Joaquín Satrústegui

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Revisión feita o 11 de novembro de 2016 ás 18:03 por HombreDHojalata (conversa | contribucións) (Creada como tradución da páxina "Joaquín Satrústegui")
(dif) ← Revisión máis antiga | Revisión actual (dif) | Revisión máis nova → (dif)

Joaquín Satrústegui Fernández (San Sebastián, 17 de outubro de 1909 - ide. 11 de marzo de 1992) foi un avogado e político monárquico español. Combateu no bando franquista durante a Guerra Civil Española, e evolucionou desde o ultraconservadurismo da súa mocidade cara a posicións liberais, sempre dentro dos sectores monárquicos. Foi un dos asistentes á conferencia do Movemento Europeo celebrada en Múnic en 1962 (denominada como "contubernio de Múnic" polo réxime franquista). Tras a morte de Franco foi elixido sucesivamente senador e deputado.

Biografía

Satrústegui naceu no seo dunha familia monárquica, acomodada e con intereses navieros de San Sebastián.[1] O seu pai foi Enrique Satrústegui Barrié, barón de Satrústegui.[2] Estudou Dereito na Universidade Central de Madrid, obtendo a licenciatura en 1932. Ampliou os seus estudos en Economía e Dereito Público na Universidade de Georgetown (Estados Unidos).[3] Durante o período republicano formou parte de Renovación Española. O 17 de xullo de 1936, dentro das operacións do golpe de estado que deu inicio á Guerra Civil, formou parte do grupo de mozos militantes do partido monárquico que, liderados por Carlos Miralles, e seguindo ordes do xeneral Mola, ocuparon o porto de Somosierra, co obxectivo de facilitar o acceso a Madrid ás columnas que, desde o norte, debían tomar a capital.[1] Durante a Guerra Civil, Satrústegui, que realizara o servizo militar nas milicias universitarias e obtido o grao de alférez, chegou a capitán de complemento dentro das filas do exército franquista.[4]

Desexando restaurar a monarquía na persoa de Juan de Borbón, desde 1940, unha vez acabada a guerra enfrontouse a Franco, polo que foi multado e detido en varias ocasións. Foi candidato ás eleccións municipais por Madrid do 21 de novembro de 1954, xunto a Joaquín Calvo Sotelo, Juan Manuel Fanjul e Torcuato Luca de Tena, pero os seus interventores foron expulsados do colexio electoral ante o temor do réxime dunha vitoria desta candidatura.[1] Fundou a organización clandestina Unión Española (1957), movemento liberal que propugnaba a forma de Estado democrático para España e recoñecía a Juan de Borbón, entón no desterro, como lexítimo rei de España.[5] Participou no denominado Contubernio de Múnic, maio de 1962, polo que foi desterrado durante case un ano en Forteventura, xunto a Jaime Miralles e Fernando Álvarez de Miranda, entre outros.[6]

Co paso do tempo, converteuse nun activo defensor da integración de España na Comunidade Económica Europea, integrado nas plataformas de oposición ao franquismo e oposto á presenza de bases estadounidenses en España. En agosto de 1976, vinculou Unión Española á Federación de Partidos Demócratas e Liberais de Joaquín Garrigues Walker e ao Partido Liberal de Enrique Larroque, constituíndo a Alianza Liberal, da cal foi elixido presidente. Colaborara coa oposición na Plataforma de Organismos Democráticos, coa que formou unha plataforma que se presentou ás eleccións de 1977 como Senador, sendo elixido como candidato máis votado pola circunscrición de Madrid na coalición electoral Senadores pola Democracia.[7][8] No Senado integrouse no Grupo Progresistas e Socialistas Independentes, xunto a membros dos Partidos Socialista Popular e Esquerda Democrática, entre outros.[9] Tras a disolución de Alianza Liberal, en decembro de 1977, fundou o Partido Liberal Progresista, do que foi nomeado presidente, pero que tamén se disolvería máis tarde.[10] Finalmente, integrouse en Unión de Centro Democrático (UCD), partido que abandonou tras o desastre electoral de outubro de 1982. Foi deputado de UCD por Madrid na primeira lexislatura, na que foi vogal nas comisións de Asuntos Exteriores e Constitucional. Estaba casado e tivo catro fillos, un deles Miguel Satrústegui

Referencias

Enlaces externos