Cola (zooloxía)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Cola dun lemúrido.

A cola ou rabo é o extremo posterior do corpo dun animal, especialmente cando este forma un apéndice flexíbel e distinguíbel do tronco.

As colas son casa exclusivas dos vertebrados; porén, algúns invertebrados teñen apéndices similares a colas, como os escorpións ou os colémbolos.

Función[editar | editar a fonte]

As colas desempeñan diversas funcións nos animais. Os peixes e outras formas de vida mariña úsanas para a locomoción, mentres que algúns animais terrestres empréganas para manteren o equilibrio (por exemplo, os gatos) e incluso para suxeitárense (por exemplo, moitos primate).

Pódense usar tamén para facer sinaies sociais, como os cérvidos para indicar un posíbel perigo. E por diferentes tendencias evolutivas chegouse a que se orixinaran colas coas que se pode atacar, algunhas delas con veleno, como ocorre nos escorpións.

Algúns lagartos poden desprenderse da cola, cando é necesario, co obxectivo de escapar dun depredador distraéndoo o tempo suficiente para fuxir. Xeralmente a cola volve a crecer co tempo (case sempre coa cor máis escura que a orixinal).

Na maioría das aves a cola está formada por plumas de maior lonxitude que outras do corpo; a súa función é actuar como "temón" para balancear e guiar ao animal no voo, e para axudar ao equilibrio cando pousa nas ramas.

Nalgúns mamíferos, como nos monos araña ou nalgunhas sarigüeias, a cola ten capacidade prénsil.

A cola nos humanos[editar | editar a fonte]

Os embrións humanos teñen unha cola que mide cerca dun sexto do tamaño do propio embrión.[1] Conforme este se trtansforma en feto, a cola é absorbida polo corpo en crecemento. Esta cola é, polo tanto, unha estrutura vestixial dos humanos; un atavismo.[2] [3]

En raras ocasións nacen nenos con "colas brandas" que non conteñen vértebras, só vasos sanguíneos, músculos e nervios; porén existen pouquísimos casos documentados de colas con cartilaxes ou até con cinco vértebras.[4] Actualmente os médicos poden eliminar estas colas no momento do nacemento.

A cola humana máis longa da que se teña rexistro pertencía a un rapaz de doce anos na daquela Indochina Francesa, e medía 229 mm.[Cómpre referencia] Coñécese tamén o caso dun hindú chamado Chandre Oram, que se fixo famoso pola súa longa cola; crese, porén, que non era unha cola verdadeira senón un caso de espiña bífida.[Cómpre referencia]

Os seres humanos teñen un óso caudal (o cóccix) articulado á pelve, no mesmo lugar onde outros mamíferos teñen a cola. Este óso está formado por vértebras fusionadas (de tres a cinco, usualmente catro), ao final da columna vertebral e non sobresae externamente, aínda que si conserva un propósito anatómico: servir de sostemento para músculos (como o glúteo maior).

Galería de colas[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Human fetuses have tails, proving that evolution is true". The Free Lance-Star. 5 de xullo de 2005. http://fredericksburg.com/News/FLS/2005/072005/07052005/109580. Consultado o 23/11/2012.
  2. "Human tail–caudal appendage: tethered cord". Journal of Perinatology 28: 518-519 (July 2008). http://www.nature.com/jp/journal/v28/n7/full/jp200839a.html. Consultado o 23/11/2012
  3. "The 'human tail' causing tethered cervical cord". Spinal Cord (2007) 45: 583–585. 14 de novembro de 2006. http://www.nature.com/sc/journal/v45/n8/full/3101988a.html. Consultado o 13/11/2012.
  4. Mouied Alashari e Joy Torakawa (2008): True Tail in a Newborn, Pediatric Dermatology 12 (3), pp. 263–266, 2008

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Cola