Cefalópodos
| Cefalópodos (Cephalopoda) |
|||||||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Xiba común (Sepia officinalis) |
|||||||||||
| Clasificación científica | |||||||||||
|
|||||||||||
| Ordes (con especies actuais) | |||||||||||
Os cefalópodos (Cephalopoda, dos termos do grego antigo κεφαλή kephalé, 'cabeza' e ποδός podós, 'pé'; literalmente, de pés na cabeza) son unha clase de invertebrados mariños do filo dos moluscos.
Actualmente existen unhas 700 especies,[1] que reciben os nomes comúns de polbos, luras, potas, xibas (chamadas tamén chocos nalgunhas zonas de Galicia) e nautilos. Todos eles pertencen á subclase dos coleoideos, a excepción do nautilo, pertencente á subclase dos nautiloideos.
Índice |
Características [editar]
Pé [editar]
Nos cefalópodos o pé característico dos moluscos aparece xunto á cabeza (de aí o nome), e está diversificado en varios tentáculos provistos de ventosas, en número que varía desde 8 nos polbos até os 90 que poden ter os nautilos (nestes, no existen ventosas nos tentáculos).
Algúns dos tentáculos (nos coleoideos) modificáronse para formaren estruturas reprodutivas chamadas espádices, que cumpren o rol de introducir espermatóforos (sacos cheos de esperma) na cavidade paleal da femia.
Cuncha [editar]
A cuncha tende a reducirse, facerse interna ou desaparecer, segundo a especie. Cando teñen unha cuncha ben desenvolvida, está dividida en cámaras separadas por septos, e o animal habita na última cámara (a máis recente).[2] Nos coleoideos, cando existe, é interna e se divide en 3 zonas denominadas, desde a rexión caudal á cefálica, rostro, fragmocono (tabicado) e proóstraco, cada un con desenvolvemento variábel en cada grupo. Nos nautiloideos é externa, planoespiral e tabicada na súa totalidade.
Locomoción [editar]
Os xibas ou sepias, canda os nautilos, seguen o mesmo sistema natatorio que os seus antepasados fósiles, enchendo de gas certas partes da súa cuncha para flotar. As luras nadan por medio da chamada flotación dinámica, similar á dos tiburóns, cunha propulsión a reacción en chorro de auga. O resto dos cefalópodos que viven afastados da superficie desenvolveron un sistema químico de flotación, enchendo de compostos amoniacais ou aceites os espazos do seu corpo; ao seren estas substancias menos densas que a auga, flotan.
Os cefalópodos teñen un corpo musculoso e flexíbel, propiedade que se intensifica nos polbos, os cales son capaces de esconderse en espazos 10 veces máis pequeños que o seu corpo.
Moitos cefalópodos teñen comportamentos de fuxida rápidos que dependen dun sistema de fibras nerviosas motoras xigantes que controlan as contraccións potentes e sincrónicas dos músculos do manto, o que permite a saída a presión da auga da cavidade paleal. O centro de coordinación deste sistema é un par de neuronas xigantes de primeira orde (formadas pola fusión de ganglios viscerais) que conectan con neuronas xigantes de segunda orde, estendéndose estas até un par de grandes ganglios estrelados. Destes ganglios estrelados unhas neuronas xigantes de terceira orde inervan as fibras musculares circulares do manto.
Neurólogos de todo o mundo experimentaron con polbos ao longo do século XX e detectaron neles unha intelixencia superior á de calquera outro invertebrado; son capaces de encontrar a saída dun labirinto, abrir botes e mesmo aprender comportamentos dos seus conxéneres.
Segregan un líquido escuro, a tinta ou borra, coa que enturban a augua con obxecto de ocultarse. A tinta é un pigmento que se almacena na bolsa da tinta, situada enriba do recto e que pode expulsarse a través do sifón.
Pigmentación [editar]
Os cefalópodos teñen células pigmentarias no manto chamadas cromatóforos. Ditas células posúen pigmentos que se expanden ou condensan a vontade do animal por medio dunha contracción muscular controlada polo sistema nervioso. Desta maneira poden cambiar de cor en cuestión de segundos para mimetizarse co medio circundante e pasaren desapercibidos. Tamén usan esta capacidade para comunicarse entre eles por medio da coloración, grazas a súa aguda visión.
Sistema nervioso e órganos dos sentidos [editar]
Os cefalópodos posúen un complexo sistema nervioso formado por ganglios ao redor do esófago (ganglios periesofáxicos) que funcionan como un auténtico cerebro.[3]
Este cerebro está dividido en dúas porcións, chamadas masa supraesofáxica e masa subesofáxica segundo a súa posición respecto ao esófago, aínda que ambas as partes están unidas por conectivos.
Un trazo particular e exclusivo dos cefalópodos é que o cerebro está rodeado por unha masa ou caixa cartilaxinosa, que se interpreta como un "intento" evolutivo de formar un cranio.
O ollo dos cefalópodos é un órgano análogo ao dos vertebrados, de distinta orixe evolutiva e embrionaria, pero por converxencia evolutiuva ambos son moi parecidos. Os cefalópodos dispoñen do ollo máis desenvolvido de todos os invertebrados e mesmo rivalizan co dos vertebrados.[4]
Posúen oído a baixas frecuencias, como os mamíferos mariños, o que lles permite localizar aos seus depredadores máis alá do seu campo visual.
Metabolismo [editar]
No metabolismo deste grupo é destacábel a importancia da obtención de enerxía a partir da metabolización de proteínas, o que non é unha gran vantaxe evolutiva frote a outros grupos do seu contorno, como os peixes, que oxidan as graxas do seu tecido adiposo.[5] Aínda así, isto parece ser que é unha das características que lles permitiron conquistar hábitats tan exclusivos como son as grandes profundidades, onde exemplares de gran tamaño son predados por caldeiróns, zifios e cachalotes.
Tamén esta caraterística metabólica está relacionada coas propiedades nutritivas cando individuos deste grupo se utilizan na alimentación humana: baixo contido graxo, alto contido proteico (e, en ocasións, sabor amoniacal pola presenza de bases nitroxenadas, restos da mencionada metabolización proteica).
Evolución [editar]
Os cefalópodos separáronse do resto dos moluscos hai ao redor de 500 millóns de anos (no cámbrico medio),[1] coa aparición dos primeiros moluscos capaces de encher de gas certas partes da súa cuncha para poderen flotar. Esta nova capacidade natatoria, que aínda hoxe conservan algunhas especies, permitiulles abandonar o fondo mariño ao que estaban ligados os moluscos e acceder a novas rotas tróficas máis superficiais.
Os últimos descubrimentos indican que os cefalópodos se orixinaron bastante antes do que se pensaba até agora.[6]
Pero estes primeiros cefalópodos, de hábitat aínda próximo á costa, foron desprazados ao interior do mar por organismos máis avanzados, tales como peixes e réptiles mariños. Outro problema que se suscitaba, a súa vida superficial lles impedía baixar demasiado ao fondo mariño, xa que a súa cuncha non soportaba a presión da auga. Os descendentes con cunchas máis pequenas podían baixar máis e ter máis posibilidades de alimentarse, polo que a selección natural fixo que quedaran aqueles con cuncha pequena, chegando esta a facerse interna ou desaparecer. Aproximadamente hai 470 millóns de anos ordovícico medio) xa había coleoideos, xunto a unha gran gama de cefalópodos extinguidos na actualidade.
Segundo a teoría do meteorito caído na península de Iucatán hai 65 millóns de anos (cretácico superior), nese tempo a Terra sufriu graves cambios climáticos que ocasionaron extincións masivas, como a dos dinosauros.
Dito meteorito tamén puido ser o causante da extinción da maior parte dos cefalópodos, como as amonitas. Tan só sobreviviron os coleoideos e algúns nautiloideos. Por iso se di que os cefalópodos actuais proveñen dunha auténtica liñaxe de supervivintes. Aínda que agora sexan alimento básico de miles de especies, no seu momento estiveron no máis alto das cadeas tróficas mariñas.
Taxonomía [editar]
Na actualidade sobreviven preto de 800 especies,[7] aínda que o seu número se incrementa cada ano, quedando seguramentea algunhas especies vivas por descubrir. Estímase que o número de especies extintas rolda as 11 000.[8]
Os cefalópodos subdivídense en tres subclases:
Subclase Nautiloidea
-
- Orde Plectronocerida †
- Orde Ellesmerocerida †
- Orde Actinocerida †
- Orde Pseudorthocerida †
- Orde Endocerida †
- Orde Tarphycerida †
- Orde Oncocerida †
- Orde Discosorida †
- Orde Nautilida (única orde non extinta) - nautilos
- Orde Orthocerida †
- Orde Ascocerida †
- Orde Bactritida †
Subclase Ammonoidea † - amonitas
-
- Orde Goniatitida †
- Orde Ceratitida †
- Orde Ammonitida †
Subclase Coleoidea
- Cohorte Belemnoidea † - belemnitas
- Orde Aulacocerida †
- Orde Belemnitida †
- Orde Hematitida †
- Orde Phragmoteuthida †
- Cohorte Neocoleoidea (a maioría dos cefalópodos vivos)
- Orde Boletzkyida †
- Orde Sepiida - xibas
- Orde Sepiolida - xibas
- Orde Spirulida - xibas
- Orde Teuthida - luras
- Orde Octopoda - polbos
- Orde Vampyromorphida - lulas vampiro
Gastronomía [editar]
Os cefalópodos son un dos mariscos máis prezados. Cómense sos (luras á romana —fritas—, xiba á plancha, polbo á feira, etc.) ou como ingredientes doutros pratos (paella, fideuá, etc.).
Notas [editar]
- ↑ 1,0 1,1 Young, Richard E., Michael Vecchione, e Katharina M. Mangold (1922-2003). 2008. Cephalopoda Cuvier 1797. Octopods, squids, nautiluses, etc. Version 21 April 2008 in The Tree of Life Web Project
- ↑ Baratte; Andouche, A.; Bonnaud, L. (2007): "Engrailed in cephalopods: a key gene related to the emergence of morphological novelties". Development genes and evolution 217 (5): 353–362. PMID 17394016.
- ↑ Kutsch, Wolfram (1995). The nervous systems of invertebrates: An evolutionary and comparative approach. ISBN 978-3-7643-5076-5. http://books.google.com/?id=dW5e6FHOH-4C&lpg=PA115&pg=PA115#v=onepage&f=false.
- ↑ Serb, J. M. e Eernisse, D. J. (2008): "Charting Evolution’s Trajectory: Using Molluscan Eye Diversity to Understand Parallel and Convergent Evolution". Evolution Education and Outreach 1 (4): 439–447.
- ↑ Boucher-Rodoni, R. e Mangold, K. (1994): "Ammonia production in cephalopods, physiological and evolutionary aspects". Marine and Freshwater Behaviour and Physiology 25: 53.
- ↑ Smith, Martin R and Caron, Jean-Bernard (2010). "Primitive soft-bodied cephalopods from the Cambrian". Nature: 427–428.
- ↑ Cephabase
- ↑ Wilbur, Karl M., Clarke, M.R. e Trueman, E. R. eds. (1985): The Mollusca, 12. Paleontology and neontology of Cephalopods. New York: Academic Press. ISBN 0-12-728702-7.
Véxase tamén [editar]
Bibliografía [editar]
- Abbott, N. Joan e Roddy Williamson, Linda Maddock (1995): Cephalopod Neurobiology. Oxford University Press. ISBN 0-19-854790-0.
- Felley, J., Vecchione, M., Roper, C. F. E., Sweeney, M. & Christensen, T. (2001-2003): Current Classification of Recent Cephalopoda. National Museum of Natural History: Department of Systematic Biology: Invertebrate Zoology: Cephalopods
- Hanlon, Roger T. & John B. Messenger (1996): Cephalopod Behaviour. Cambridge University Press. ISBN 0-521-42083-0.
- Nixon, Marion & John Z. Young (2003): The brains and lives of Cephalopods. Oxford University Press. ISBN 0-19-852761-6.
- Remane, Adolf, Volker Storch & Ulrich Welsch (1980): Zoología sistemática. "Cephalopoda (Cefalópodos)". Barcelona: Ediciones Omega, S. A. ISBN 84-282-0608-2, pp.160-169.
- Stevens, Martin & Sami Merilaita (2011): Animal camouflage: mechanisms and function. Cambridge University Press. ISBN 0-521-19911-5.
Outros artigos [editar]
Ligazóns externas [editar]
- Cephalopods at the National Museum of Natural History Smithsonian. (en inglés) Consultada o 18/09/2012.