Filita

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Filita

A filita é unha rocha que representa unha gradación no grao de metamorfismo entre a lousa e o xisto.[1][2] Os seus minerais planares son máis grandes ca os da lousa, pero non o bastante como para seren facilmente identificábeis a simple vista. Aínda que a filita parece similar á lousa, pode distinguirse con facilidade polo seu brillo satinado e a súa superficie ondulada. A filita, normalmente, mostra xistosidade e está composta fundamentalmente por cristais moi finos de moscovita, clorita ou ambas. Recoñécese facilmente pola súa estrutura laminar planar ou ondulada, producida pola orientación de filosilicatos, e a súa textura de gran moi fino, non visíbel a simple vista, pero si ao microscopio petrográfico, onde se poden distinguir os seus minerais máis comúns: micas, principalmente moscovita, cuarzo, talco, albita e clorita, entre outros.[3] As superficies posúen un brillo sedoso, ás veces moi característico, e un tacto untuoso, semellante ao do talco. Exfóliase facilmente e é relativamente pouco coherente. A súa cor é variábel: gris, gris-verdoso, gris-azulado, verde, violeta e mesmo marrón ou avermellado.

En moitos libros de xeoloxía, a filita descríbese comunmente como unha transición do metamorfismo rexional entre o xisto e a lousa. Da primeira rocha diferénciase polo tamaño de gran; no xisto obsérvanse os minerais a simple vista; da segunda, pola súa cor e o seu brillo satinado. A lousa, debido ao menor tamaño dos seus minerais, non brilla e é máis parecida a unha lutita compacta, ademais de que a súa estrutura laminar moi desenvolvida facilita a súa separación en laxas grandes e un tacto áspero.

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

A palabra filita está formada polos elementos fil-, do grego φύλλωn fíllon folla, e -ita, sufixo empregado nos nomes de moitos minerais e rochas.[4]

A filita verde[editar | editar a fonte]

A Domus.

A denominada filita verde de Lugo é unha valiosa pedra das canteiras de Bretoña empregada na construción de numerosos auditorios, hospitais, museos e edificios privados do país, e de outros moitos de todo o mundo. Como exemplos, podemos citar a Domus ou Casa do Home da Coruña e o HULA (Hospital Universitario Lucus Augusti) de Lugo.[5]

A filita verde de Lugo foi recoñecida recentemente pola Unión Internacional de Ciencias Xeolóxicas (IUGS) co título de Pedra do Patrimonio Mundial. Este organismo internacional que, entre outras funcións, se dedica a documentar e catalogar as rochas coas que se construíu o patrimonio arquitectónico da humanidade, recoñecede este modo o valor histórico e estético desta filita e a inclúe no mesmo grupo no que figura, por exemplo, o mármore de Carrara italiano.[6]

O profesor da Universidade de Oviedo, Víctor Cárdenes van Den Eynde, do departamento de Xeoloxía, recorda que, no noroeste da Península Ibérica, entre aas comarcas lucenses da Terra Chá e A Mariña, utilízase desde tempos históricos como pedra de construción un tipo de filita de idade cámbrica única e singular, unha rareza da natureza. As canteiras desta pedra encóntranse no Campo de Oso, en Bretoña, Lugo. "A mesma evocación desteos nomes desperta os ecos de séculos de historia, lugares que habitaron pobos milenarios xa desaparecidos, como por exemplo a cultura dos castros, do Imperio romano ou dos bretóns, entre outros".[6]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Filita en ceramica.fandom.com
  2. Stephen Marshak Essentials of Geology, 3rd ed.
  3. Mottana, Annibale, Rodolfo Crespi e Giuseppe Liborio (1978) Simon & Schuster's Guide to Rocks and Minerals. New York: Simon & Schuster Inc.
  4. Filita, en Rocas y Minerales.
  5. La filita verde de Lugo, en las obras emblemáticas de la arquitectura de España, artigo en La Voz de Galicia, 22-03-2024 (Consultado o 20 de marzo de 2024).
  6. 6,0 6,1 La filita verde de Lugo entra en el grupo de las Piedras del Patrimonio Mundial, en Focus Piedra 22-03-2024 (Consultado o 24 de marzo de 2024).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Schumann, Walter (1993): Handbook of rocks, minerals, and gemstones. Boston: Houghton Mifflin. ISBN 03-9551-1380.