Ensalada rusa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Prato de ensalada rusa.

A ensalada rusa é un prato frío elabora con patacas que pode combinarse con outras verduras, atún ou polo, todo adubado con maionesa. Como o seu nome indica é típico de Rusia, mais tense popularizado en moitas cociñas coma a española e tamén a galega. Coñécese tamén coma Ensalada Olivier. Segundo conta a súa historia, disque a receita orixinal foi elaborada, en 1860, por Lucien Olivier Guillerminav, o chef do restaurante Hermitage, moi coñecido daquela en Moscova.

Historia[editar | editar a fonte]

Ensalada rusa.

Malia a popularidade da ensalada rusa na Península ibérica e o Cono Sur (Arxentina, Uruguai e Chile, levada polos galegos), a súa orixe é realmente rusa[1] (Салат Оливье) pois foi inventada nos anos 1860 por Lucien Olivier, chef do restaurante Hermitage (Эрмитаж), un dos restaurantes máis coñecidos de Moscova que logo faría deste prato o seu sinal de identidade. A versión orixinal servíase fría e levaba unha especie de vinagreta, e é por esta razón pola que esta receita é denominada noutros países de ensalada Olivier, en honra ao seu inventor. Os ingredientes que empregaba a receita orixinal de Olivier eran caros (por exemplo empregaba carne de veado) e a súa composición así como a súa preparación eran un segredo oculto tanto por Olivier como pola familia que rexentaba o Hermitage. Cando o Hermitage fechou no 1905 a receita orixinal perdeuse inexorabelmente, sendo imposíbel reproducila hoxe en día por mor á inexistencia de documento ou receita que describa a súa elaboración exacta.

O prato trascendeu máis aló dos Urais, e chegou tamén á Ucraína onde se lle engadiron ingredientes máis baratos coma ervellas tenras e cogombros, sendo o veado substituído por polo. Actualmente é un dos pratos que máis se consomen en Rusia, quizais por non ser un prato laborioso e co que se poden saciar comensais de abondo nas festividades familiares. O prato ten diferentes variantes. Nas cidades achegas ao extremo oriente de Rusia engádenlle arenque e tamén cogombros non encurtidos. No sur de Rusia, nas inmediacións de Volgogrado, vinagreta e cenoura.

Os ingredientes[editar | editar a fonte]

Os ingredientes principais son: a pataca (previamente fervida nunha salmoira) e cortada en dados dun centímetro de grosor aínda que en caso de non ser conxelada pode darse calquera medida e mesturados coa maionesa. Nas variantes ibéricas (mais nunca en Rusia) soe engadirse unha certa cantidade de atún (en conserva de aceite), ademais dalgunhas verduras cocidas, principalmente dados de cenoura, feixóns verdes redondos e ervellas. O resto dos ingredientes depende dos cociñeiros, e adoitan ser: uns ovos cocidos, ovo relado (en moitas zonas estes son un ingrediente fundamental), espárragos, pementos do piquillo (pemento vermello), millo doce, opcionalmente allo, gambas; tamén soen conter algún tipo de ingrediente que acentúe a súa acidez: olivas enteiras sen óso ou picadas, cogombros en vinagre picados. Menos tradicional, aínda que tamén con certo éxito na receita actual, é engadir surimi (pauciños de sucedáneo de caranguexo).

O prato é moi popular nos bares galegos coma petisco ou entrante estival, e en España coma "tapa" ou acompañamento de pratos combinados. Ademais poden atoparse mesturas de verduras na zona de conxelados de calquera supermercado en saquetas de plástico prontas para cocer, tendo só que engadir o atún (de lata) e a maionesa, sendo o sabor industrial xeralmente inevitábel.

Ensalada rusa estilo bar.

Servir[editar | editar a fonte]

En Rusia soe servirse en inverno, na Noiteboa. A receita adoita incluir carne picada de polo, e acompáñase de mandarinas e outras froitas típicas do inverno. Está moi ligado ás festividades familiares.

En Galiza pode ofrecerse de balde e acompañada cun pouco pan coma petisco nos bares durante todo o ano e sempre fría. Na casa faise nas comidas de verán, especialmente as fins de semana, sempre cuberta de maionesa e adornada con toros de ovo cocido. Algunhas veces sérvese coma canapé sobre unhas rebandas de pan torrado ou fresco.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Ensalada rusa Modificar a ligazón no Wikidata