Expediente Picasso

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O Expediente Picasso foi un informe redactado polo xeneral Juan Picasso González que relata os feitos ocorridos na comandancia de Melilla, no contexto da guerra de Marrocos; é dicir, o Desastre de Annual, entre o 17 de xullo e o 9 de agosto de 1921, no que perderon a vida 13 000 efectivos, entre soldados e oficiais.[1]

Historia[editar | editar a fonte]

O desastre ocasionou a caída do goberno de Allendesalazar. O 14 de agosto de 1921 o rei Afonso XIII encargou formar goberno a Antonio Maura, que crea un goberno de concentración para superar a crise vivida en España despois do desastre de Annual.[2] Maura nomeou Ministro da Guerra a Juan de la Cierva Peñafiel. De la Cierva marcouse como obxectivo prioritario esclarecer os feitos que provocaron o Desastre, e para tal obxectivo redactou o 4 de agosto unha Real Orde que nomeaba ao Xeneral da División Juan Picasso como Instrutor[3] e a Juan Martínez de la Vega y Zegrí como auditor.

As preocupacións do xeneral Dámaso Berenguer acerca de que a investigación puidese mostrar responsabilidades do Alto Mando,[4] fixeron que o ministro limitase o expediente de tal xeito que quedase fóra das investigacións a actuación do Alto Mando e do alto comisario.[5] Picasso mostrouse en desacordo con esta posición do ministro, manifestando a súa vontade de dar luz a todos os feitos, aínda que lle ofreceu ao Vizconde a posibilidade de ser relevado da comisión para continuar o seu traballo como representante na sociedade de Nacións. Temendo a dimisión, o ministro cedeu e vetou calquera investigación que puidese afectar ao Alto Mando.

Picasso non dimitiu e comezou a investigación trasladándose a Melilla, onde tomou declaración a 79 persoas en relación co Desastre de Annual, anotando xunto a cada nome das persoas involucradas no desastre «Morto», «Desaparecido», «Presente» ou «Plaza». O 23 de xaneiro de 1922 regresou á Península tras nove meses de traballo, cun informe composto por 2 433 folios que demostraba que as responsabilidades chegaban até Afonso XIII. O 8 de abril de 1922, o daquela coronel Batet, xunto con outro coronel e tres tenentes coroneis, foi nomeado xuíz do expediente instruído polo xeneral Picasso.[6]

O expediente, que cualificou como neglixente a actuación do xeneral Berenguer (Alto Comisario) e de Navarro (Segundo xefe da comandancia Xeral de Melilla), de temeraria a actuación do xeneral Manuel Fernández Silvestre, e de incompetente ao xeneral Felipe Navarro,[4] foi rexistrado no Congreso o 18 de abril de 1922 ocupando 2.417 folios e, en xullo, foi presentado ao Consello Supremo de Guerra. Ese mesmo ano, o 11 de xullo creouse unha comisión parlamentaria de Responsabilidades, denominada comunmente "La de los Diecinueve".

Máis tarde, o goberno de García Prieto creou outra comisión chamada "La de los Veintiuno",[7] que foi a encargada de emitir unha resolución en 21 días. Ante a imposibilidade de realizala deixouse para o 1 de outubro de 1923, mais o 13 de setembro de 1923 o xeneral Miguel Primo de Rivera deu un golpe de estado e fíxose co poder.[1] Co temor de que o Expediente fose destruído, o deputado Bernardo Mateo Sagasta Echeverría sacouno dos arquivos e agochouno na Escola Especial de Enxeñeiros Agrónomos, da que era director, onde se mantivo até 1931, cando llo entregou ao Congreso,[1] durante a Segunda República

Acceso ao Expediente Picasso e outros contidos relacionados co desastre de Annual[editar | editar a fonte]

Coñecido de forma fragmentaria durante moito tempo, o informe Picasso foi recuperado na súa totalidade e transferido ao Archivo Histórico Nacional en 1990.[8]​ O Expediente Picasso consta de 10 pezas e 2.417 folios. Todo o contido foi dixitalizado e pode consultarse no Portal de Archivos Españoles, onde aparece como "Información Gubernativa instruida para esclarecer los antecedentes y circunstancias que concurrieron en el abandono de posiciones del territorio de la Comandancia General de Melilla en el mes de julio de 1921 (Expediente Picasso)" coa signatura "FC-TRIBUNAL_SUPREMO_RESERVADO, Exp.50".​ A primeira peza contén un valioso índice do mesmo e nas páxinas web de cada peza detállanse os respectivos contidos.

Xunto co Expediente Picasso, o Arquivo Histórico Nacional contén unha peza, que inclúe testemuños obtidos con posterioridade como, por exemplo, os dos prisioneiros españois que participaron no Desastre de Annual e liberados anos máis tarde. Leva como título "Causa en única instancia instruída por el Consejo Supremo de Guerra y Marina para depurar las responsabilidades en que pudiera haber incurrido el Mando con motivo de los sucesos desarrollados en el territorio de la Comandancia General de Melilla en los meses de julio y agosto de 1921", e como signatura "FC-TRIBUNAL_SUPREMO_RESERVADO, Exp. 51". Esta causa inclúe 39 pezas separadas, todas elas publicamente accesibles.[8] No artigo referenciado anteriormente, pódese atopar unha descrición de ámbolos dous expedientes, así como a súa orixe e historia.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 Álvarez Merino, Urbano (06-08-2014). "El General Picasso : Un ejemplo de lealtad institucional". hayderecho.com. Consultado o 10-04-2018. 
  2. Tur, Francesc (10-03-2017). "El informe Picasso. Alfonso XIII y el golpe de 1923". serhistorico.net/. Consultado o 10-04-2018. 
  3. Pabón (1999), p. 799
  4. 4,0 4,1 Martín Alarcón, Julio (28-04-2016). "Expediente Picasso: la vergüenza del ejército que arrinconó a Alfonso XIII". elmundo.es. Consultado o 10-04-2018. 
  5. Saro Gandarillas, Francisco. "Juan Picasso González". dbe.rah.es (en castelán). Consultado o 28-4-2020. 
  6. Raguer Suñer (1994), p. 62
  7. Seco (1992), p. 179
  8. 8,0 8,1 Alfonso Alonso-Muñoyerro,, Belén de (xuño 2012). "Fuentes en el Archivo Histórico Nacional para el estudio del desastre militar de Marruecos en 1921: el "Expediente Picasso", la causa contra el mando y otros documentos". Boletín Informativo : Sistema Archivístico de la Defensa (Madrid: Ministerio de Defensa, Subdirección General de Publicaciones y Patrimonio Cultural) (21): 3–15. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Seco Serrano, Carlos (1992). Alfonso XIII y la crisis de la restauración (3ª ed.). Madrid: Rialp. ISBN 84-321-1987-3. 
  • Pabón, Jesús (1999). Cambó: 1876-1947. Barcelona: Alpha. ISBN 84-7225-740-1. 
  • Raguer Suñer, Hilario M. (1994). El general Batet. Colección: Biblioteca "Abat Oliba", nº 138 (en catalán). Barcelona: L'Abadia de Montserrat. ISBN 9788478265275. 

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]