Batalla de Annual

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coñécese como Desastre de Annual a grave derrota militar que sufriu o exército español durante a Guerra de Marrocos (ou Guerra do Rif) o 22 de xullo de 1921, preto da localidade marroquí de Annual.

Esta foi unha das maiores crises que atacaron ao reinado de Afonso XIII. A denominación de "Desastre de Annual" dáse unicamente en España, xa que no Rif coñécese como "Vitoria de Annual".

Antecedentes dos feitos[editar | editar a fonte]

En febreiro de 1920 o xeneral Manuel Fernández Silvestre, tomou posesión do cargo de Comandante Xeneral de Melilla. Coa súa chegada a este posto, ordenou o avance das tropas durante todo o ano para conquistar os territorios ao oeste de Melilla.

Durante o inverno e a primavera de 1921, continuaron as operacións nestes territorios, ocupados case sempre sen violencia, chegando a acordos cos xefes dos territorios ofrecéndolles diñeiro para conseguir a súa amizade. En cada lugar ocupado construían pequenos cuarteis chamados "blocaos", sempre nas zonas máis elevadas, onde xeralmente non había auga, o que obrigaba a ir a por ela en mulas.

A distancia entre os "blocaos" era variable, entre 20 e 40 quilómetros, segundo estivese o terreo, pero se estaban moi xuntos as forzas repartíanse, co que había bos recursos para afrontar un ataque inimigo.

As condicións dos soldados non eran boas. Os subministracións escaseaban, as ratas e os piollos eran moi frecuentes no campamento.

Estando así as cousas, en maio de 1921, o groso do exército estaba nun gran campamento situado nuns outeiros preto de Annual. Dende Melilla até ese campamento había tres prazas fortes separadas entre si 30 quilómetros, máis outros pequenos fortíns con 100 ou 200 soldados cada un.

Até ese momento non houbera ningún enfrontamento armado, aínda que se gardaban as distancias con algunhas tribos que producían pequenos incidentes sen ningunha baixa importante.

O desastre[editar | editar a fonte]

O día 29 de maio, o xeneral Silvestre decidiu establecer unha posición avanzada no monte Abarran, contradicindo as ordes do seu xefe, o Alto Comisario de España en Marrocos Dámaso Berenguer, aínda que este movemento, ao parecer, tiña o apoio de Afonso XIII.

Ao pouco de chegar alí, a guarnición foi atacada polo inimigo, morrendo todos os defensores.

O 7 de xuño estableceuse outra posición no monte Igueriben, coa idea de defender o campamento de Annual polo sur. Esta posición foi atacada e quedou en poder do inimigo o día 21 de xullo, despois dun longo cerco no que os defensores quedaron sen auga e morreron, soamente 11 puideron chegar a Annula dos 350 que había no campamento.

Abd el-Krim

Tras estes sucesos, concentráronse arredor do campamento as forzas inimigas. Os rifeños estaban comandados por Mohamed Ben Abdelkrim El Jatabi (Abd el-Krim), antigo funcionario da Administración española na Oficina de Asuntos Indíxenas en Melilla.

Durante a noite do 21 ao 22, o xeneral Silvestre discutiu cos seus oficiais a forma de sair do cerco. Sen chegar a ningún acordo, a primeiras horas da mañá, e baixo fogo inimigo, deuse a orde de retirada e as tropas abandonaron o campamento; algúns oficiais saíron con calma, pero a maioría dos soldados saíu correndo e de forma desordenada, producíndose a masacre no camiño a Melilla. Nesta fuxida producíronse feitos de heroísmo, como o do Rexemento de Alcántara, que cargou en numerosas ocasións até a extenuación e sufrindo o maior número de baixas.

O xeneral Silvestre desapareceu e os seus restos non se atoparon. As poucas forzas que saíron vivas de alí, retrocederon até o campamento do Monte Arruit baixo o mando do xeneral Navarro, pero esta posición tamén foi asediada e os subministracións cortáronse, polo que o xeneral Berenguer autorizou a rendición o 9 de agosto. Pero os rifeños non respectaron as condicións e entraron no campamento matando aos soldados e facendo prisioneiros ao xeneral Navarro e a 600 efectivos máis.

Sobreviviron 60 homes dos 3.000. A causa de manter a estes con vida foi discutida polos historiadores, pero unha das razóns apunta a intención dos rifeños de evitar a que foi unha das causas da vitoria final española, o ataque con armas químicas.

Efectos en España[editar | editar a fonte]

En total calculase que nos combates morreron entre 10.000 e 20.000 españois e uns 1.000 rifeños.

A crise política motivada por este desastre fixo dicir a Indalecio Prieto nas Cortes:

«Estamos en el periodo más agudo de la decadencia española. La campaña de África es el fracaso total, absoluto, sin atenuantes, del ejército español».

O ministro da Guerra ordenou a creación dunha comisión de investigación, dirixida polo xeneral laureado Juan Picasso González, que elaborou o informe coñecido como Expediente Picasso, no que, se ben se sinalaban múltiples erros militares, debido á acción obstrutiva de algúns ministros e xuíces non se chegou ao fondo das responsabilidades políticas e incluso do propio rei, que segundo algunhas testemuñas animou á penetración irresponsable de Silvestre até puntos afastados de Melilla sen contar cunha defensa adecuada na retagarda. Segundo esas testemuñas, nunca probadas, xa que o documento en cuestión non se atopou, o rei enviou un telegrama, animando a Silvestre nas súas accións, co texto: "Ole los hombres".

Antes de que o informe Picasso se debatera nas Cortes, o xeneral Miguel Primo de Rivera deu un Golpe de Estado o 13 de setembro de 1923. Coa vitoria do Desembarco de Alhucemas, obtívose unha posición forte tras o desastre de Annual.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Batalla de Annual

Outros artigos[editar | editar a fonte]