Florín florentino

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Florín de ouro de Florencia de 1340.

O florín florentino (fiorino d'oro en italiano) foi unha moeda medieval emitida en Florencia desde 1252, que se converteu na moeda de ouro de referencia en Europa nos séculos XIII e XIV.

Historia[editar | editar a fonte]

A mediados do século XIII a República de Florencia era unha potencia mercantil e económica no Mediterráneo. Para consolidar o seu poder comercial comezou a cuñar unha moeda de alto valor que puidera substituír ás pezas de ouro que foran a referencia internacional até o século XII: o soldo bizantino e o dinar islámico.

O florín de Florencia foi unha moeda de ouro cuxa tipoloxía foi sempre moi homoxénea, mesmo nas imitacións posteriores que dela se fixeron (debido ao seu éxito) en toda Europa, notabelmente na Coroa de Aragón, onde Pedro IV de Aragón, o Cerimonioso, comezou a cuñar o florín aragonés. Esta foi, no anverso, a flor de lis, emblema de Florencia, coa lenda FLORENTIA e, no reverso, o patrón desta república italiana, San Xoán Bautista, en actitude de bendicir, con nimbo, e un báculo apoiado no ombro esquerdo e superado con cruz, coa inscrición S.(anctus) JOHANNES B.(aptista).

O prestixio do florín florentino debeuse en gran medida á constancia do seu peso e á pureza da súa lei. Tratábase dunha moeda moi valorada polo seu peso de 3,5 gramos de ouro de case 24 quilates,[1] a máis alta lei das moedas desta época.

O seu valor era de vinte soldos (solidus), porén, a súa calidade insuperábel fixo que tan só vinte anos despois da súa primeira emisión xa valera trinta soldos. Tanta foi a súa estimación que o florín pronto se erixiu como moeda de conta en toda Europa. Até finais do século XIII foi gañando en valor e prestixio, que comezou a decaer coa crise monetaria do século XV e a aparición de imitacións de menor calidade no resto de Europa.

No século XIV era a moeda modelo en Occidente, e comezan as cuñacións de floríns que manteñen a súa tipoloxía e iconografía en Alemaña, Inglaterra, Francia, os Países Baixos, Portugal, Suecia, Polonia, Rusia e Aragón. Excepto en Francia (onde a imaxe do Bautista foi substituída polo brasón da Casa de Anjou e Xerusalén), todas as imitacións utilizaron a mesma tipoloxía, só substituíndo a lenda de Florencia pola do reino onde se emitían.

Pronto reduciuse a lei destes floríns, sobre todo o aragonés, a 18 quilates, e se produciron diminucións no peso con respecto aos floríns orixinais, o que acabou producindo o desprestixio do florín que, no século XV, foi substituído como moeda de ouro de referencia polo Ducado de Venecia.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. O ouro puro é o de 14 quilates.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]