Arquipélago Alexander
O arquipélago Alexander (en inglés, Alexander Archipielago) é un grupo de illas costeiras situadas na beira da costa noroeste de América do Norte. Está bordeado polo océano Pacífico e comprende aproximadamente unhas 1 100 illas, que son os cumes das montañas somerxidas costeiras que se elevan abruptamente desde o océano. Administrativamente, pertence aos Estados Unidos, ao estado de Alaska.
[editar] Características
É unha zona bastante perigosa para a navegación, tanto polo mal tempo derivado das altas latitudes como pola amplitude das mareas na rexión. As illas están separadas da península, e entre elas, por canles profundas e estreitas, por algunha das cales discorre unha coñecida rota marítima protexida do océano aberto, a Pasaxe Interior (Inside Passage).
As illas esparéxense ao sur da baía Glaciar e son de formas moi irregulares, con costas escarpadas e cunha abundancia de vida silvestre e moita vexetación, composta de densos bosques chuviosos temperados. As illas principais son:
- illa do Príncipe de Gales, con 6 675 km² e unha poboación aproximada de 6 000 persoas;
- illa de Chichagof, con 5 305,9 km² e unha poboación no ano 2000 de 1 342 persoas;
- illa do Almirantado, con 4 264,1 km² e unha poboación de 650 persoas;
- illa de Baranof ou illa de Sitka, con 4 162 km² e unha poboación de 8 532 persoas;
- illa de Kupreanof, con 2 802 km² e unha poboación de 785 persoas;
- illa de Revillagigedo, con 2.755 km² e unha poboación de 13 950 persoas;
- illa Kuiu, con 1 962 km² e unha poboación de 10 persoas;
- illa Etolin, con 878 km² e unha poboación de 15 persoas;
- illa de Dall, con 657 km² e unha poboación de 20 persoas;
- illa de Mitkof, con 546 km² e unha poboación de 3 364 persoas;
- illa de Wrangell, con 544 km² e unha poboación de 2 401 persoas;
Os asentamentos máis importantes son Sitka (máis de 8.000 habitantes no 2000), na illa de Baranof e Ketchikan (8.044 habitantes en 2004), en Revillagigedo. Hoxe en día, as principais actividades son o turismo, a pesca e a silvicultura.
O gran número de illas que forman o arquipélago explica porque unha rexión de menos de 800 km de largo ten case 29 000 km de costa, máis de 10 000 estuarios e 22 128 quilómetros de vías navegables.
[editar] Historia
As illas foron ocupadas polos nativos americanos tlingit e haida. Os tsimshianos chegaron á illa Annette a finais do século XIX. Os rusos exploraron a rexión desde 1741 e máis tarde fixérono os británicos, españois e estadounidenses. As illas ficaron baixo control estadounidense en 1867, coa compra de Alasca por Washington.
O arquipélago Alexander recibiu o seu nome do «U.S. Coast and Geodetic Survey» en 1867[1]. A cadea de illas chámase así polo tsar Alexandre II de Rusia (non confundir con Alexander Baranov, que foi director da Compañía rusa de América, unha próspera empresa rusa de comercio de peles de principios do século XIX e ao que se honra coa illa de Baranoff) .
Nun mapa da América rusa (Alasca) de 1860, o grupo de illas chámase Arquipélago do Rei Xurxo III.
[editar] Notas
- ↑ Dictionary of Alaska Place Names [Dicionario de nomes de Alasca] de Donald Orth (p. 64)