Castañeta encarnada

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Castañeta ou palometa encarnada

A castañeta encarnada ou palometa encarnada (Beryx decadactylus, Cuvier 1829) é un peixe mariño da familia dos berícidos (Berycidae) de cor encarnada característica, sobre todo polo lombo, e grandes ollos.

A forma do corpo explica a denominación derivada da castañeta ou palometa (Brama brama), pero esta é de cor gris moi escura, polo que tamén a chaman castañeta ou palometa negra.

Ríos Panisse recolleu os nomes de palometa e castañeta sós ou adxectivados con indicadores da cor (colorada, encarnada, roja/roxa) ou da zona de pesca (de altura), en portos de toda a costa galega, pero tamén os de dorada [1] en Mera (Oleiros) e Muxía; e mailo de rei, en Ribadeo [2].

Descrición[editar | editar a fonte]

Ten un corpo alto e moi comprimido lateralmente, cuberto de grandes escamas. O dorso é de cor vermella intensa e os flancos e ventre van aclarando a cor rosada, con brillos prateados. A talla habitual vén sendo 35-50 cm de lonxitude cuns pesos de 2,5 kg; o tamaño máximo alcanzado foi de 100 cm de lonxitude.

Destaca o gran tamaño dos ollos. As aletas son tamén de cor vermella: a dorsal, única, con 4 espiñas e 18-20 radios brandos; a anal, con 4 espiñas e uns 30 radios brandos. Os exemplares xuvenís mostran fortes espiñas na cabeza.

Hai unha especie moi próxima, Beryx splendens, de silueta máis esvelta.

Hábitat e distribución[editar | editar a fonte]

A castañeta encarnada distribúese polo océano Atlántico norte pero é probable que sexa de distribución máis ampla. Vive en augas profundas, de máis de 200 m de profundidade

Péscase con artes de palangre e arrastre. En Galicia, as poxas desta especie ó longo do ano 2010 ascenderon a 113.106 kg.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Pola certa semellanza coa dourada (Sparus aurata).
  2. Lozano Cabo (Nomenclatura ictiológica) recollera o nome de besugo rei para a castañeta encarnada, explicable pola similitude en cor e forma co ollomol (mesmo nos grandes ollos), co calificativo de rei pola cor vermella das vestimentas reais. Ríos Panisse só recolle a forma rei. A mesma explicación pode te-lo nome de carnaval que lle dan nas Figueiras (Asturias).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • DIRECCIÓN XERAL DE FORMACIÓN PESQUEIRA: Guía do consumidor de peixe fresco. Xunta de Galicia 1999.
  • Muus, B. J. e Dahlström, P.: Guía de los peces de mar del Atlántico y del Mediterráneo. Omega, Barcelona 1981.
  • RÍOS PANISSE, M. Carmen: Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia (Invertebrados y peces). Anejo 7 (1977) de Verba.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Castañeta encarnada
Wikispecies-logo.svg
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Castañeta encarnada