Feixón

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Feixón verde")
Feixón
Illustration Pisum sativum0.jpg
Estado de conservación
Non está ameazada
Clasificación científica
Reino: Plantae
División: Magnoliophyta
Clase: Magnoliopsida
Orde: Fabales
Familia: Fabaceae
Subfamilia: Faboideae
Tribo: Phaseoleae
Xénero: ''P. Vulgaris''
Especie: ''P. Vulgaris''
Nome binomial
''Phaseolus vulgaris''
L.
Sinonimia
Non confundir con feixoa

O feixón, fabeira, faba ou chicho[1] Phaseolus vulgaris é unha planta rubideira da familia Fabaceae cultivada pola súa semente comestíbel, chamada feixón, feixó, chicho ou faba[2].

As vaíñas ou casulas verdes da mesma planta coñécense co nome de feixóns verdes, e tamén son comestíbeis cociñadas ou no caso dalgunhas variedades tenras, incluso crúas[3].

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

O termo galego feixón, feixó, (en galego antigo: feijoo, en portugués: feijão) orixinouse do latín faseolu, con troco de sufixo[4].

O apelido galego Feijoo (var. Feijóo, Feijó, Feixó) derivan deste termo (Véxase artigo: Feijoo). O termo feixó foi utilizado na poesía de escarnio medieval para designar as persoas calvas. Os guerreiros dalgunhas tribos xermanas estilaban raparse a cabeza para inspirar maior terror aos seus enimigos, e o costume de raparse os cabelos non foi excepcional nos cabaleiros medievais. A influencia xermana chegou a Galiza.

Historia e cultivo[editar | editar a fonte]

Os feixóns foron unha importante fonte de proteínas ao longo da historia, e ségueno a ser hoxe.

É unha das plantas cultivadas desde máis antigo, habendo probas do seu uso en Asia dende o sétimo milenio antes de Cristo[5], dende hai seis mil anos en América[6] e máis de dous mil en Europa.[7]

No México precolombino o feixón era obxecto, xunto co maínzo e a cabaza, dun complexo sistema de cultivo combinado que sobreviviu até hoxe.

Antes do descubrimento de América na Península Ibérica se cultivaban leguminosas de orixe afroasiática e europea. Estas variedades corresponderíanse con especies como a Vigna unguiculata ou a Vicia faba (faballón) que aínda se consumen nalgúns territorios da Península.

As fabas americanas Phaseolus vulgaris foron introducidas en España e Portugal polos mercadores que no século XVI traían as sementes como unha curiosidade. Dende a Península, esta nova variedade estendeuse cara a outros países europeos debido a diversos factores.

Así en Galicia, de xeito similar ao acontecido co millo e o maínzo, o termo faba deixou de designar as variedades do Vello Mundo para pasar a nomear as variedades americanas, mellores para o seu uso alimentario[8].

As variedades americanas Phaseolus vulgaris evolucionaron en Europa para retornar posteriormente á súa orixe grazas aos procesos migratorios. Esta evolución implicou unha mellora xenética que se tería producido, consciente ou inconscientemente, da man dos agricultores da Península.

Produción[9][editar | editar a fonte]

Europa e España[editar | editar a fonte]

En Europa cultiváronse no ano 2003 case que 500.000 toneladas de fabas. Na Unión Europea os principais produtores son Polonia, Grecia e España que nese ano atinxiron, respectivamente, 34.000, 23.000 e 14.000 toneladas. Fóra da Unión Europea, Bielorrusia e Ucraína son os países que acadan maiores producións ao sumar 110.000 e 65.000 toneladas.

En 2001 no Estado español dedicáronse ao cultivo da faba máis de 12.682 hectáreas, o 44% en réxime de regadío e o 56% en secaño, e acadouse unha produción total de 15.420 toneladas. Galicia, con 2.700 toneladas, e Castela-León, con 7.200 toneladas, son as principais comunidades produtoras.

A produción galega[editar | editar a fonte]

En Galicia as provincias da Coruña e Lugo son as que xeran a maior parte da produción. En 2001 o 57% da produción galega era de orixe coruñesa e unha de cada cinco fabas galegas se cultivaba na provincia de Lugo.

As sementes chámanse feixóns ou fabas

Tipos de sementes[editar | editar a fonte]

Podemos atopar sementes de moi variadas cores e formas, que se diferencian ademais polo seu brillo, debido á gran diversidade xenética que existe dentro da especie.

Gastronomía[editar | editar a fonte]

É un alimento espallado practicamente por todo o mundo, nas súas diferentes variedades de sementes e vaíñas.

En Galicia as fabas son usadas como ingredientes do caldo, e os feixóns verdes cómense habitualmente cocidos. En España hai varios pratos rexionais a base de fabas, como a fabada asturiana, as mungetes amb butifarra catalás ou o arròs amb fesols i naps valenciano. En Portugal existen varias feijoadas típicas, como a feijoada à transmontana, as tripas à moda do Porto ou o feijão frade com atúm. Na América Latina existe unha grande cantidade de pratos, como as brasileiras feixoadas de mistura ou feijão com arroz, os frijoles e gallo pinto de México e Centroamérica, ou os porotos chilenos.

As vaíñas son os feixóns verdes.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega (aquí) e no Portal das Palabras (aquí) para feixón (planta).
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega (aquí) e no Portal das Palabras (aquí) para feixón (semente).
  3. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega (aquí) e no Portal das Palabras (aquí) para feixón.
  4. FERREIRA, A. B. H. Novo Dicionário da Língua Portuguesa. Segunda edição. Rio de Janeiro: Nova Fronteira, 1986. p.766
  5. Chester F. Gorman, "Hoabinhian: a pebble-tool complex with early plant associations in Southeast Asia", Science, 1969.
  6. Chazan, Michael World Prehistory and Archaelogy: Pathways through Time, p. 271. 2008 Pearson Education, inc. Isbn= 0-205-40621-1
  7. Daniel Zohary and Maria Hopf. Domestication of Plants in the Old World 2000:114.
  8. Debullando algúns problemas das fabas Área de Terminoloxía. Universidade de Santiago de Compostela
  9. Datos de produción. Centro de interpretación da faba de Lourenzá

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

  • Faballón (Vicia faba), planta da mesma familia con sementes maiores e máis bastas para o seu uso alimentario.
  • Faba de Lourenzá

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]