga. Rompendo a pluma e tirando os tinteiros, negáronse a seguir traballando até que se readmitiran os seus compañeiros despedidos. Os 117 empregados da sección de facturación dirixíronse cara a Gobernación para falar co gobernador, que lles prometeu que intercedería por eles ante a empresa, se volvían ao traballo. Cando estes volveron, encontráronse coas forzas da policía que lles impedían o paso, impedíndolles entrar ao interior do edificio, producíndose diversos incidentes e quedando todos eles despedidos. Ao día seguinte a nova correu por Barcelona como un regueiro de pólvora.
Manel Aisa

Participación da CNT[editar | editar a fonte]

Os folguistas buscaron a axuda dos anarcosindicalistas da CNT que aceptaron involucrarse no conflito, nomeándose un comité de folga que o formaron varios dos despedidos e membros da CNT e que estivo liderado por Simó Piera. A folga estendeuse cara aos encargados da lectura de contadores.

Contando a protesta cun amplo apoio popular —formáronse caixas de resistencia que recadaron 50.000 pesetas nunha semana— o xerente da empresa propuxo unha negociación fixada para o 17 de febreiro no edificio da compañía e á que acudiron cinco delegados en representación dos traballadores. Cando o xerente soubo que entre os delegados había un afiliado á CNT, non quixo negociar.

Cara á folga xeral[editar | editar a fonte]

Os folguistas iniciaron cortes no subministro eléctrico, quedando Barcelona practicamente paralizada ás catro da tarde do 21 de febreiro, aínda que había outra compañía —Energía Eléctrica de Cataluña— que seguía subministrando enerxía. O 4º Rexemento de zapadores e algúns mariñeiros ocuparon a sede da empresa e chegou á cidade un novo gobernador militar, Martínez Anido.

O día 23 uníronse á folga os traballadores da compañía Energía Eléctrica de Cataluña, lográndose o paro total das compañías eléctricas. O 26 os traballadores das compañías de augas e do gas sumáronse á folga.

O 3 de marzo os traballadores da central eléctrica de Sant Adrià de Besòs secundan a folga e o día 5 o xeneral Joaquín Milans del Bosch, capitán xeral de Cataluña, dita un bando para chamar á mobilización a todos os homes entre 21 e 38 anos do ramo da electricidade que tan só sae publicado no Diario de Barcelona. Os cenetistas convocados para a mobilización decidiron o 7 de marzo non incorporarse a filas, o que provocou que foran encarcerados no castelo de Montjuic.

Fin da folga[editar | editar a fonte]

O 13 de marzo José Morete, subsecretario da presidencia e Carlos Montañés, novo gobernador civil, chegan a Barcelona para mediar no conflito mentres a cidade é ocupada polas tropas. Ao día seguinte Lawton e Montañés teñen unha reunión onde o segundo convence o primeiro para que negocie co comité de folga nunha reunión que terá lugar na sede do Instituto de Reformas Sociais e na que son aceptadas as condicións dos folguistas de La Canadiense sen represalias. Aquela noite do 14 de marzo asínase o convenio que pon punto final á folga.

Tras a folga[editar | editar a fonte]

Tras finalizar a folga, -como un triunfo para os traballadores e a CNT-, aínda quedaban cinco obreiros presos como consecuencia da mesma, o que provocou que militantes anarquistas esixiran a súa liberdade, iniciando unha nova folga finalmente o 23 de marzo. Ao día seguinte, o exército ocupou Barcelona dedicándose a rexistrar os cidadáns, rompéndoll os carnés do sindicato aos cenetistas. O 27 de marzo os obreiros estaban dispostos a dar por terminada a fracasada folga, cando o gobernador civil se negou a mediar no conflito. As garantías constitucionais suspéndense entón, perseguíndose os militantes da CNT. O 31 de marzo é aplicada por primeira vez a Lei de fugas que acaba coa morte de Miguel Burgos un secretario dun sindicato de ramo da CNT.

Na última semana do mes de marzo, créase a Federación Patronal Española, cuxo primeiro acordo consistiu en que para levar a cabo a readmisión dun traballador este debía entregar o carné da CNT e negociar un novo salario individualmente. Esta medida ofendeu os obreiros, de tal maneira que a folga continuou, aínda que o Comité de folga acordara que os distintos ramos negociasen a volta ao traballo. Finalmente, a folga conclúe o 12 de abril.

O 1 de decembro a patronal catalá inicia un peche patronal no que se ven afectados máis de 150.000 obreiros e no que se lle pide a estes a entrega dos carnés da CNT. Finalmente, o lock-out é levantado polo Conde de Salvatierra a petición da patronal, o 26 de xaneiro de 1920, sen que ningún traballador entregase o seu carné.

Valoracións[editar | editar a fonte]

Para Albert Balcells o movemento obreiro quedou esgotado baixo unha represión patronal e militar que desbordaría o propio goberno do Conde de Romanones, obrigándolle a dimitir.[1]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]