Estroza

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Estroza
Estroza repousando nunha cana
Estroza repousando nunha cana
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Amphibia
Orde: Anura
Familia: Hylidae
Subfamilia: Hylinae
Xénero: Hyla
Especie: H. molleri
Nome binomial
Hyla molleri
Bedriaga, 1890
Distribución de H. molleri

Distribución de H. molleri
Sinonimia
  • Hyla arborea var. molleri Bedriaga, 1890
  • Hyla meridionalis molleri Parker, 1956
  • Hyla molleri Stöck, Dubey, Klütsch, Litvinchuk, Scheidt e Perrin, 2008

A estroza, ra de Santo Antón, ra das figueiras ou rela (Hyla molleri Bedriaga, 1890) é un anfibio anuro pertencente á familia dos hílidos (Hylidae), de pequeno tamaño, corpo algo repoludo, cor verde e hábitos arborícolas.

Durante moitos anos foi considerada unha subespecie de Hyla arborea (a estroza europea), até que recentes estudos de filoxenia molecular demostraron que era unha especie distinta.

Esta nova especie distribúese unicamente pola península Ibérica e o suroeste atlántico de Francia, encontrándose case ameazada debido á perda de hábitat e á contaminación das augas.

Características[editar | editar a fonte]

É unha ra de pequenas dimensións, duns 3,5 a 4,5 cm de lonxitude. A lonxitud máxima rexistrada da especie é de 5 cm, porén, nas poboacións do sistema Central a súa lonxitude media non sobrepasa os 2 cm.

É de forma repoluda, coa pel lisa, longas patas bordeadas de franxas pardas e coa punta dos dedos ensanchada en forma de discos adhesivos, como é habitual nos hílidos.

Adoita ser de cor verde, aínda que pode variar até parda, amarela e mesmo azul, segundo o substrato, a temperatura ou a humidade relativa. Presenta unha banda apardazada ou negra enmarcada en amarelo que parte do orificio nasal e chega até as inguas formando un bucle cara ao dorso anterior.[1] A lonxitude desta banda diferénciaa da Hyla meridionalis ou estroza meridional.

Distribución e hábitat[editar | editar a fonte]

A especie é endémica da península Ibérica, encontrándose en Portugal, España e, marxinalmente, na Francia sudoccidental.

A estroza vive entre a vexetación preto da auga ou en zonas húmidas como prados, canavais, xunqueiras, sebes e xardíns.

Bioloxía[editar | editar a fonte]

Alimentación[editar | editar a fonte]

É unha especie insectívora e de hábitos nocturnos; durante o día repousa agochada na vexetación.

Macho de estroza croando.

Reprodución e desenvolvemento[editar | editar a fonte]

Durante a primavera as estrozas habitan en charcas, marismas e ríos de cursos lentos, onde se produce a desova e o desenvolvemento das larvas. Alí os machos cantan para atraeren ás femias; os machos teñen un só saco vocal, de gran tamaño. Na auga, prodúcese o amplexo; a femia pon os ovos e o macho os fecunda.

Os cágados, de tons verdes irisados, miden entre medio e cinco centímetros de lonxitude, teñen o espiráculo no lado esquerdo e o ano no dereito, e unha crista dorsal moi elevada que comeza nos ollos. A cola remata nunha punta fina e adoita ser lisa, aínda que ás veces presenta unha franxa escura lonxitudinal.[1]

Taxonomía[editar | editar a fonte]

Até finais da década de 2000 era considerada unha subespecie de Hyla arborea, H. arborea molleri, descrita en Portugal en 1890 por Bedriaga, caracterizada polo seu menor tamaño, patas traseiras relativamente máis longas e distribución ibérica. Esta subespecie encontraríase tamén en Galicia, nas provincias limítrofes co país lusitano. Porén, moitos autores non recoñeceron a existencia desta forma, afirmando que todas as estrozas ibéricas pertencían á subespecie tipo, H. a. arborea (Linnaeus, 1758).[2]

Pero en 2008, estudos moleculares levados a cabo polo equipo de M. Stöck suxiriron a especificidade desta ra, afastada filoxeneticamente de H. arborea.[3] Con posterioridade, en 2011, Barth e colaboradores apoiaron o status de nova especie baseándose tamén en estudos de xenética molecular, facendo notar que as maiores diferenzas se encontran nas poboacións da costa norte de Galicia e que a zona de contacto entre H. molleri e H. arborea encóntrase posibelmente no País Vasco franco-español.[4]

Porén, esta distinción entre especies tense discutido desde antigo. En 1974, H. Schneider, baseándose nas chamadas de apareamento e nas relacións entre as ras do xénero Hyla europeas, no seu traballo de sistemática de 2004 xa rexeitaba esta hipótese. Máis recentemente, en 2010, J. Speybroeck e colaboradores aseguraban que o recoñecemento desta nova especie só pode basearse no xenoma mitocondrial e que non existe ningunha evidencia morfolóxica nin de canto para separar ambas as especies.[5] [6] [7]

O nome científico atribúese a Jacques von Bedriaga, quen en 1890 denominou a esta especie como a variedade Hyla arborea var. molleri baseándose nun exemplar de Coímbra, en Portugal. Posteriormente, Parker, en 1956, denominouna Hyla meridionalis molleri. Cos estudos moleculares e ao confirmar que se trataba dunha nova especie, Stöck e colaboradores nomeárona Hyla molleri Stöck, Dubey, Klütsch, Litvinchuk, Scheidt, e Perrin, 2008, incorrendo en sinonimia.[7] [3] [8] [9]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Masó e Pijoan (2011)
  2. Galán e Fernández (1993), p. 219.
  3. 3,0 3,1 Stock et al. (2008).
  4. Barth et al. (2011).
  5. Schneider (1974 e 2004).
  6. Speybroeck et al (2010).
  7. 7,0 7,1 Frost et al. (2010).
  8. Bedriaga, J. v. (1890).
  9. Parker, H. W. (1956).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Estroza
Wikispecies-logo.svg
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Estroza

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Barth, A., P. Galán, D. Donaire, J. P. González de la Vega, M. Pabijan & M. Vences (2011): "Mitochondrial uniformity in populations of the treefrog Hyla molleri across the Iberian Peninsula", Amphibia-Reptilia, 32, pp. 557-564.
  • Bedriaga, J. v. (1890): "Die Lurchfauna Europas. I. Anura. Froschlurche", Bulletin de la Société Impériale des Naturalistes de Moscou. Nouvelle série (3): pp. 466-622.
  • Carretero, M. A., E. Ayllón, e G. Llorente, eds. (2011): "Lista patrón de los anfibios y reptiles de España", Asoc. Herpetol. Esp., Museo de Ciencias Naturales, Madrid. PDF
  • Frost, D. R. (2010): Amphibian Species or the World, an Online Reference. Version 5.4. American Museum of Natural History, New York, USA. PDF
  • Galán, P. e G. Álvarez (1993): ''Anfibios e réptiles de Galicia. Vigo: Xerais. ISBN 84-7507-722-6.
  • Márquez, R. (2006): Atlas y Libro Rojo de los Anfibios y Reptiles de España. Hyla raborea
  • Masó, A. e M. Pijoan (2011): Anfibios y reptiles de la península Ibérica, Baleares y Canarias. Barcelona: Omega. ISBN 84-282-1368-4.
  • Parker, H. W. (1956): "Species transgressions in one horizon", in Sylvester-Bradley, P. C. (ed.), "The Species Concept in Paleontology", Systematics Association Publication Nº 2. The Systematics Association, pp. 9-15.
  • Schneider, H. (1974): "Structure of the mating calls and relationships of the European Tree Frogs (Hylidae, Anura)", Oecologia, 14, pp. 99-110.
  • Schneider, H.(2004): "Der Laubfrosch, Hyla arborea: Rufe, Verhalten, Systematik", Zeitschrift für Feldherpetologie, Supplement, Magdeburg, 5, pp. 9-26.
  • Speybroeck, J., W. Beukema, & P. A. Crochet (2010): "A tentative species list of the European herpetofauna (Amphibia and Reptilia)", Zootaxa, 2492, pp. 1-27.
  • Stöck, M., S. Dubey, C. Klütsch, S. N. Litvinchuk, U. Scheidt & N. Perrin (2008): "Mitochondrial and nuclear phylogeny of circum-Mediterranean tree frogs from the Hyla arborea group", Mol. Phyl. Evol., 49, pp. = 1019-1024.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]