Castañeta
A castañeta ou palometa (Brama brama, Bonaterre 1788) é un peixe mariño da familia dos brámidos (Bramidae), de corpo moi comprimido lateralmente e cor gris escura, polo que resulta inconfundible.
Índice |
Descrición [editar]
A talla habitual oscila entre os 30 e os 50 cm e pesos de un quilogramo, con máximos de 70 cm. Presenta un corpo alto, ovalado e comprimido lateralmente. Ten unha aleta dorsal única e as aletas pectorais grandes; a aleta caudal, profundamente dividida.
A pel é dura e cuberta de grandes escamas. A cor gris escura, case negra no dorso e aclarando no ventre.
Hábitat e distribución [editar]
Vive entre os 100 e os 400 m de profundidade, en augas abertas e formando pequenos bancos. Achégase á costa só en época de reprodución. Aliméntase de pequenos peixes, cefalópodos e pequenos invertebrados mariños.
A especie está amplamente distribuída, sobre todo no Atlántico, sur do Pacífico e mar Mediterráneo.
Pesca e aproveitamento [editar]
Péscase na primavera e no verán, normalmente con palangre. A talla mínima é de 18 cm. As vendas nas lonxas galegas no ano 2010 ascenderon a 7.357.103 kg, case o dobre dos anos anteriores (entre 3,5 e 4,5 millóns de quilos).
Foi nunha especie abundante e popular, pola calidade da súa carne e o prezo accesible. Trátase dun peixe semigraxo, cun 5% de graxa, que achega 125 calorías por 100 gramos.
A carne da castañeta pode estar parasitada pola larva dun cestodo cuxo hóspede definitivo son os grandes seláceos. Trátase dunha tenia Gymnorhynchus gigas [1], cuxa larva na castañeta adopta a forma dun longo verme branco que se estende entre as fibras musculares. Non é prexudicial para o home pero pode chegar a dar unha imaxe moi desagradable e, en caso de invasión masiva, o comiso do peixe.
Especies afíns [editar]
Outros peixes parecidos á castañeta son os seguintes:
- Castañeta encarnada (Beryx decadactylus), con forma semellante pero de cor vermella característica.
- Palometa do Pacífico (Brama japonica), dun tamaño duns 60 cm. Péscase no océano Pacífico.
- Japuta sickle (Teratichthys steindaxhneri), semellante á anterior en forma e distribución, pero de maior tamaño.
Notas [editar]
Véxase tamén [editar]
Bibliografía [editar]
- DIRECCIÓN XERAL DE FORMACIÓN PESQUEIRA: Guía do consumidor de peixe fresco. Xunta de Galicia 1999.
- RÍOS PANISSE, M. Carmen: Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia (Invertebrados y peces). Anejo 7 (1977) de Verba.
- ZUDAIRE, Maite e YOLDI, Gema: Pescados y mariscos. Eroski Publicaciones, Elorrio (Biscaia), 2005.