Canón Dora

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Maqueta do canón Dora no Museo de Guerra de Overloon.
Comparación a escala entre o canón Dora e un OTR-21 Tochka (en cor vermella). Véxase tamén a comparación cunha figura humana.

O canón Dora foi un inmenso canón de longo alcance de 800 mm, construído en Essen (Alemaña) e utilizado durante a Segunda Guerra Mundial contra as fortificacións da cidade de Sebastopol, na península de Crimea. Ata o día de hoxe, é a peza de artillaría máis grande que se teña construído.

Características e dotación[editar | editar a fonte]

O maior canón xamais construído tivo unha vida operativa de 13 días, durante os cales disparou un total de 48 proxectís. Necesitaba un convoi ferroviario de 25 vagóns para ser transportado, 2.000 homes de dotación e máis de seis semanas para ser montado.

A cantidade de man de obra necesaria para ensamblar o “Dora” era enorme. Cada un dos 80 cm K (E) tiña un destacamento completo de non menos de 1.420 homes ao mando dun coronel. Este dispoñía do seu propio cuartel xeneral e persoal de planificación. A dotación principal era de arredor de 500 homes, a maioría deles necesarios para o complicado proceso de mantemento e manexo da munición. Unha vez en acción, estes 500 homes permanecerían xunto ao canón, pero o resto do persoal estaba formado por varias unidades auxiliares, incluíndo unha de intelixencia para determinar que obxectivos debían bombardearse. Outro importante número de tropas estaba destinado aos dous batallóns de artillaría antiaérea lixeira, que sempre acompañaban ao canón cando viaxaba e que se encargaban ademais dalgunhas tarefas de ensamblaxe. Unha vez que o canón estaba en posición, estes batallóns antiaéreos procuraban que non se acercasen intrusos polo aire. Dúas compañías de sentinelas patrullaban constantemente o perímetro da posición (nunha ocasión, estas compañías foron romanesas) e en todo momento había un pequeno grupo de enxeñeiros civís de Krupp que trataban os aspectos técnicos do monstro e instruían aos soldados. As tropas ferroviarias e o persoal administrativo habitual completaban a dotación.

Incluso usando este pequeno exército, levaba entre tres e seis semanas ensamblar o canón coa axuda dos dous guindastres ponte de 10 t que foran deseñados especialmente para a tarefa. Só o situar correctamente o material necesario para a ensamblaxe xa era unha tarefa mestra de planificación ferroviaria, pero dalgunha maneira lograron realizala e a principios de 1942 o “Dora” estaba listo, xunto co resto do dispositivo de asedio e toda a voluminosa cantidade de munición necesaria.

Historia[editar | editar a fonte]

Durante séculos, o propósito das maquinarias de asedio foi o bombardear unha fortaleza sitiada ata rendela ou abrir unha fenda para que puidesen penetrar as tropas de asalto. Os alemáns estaban dispostos a repetir este procedemento a escala masiva. Procedente de todos os recantos de Europa, o exército alemán reuniu un enorme parque de artillaría de todos os tipos, desde os canóns de campaña de pequeno calibre ata os obuses de gran calibre anteriores á Primeira Guerra Mundial. Algúns eran alemáns orixinalmente, pero outros eran vellas pezas capturadas e a estas engadíronse os adornos dos foguetes e a artillaría superpesada. Nesta categoría entraban os morteiros móbiles de 60 cm coñecidos como Karl-Gerät e o último golpe de propaganda representado polo primeiro uso operacional do “Dora”.

Construción e obxectivos[editar | editar a fonte]

O canón “Dora” - 80 cm K (E) – polo seu tamaño e peso, por non falar da súa desmesurada potencia de ataque, entrou en acción tan só nunha ocasión. Foi concibido orixinalmente para esnaquizar os fortes da liña Maginot, pero cando comezou a Campaña Occidental en 1940, o “Dora” estaba aínda nos talleres de Krupp en Essen e, de todo os xeitos, o Exército alemán sobrepasou sen a súa axuda a liña defensiva. Deste modo, cando o equipo de 8 dm completara as probas do canón en Hillersleben e as demais probas do equipo en Rugenwalde, non había nada no que utilizar o canón e a súa dotación.

Para xustificar o esforzo de pór o enorme canón e o seu séquito en acción, o obxectivo potencial tiña que xustificar toda a molestia que representaba facelo e non había realmente grandes líñas de fortificacións en Europa coas que enfrontar o gran canón. Os dous maiores sistemas de fortificacións, as defensas dos Sudetes e a liña Maginot, estaban ambos os dous en mans alemás e parecía que o 80 cm K (E) estaba de máis incluso antes de ter disparado un só tiro.

A comezos de 1941 apareceu un obxectivo potencial nos taboleiros dos estrategas, e este era Xibraltar. Planeouse asaltar a illada fortaleza na boca do Mediterráneo para illar dentro do mar interior os aliados, pero como España era "neutral", necesitábase obter permiso do xeneral Franco para que as tropas alemás viaxasen através do territorio español a fin de efectuar o ataque. Os plans para o asalto (denominados Operación Félix) chegaron ao punto de que tropas paracaidistas e de planadores alemáns estaban adestrándose activamente antes de que a reunión entre Adolf Hitler e Franco mostrase que o ditador español non estaba disposto a que o seu país se mesturase nun conflito europeo a grande escala. Polo que outro obxectivo para o “Dora” chegou e foise.

Papel do Dora na Península de Crimea[editar | editar a fonte]

A invasión da Unión Soviética (Operación Barbarrossa) tivo lugar durante a segunda metade de 1941 sen ningunha axuda do “Dora”, pero a comezos de 1942 o avance do exército alemán era tan rápido e profundo que as tropas xa se encontraban nos arredores da península de Crimea. Fronte a elas estaba a base naval de Sebastopol, que era potencialmente un útil porto de abastecemento e base para os exércitos alemáns do sur. A necesidade dunha base de abastecemento non era moi urxente, pero o que interesou aos estrategas alemáns foi que Sebastopol era un porto tremendamente fortificado. Ao redor do perímetro da cidade contaba cunha longa cadea de fortes, algúns deles da época da Guerra de Crimea de 1854, pero outros máis modernos. E á beira do mar había numerosas baterías de costa de gran calibre. O lugar parecía ideal para un sitio ao vello estilo, seguido por un devastador ataque que demostraría ao mundo o poder do exército alemán. As relativamente lixeiras forzas que avanzaran ata Crimea foron reforzadas pronto por máis e máis tropas e os estrategas comezaron a percorrer Europa á busca de canóns pesados para preparar unha maquinaria de asedio ao antigo estilo.

O 80 cm K (E) foi transportado ata Crimea por unha vía ferroviaria reconstruída especialmente para este propósito. Por diante del, un pequeno exército de traballadores comezou a preparar a posición de tiro elixida en Bakhchisaray, unha pequena poboación nas aforas de Sebastopol. Máis de 1.500 homes baixo as ordes dun enxeñeiro do exército alemán escavaron a través dunha pequena chaira para construír unha dobre vía férrea larga formando un arco. Os lados desta vía foron alzados para proporcionar cobertura e protección para o canón. Nos accesos a esta obra, as tropas ferroviarias traballaban para reforzar as vías nos seus puntos máis débiles e permitir o paso ao “Dora”. Os traballos na posición de tiro alcanzaron tal proporción que a praia de vías estendíase ao longo de 1,2 km. Nesta área, os 25 vagóns separados que formaban o canón e a súa impedimenta debían ser enganchados, empurrados e arrastrados ata a súa posición correcta. Na retagarda, lonxe do canón, estaban os aloxamentos onde debían vivir as numerosas tropas que formaban a dotación.

O ataque comezou o 5 de xuño de 1942. O “Dora” foi unha máis das voces do enorme coro que anunciaba un dos maiores e máis pesados bombardeos de artillaría de todos os tempos. Cando se rendeu Sebastopol a principios de xullo de 1942, calcúlase que caeran no porto non menos de 562.944 proxectís de artillaría, a maioría deles procedentes dos obuses e canóns de gran calibre. E este total non inclúe as ruidosas tormentas de foguetes e o engadido da artillaría de campaña de pequeno calibre. Como sobreviviron os civís de Sebastopol ten fácil explicación. Simplemente metéronse baixo terra. A cidade sabía que ía ser bombardeada, xa que non só foran advertidos polas súas propias autoridades civís e políticas, senón que os alemáns lles guindaban constantemente mensaxes radiadas e propaganda variada sobre o destino que lles tiñan preparado. Para cando o bombardeo real comezou, cavaran profundos refuxios baixo a superficie e nas ladeiras de canteiras e outeiros e alí viviron e permaneceron durante semanas. Un sorprendente número deles sobreviviu.

O “Dora” non foi utilizado contra obxectivos civís. Os seus primeiros obxectivos foron algunhas baterías costeiras, que foron bombardeadas a unha distancia aproximada de 25 km, e todos os disparos foron observados por un Fieseler Fi 156 Storch da Luftwaffe asignado especialmente ao canón. Requiríronse soamente 8 disparos para demoler estes obxectivos. Máis tarde, aquel mesmo día, fixéronse 6 disparos máis contra a construción de formigón coñecida como Forte Stalin. Ao finalizar a xornada era tamén unha ruína e fixéronse os preparativos para o día seguinte. Podía pensarse que 14 disparos ao día era un ritmo máis ben lento, pero de feito é máis que bo para un canón de 800 mm. A mellor cadencia de disparo que se podía conseguir era de 1 cada 15 min e moi frecuentemente este intervalo era notablemente maior. A preparación de cada proxectil e a carga era unha tarefa considerable e debía ser levada a cabo en varias etapas, incluíndo a toma de temperatura de cada carga, cálculo preciso da temperatura do aire e velocidade do vento segundo a altitude e colocación da carga na recámara. O proxectil e a carga debían ser ensambladas de xeito preciso e o canón elevado nun ángulo correcto. Todo isto levaba o seu tempo.

O “Dora” entrou en acción de novo o 6 de xuño, inicialmente contra o Forte Molotov. Sete proxectís derruíron a estrutura e entón foi a quenda do obxectivo coñecido como o Cantil Branco. Este era o punto que se debía alcanzar para poder destruír un depósito de municións subterráneo baixo a Baía Severnaya, que estaba clasificado polos soviéticos como indestrutible para as armas convencionais. Pero non era invulnerable para o 80 cm K (E), que disparou 9 proxectís que se abriron paso a través do mar e de 30 m de fondo mariño, detonando dentro do almacén de munición. Para cando o “Dora” disparou o noveno proxectil, o depósito era una completa ruína e como remate da tarefa, un pequeno barco foi afundido no proceso.

Ao día seguinte, 7 de xuño, foi a quenda dun obxectivo coñecido polos alemáns como o Südwestspitze, unha fortaleza illada que ía ser obxecto dun ataque de infantaría. Despois de 7 disparos, o obxectivo quedou listo para recibir as atencións da infantaría, e a dotación do canón quedou libre para realizar algunhas tarefas de mantemento necesarias nun curto período de descanso ata o 11 de xuño. Ese día, o Forte Siberia foi o receptor doutros 5 proxectís de 800 mm e logo veu outro período de tregua para a dotación ata o 17 de xuño, cando disparou os seus últimos 5 proxectís contra o Forte Máximo Gorki e a súa correspondente batería de costa. Entón rematou o traballo para o “Dora”.

Unha vez caída Sebastopol en xullo, o dispositivo de asedio foi levado a Leningrado, onde realizou uns cantos disparos. Tras esa acción, a cal foi a última, “Dora” foi desmontado e transportado a Alemaña para que se lle efectuase unha revisión completa e un cambio de canón. Incluíndo os 48 disparados en Crimea, o “Dora” disparara ao redor de 300 proxectís en total, incluíndo probas, adestramento e demostracións. O seu canón foi levado de novo a Essen para a súa rectificación.

Retirada do servizo activo[editar | editar a fonte]

Non houbo máis nada que facer para o “Dora”. Pasou algún tempo no campo de tiro de Rugenwalde disparando ocasionalmente proxectís de demostración e sendo utilizado para as probas dalgúns novos proxectís anti-fortificación, e nun momento dado falouse de cambiarlle o canón de 800 mm por outro de 520 mm para aumentar o seu alcance. Este proxecto non se levou a cabo, como tampouco otro para montar o canón de 800 mm nun soporte autopropulsado con eirugas para que se puidese usar en batallas urbanas. Investiuse un esforzo considerable na planificación desta estrafalaria idea antes de abandonala, aínda que non era máis impracticable que o proxecto orixinal do 80 cm K (E), que absorbeu unha inmensa cantidade de homes e material de todo tipo, todo para disparar 48 proxectís sobre as anticuadas fortalezas de Crimea.

En maio de 1945, os compoñentes do “Dora” estaban dispersos por toda Europa Central. Os transportes ferroviarios coidadosamente planeados foran atacados constantemente por avións aliados e as pezas que aínda estaban intactas foron destruídas polas súas propias dotacións e abandonadas para abraio dos Aliados. Hoxe, todo o que queda do “Dora” son algúns proxectís en museos.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Canón Dora

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]